Catro títulos de Xerais para abrirlle a porta á lectura en galego, ese é o título da entrada do Blog de Xerais que nos anuncia esta boa nova.
A xenerosidade e o compromiso dunha empresa co galego, neste caso -ademais- tendo en conta que xa non é galega, que non son bos tempos para a edición na nosa lingua... que acaban de pasar por unha crise forte na que perderon o mellor dos seus activos: Manolo Bragado (un home ao que -coma a Rivas- costa traballo chamar Manuel, tanta é a confianza que a parte iluninada do país ten neles).
Grazas, Xerais, por activar a mellor demostración de que estás na defensa do país e a súa lingua. Agora está a pelota outras mans, na do profesorado que pode recomendar esta lectura, por dala a coñecer, por motivar ao alumnado (tamén a distancia), por poñer en valor unha iniciativa que merece todo a nosa consideración.
Está a pelota nas mans das familias á que unha industria lle facilita o tempo de ocio dos seus fillos e fillas, un libro para cada tramo de idade, unha boa escolla que se lles entrega nas mans / ollos a través da pantalla (nestes tempos nos que seixa a eles lles gusta máis mirar a través desa luz).
Agora, a pelota está nas mans de toda a xente que debería estar dirixindo e redirixindo esta iniciativa ás redes para que ninguén quede sen saber que cada rapaz e rapaza deste país foi agasallado con catro libros, para que ocupen o seu tempo de descanso, facendo o mellor que poden facer en situación de alarma e reclusión, lendo boa literatura.
Este paso non é un paso calquera. Este paso é unha maneira seria e comprometida de defender a lectura e a lingua, a literatura e á rapazada. Se algún neno ou nena non se enteran de que teñen catro libros de agasallo, será que as persoas adultas non estamos onde temos que estar, non facemos o que debemos facer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario