luns, 2 de marzo de 2020

Os libros de Carvalho Calero: Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso.

Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso de Héctor Cajaraville publicado na colección Merlín de Xerais con ilustracións de Fino Lorenzo.
Da presentación editorial: 
"Ricardo Carvalho Calero é unhas das figuras de obrigada referencia na historia do idioma galego: como investigador, como autor literario e como docente e promotor da nosa lingua nos diferentes ámbitos, espazos e contextos de uso. É o responsable da primeira gramática do galego elaborada cunha base científica sólida e da primeira historia da literatura galega contemporánea, ademais de ser o primeiro profesor en ocupar a cátedra universitaria de Lingüística e Literatura galegas. Un auténtico pioneiro e un incansable defensor (e tamén construtor) da nosa identidade como comunidade, como pobo, como país. A Ricardo Carvalho Calero dedícaselle o Día das Letras Galegas 2020"
Despois de realizar no 2019, a magnifica biografía de Antonio Fraguas, este ano céntrase Cajaraville na vida de Carvalho Calero. Faino con toda a responsabilidade e entrega o traballo de maneira que poida ser utilizado dende os primeiros días do ano conmemorativo. Respecto é o que sen o autor polos homenaxeados e por eles documéntase a fondo para máis tarde aproximar todo ese saber á rapazada. Neste caso, ademais do texto expositivo, o listado de recoñecementos, a recollida da obra publicada e a cronoloxía que pon en relación cos acontecementos mundiais, engade sete pezas treatrais que recollen momentos moi especiais da súa vida e ao tempo recoñecen esa querencia e afición polo teatro por parte do autor homenaxeado. Lembremos que de neno se supón que asistía ao teatro Jofre (preto da súa casa ferrolá), foi alumno de Comellas Coímbra que acada sona como dramaturgo, dirixe ao grupo de alumnos/as de teatro no colexio Fingoy organizando as veladas teatrais, escribe dramaturxia... Por iso, Cajaraville lle dedica esa ofrenda detida na morte da nai, no paseo pola alameda compostelá da man de García Sabell, Fraguas e Cunqueiro; a despedida da muller en Lugo camiño de Madrid, no cárcere andaluz, dirixindo o teatro no Fingoy, no día da despedida na universidade e o día da morte despedíndose da familia.
Sete pezas teatrais arredor da súa vida, igual que as sete pezas que C. Calero publicara.

Ningún comentario:

Publicar un comentario