Stefano de María Teresa Andruetto, publicado en Costa Oeste de Galaxia en 2010, traducido magnificamente por Ánxela Gracián.
Dise nel na presentación editorial "Unha novela conmovedora e esperanzada sobre o camiño que debe emprender un neno para se converter en home. Stefano
está considerado un clásico, cita de referencia obrigada na literatura
xuvenil, que enlaza os acontecemento vitais emocionais da adolescencia
coa dura experiencia da emigración, como lle aconteceu a tantos galegos e
galegas que tiveron que cruzar o mar cara a unha terra chea de
incertezas, onde tiveron que poñer a proba o mellor e o peor que habita
no ser humano.
A calidade desta obra foi recoñecida con premios e distincións, entre
as que destacan, entre outros, o Premio White Ravens 1998 do
Internationale Jugendbibliothek. Múnic, Alemaña."
A autora dedícalle a obra a seu pai, e lendo o seu apelido e o tema que trata, enténdese.
Unha voz acompaña a ese rapaz que deixa á súa nai para emigrar. Lembra os xestos e as palabras, sempre poucas pero indelebles. Vai repasando unha vida chea de dificultades onde non falta nin o naufraxio do barco no que atravesan o Atlántico, nin a perda dos compañeiros, nin a dor de saber morta a nai sen ter feito nada para poder volver ou axudala...
A emigración é a dor da distancia, a ausencia dos seres queridos, o maltrato dos que agardabas que che axudaran, os encontros con xentes ben diferentes e a sensibilidade que o racha cando o acollen ben e lle demostran cariño. Orfo e nun mundo alleo ata dar coa muller coa que armará a vida e terá fillos, a muller que lle axuda a cravar as raíces na terra, aquela cara á que o dirixiu a nai sen sabelo e el buscou no afastado país. A música como banda sonora acompañando os seus pasos.
Hai que volver lelo para que o lirismo nos empape e a tenrura nos acolla.
Ningún comentario:
Publicar un comentario