O discurso íntegro nas catro linguas do Estado. Así aparece xa na cuberta, tal como me tería gustado ver a min o álbum Mentres ti dormes, porque tería significado o respecto debido ás outras linguas nun estado plurilingüe, porque á rapazada non lle importa senón que a enriquece, porque cos catro títulos movéndose polo ceo da noite cada unha de nós escollería en que contar / ler a historia. Pois ben, aquí sucede e é unha riqueza dende todos os puntos de vista, un ton de cor distinto no papel no que se escribe cada un dos idiomas. A tradución ao galego é de Henrique Alvarellos, un editor da vella escola que publica os seus textos nas outras editoriais.
Comeza Lorca explicando a diferenza entre falar e ler, entre oradores que nos achegan un discurso que nos deixa unha música pracenteira fronte aos poetas que nos din as cousas axiña e dunha maneira exacta. Boa observación, non é?
Continúa falando da melancolía que sente pensando nas criaturas que por falta de medios non poden gozar da beleza porque... "Non só de pan vive o home. Eu, se tivese fame e estivese desvalido na rúa, non pediría un pan, senón que pediría medio pan e un libro". Libros para que a alma non morra, como pedía Dostoievski. Libros para que o pobo que dorme coma a auga dun estanque, un día sen vento, poda ser conmovido e desacougado por un libro que lle pode ensinar novos horizontes de superación e concordia (palabras todas elas de Lorca). Porque todo o mundo civilizado se goberna por uns cantos libros (Voltaire)e os grandes momentos históricos saen deles. Nos libros está fixado o pensamento e a beleza.
"Abrir con machados de luz o bosque atoado da ignorancia (...) e xa sabemos que onde hai ignorancia é moi doado confundir o mal co ben e a verdade coa mentira."
E vai rematando: "Porque é preciso que saibades todos que os homes non traballamos para nós, senón para quen vén detrás, e que este é o sentido moral de todas as revolucións e, ao fin, o verdadeiro sentido da vida (...) Porque os homes morren, e eles fican máis vivos cada día; porque as árbores murchan e eles fican eternamente verdes, e porque en todo momento e en calquera hora se abren para responder unha pregunta ou prodigar un consolo" (os libros)
Era 1931 e había esperanza. Este é un libro cheo de esperanza; un libro para ter e agasallar, para ler de vez en cando e emocionarse.
Ningún comentario:
Publicar un comentario