luns, 30 de marzo de 2020
Máis Magas das letras galegas: agora Baía
Cando unha empresa privada, como viamos na anterior entrada (Xerais) e nesta, Baía, fan o esforzo polo galego, por dar de ler en galego a través da rede, de forma gratuíta, sempre quedamos sorprendidas e agradecidas.
Sorprendidas porque os negocios están pensados para dar réditos, para facer cartos como se ten demostrado ao longo da Historia, por iso, cando asumen papeis de responsabilidade e compromiso co público, con todos e todas, cos que teñen cartos e cos que nunca lles merca un libro, sorpréndenos e non debería, porque moitas das editoriais galegas que publican en galego saben moito de proxectos deste tipo, de traballo para facer país e identidade, de esforzos para manter ese patrimonio herdado e para seguir construíndo cultura.
Cando se fala dunha cultura subvencionada había que mostrar claramente cales son os negocios que se aproveitan (de facelo) porque eu o que vexo é moito esforzo persoal (quen non lembra a Bragado percorrendo Galicia para dar a coñecer libros e autores/as?) e de grupo (defendendo a lingua e a lectura mellor que moitos que cobran para iso).
Grazas, neste caso imos dicir que chegaron as Magas
Así o presentan: "Baía Edicións con vos na casa"
Propostas de lectura
Para 4-6 anos:
Nube branca quere ser astronauta, de Pablo Nogueira e Manuel Uhía (ilustracións). Disfrázate, sopra, canta e salta con esta sinxela historia de superación, solidariedade e empatía, que che axudará a mellorar a pronunciación. DESCARGA
Un día de treboada, de María de Mata e Mariana Riestra (ilustracións). DESCARGA. Por que non pode unha muller ser tractorista? Falamos de igualdade, sempre a ter en conta
O dragón comemedo, RuAn (texto e ilustracións). DESCARGA. Este conto pode axudar a superar os medos a pequenas e pequenos, nun momento en que senten que algo estraño está a pasar, sen poder saír da casa.
Para 7-8 anos:
A casa máis animada do mundo, de Cristina Sáez Cazallas e Almudena Aparicio (ilustracións). DESCARGA Esta é a historia dunha casa encantada habitada por seres especiais que nos regalan un conto para cada día do mes.
O tempo do revés, María Solar, Arturo Iglesias e Xosé Tomás (ilustracións). DESCARGA. Serán Ana e Aldara capaces de falarse se non teñen en conta que a Terra é redonda? Vaia lea! Un enredo divertido coa física da Terra como fondo.
Para 9-10 anos:
Boa sorte, de María Solar, Arturo Iglesias e Xosé Tomás (ilustracións). DESCARGA. Boa sorte tiña moi mala sorte. O primeiro que fixo foi nacer e xa non lle saíu ben, pois naceu de cu. Ciencia e aventura nunha única obra con divertidos experimentos.
Moko, Cristina Sáez Cazallas e Fernando Juárez (ilustracións). DESCARGA. Moko chegou ao noso planeta en 1998 para alertar os habitantes da Terra dos perigos da destrución da capa de ozono e vivir unha aventura inesquecible.
Para maiores de 12 anos:
A herdanza do marqués, de Conchi Regueiro e Noemí López Vázquez (ilustracións). DESCARGA Zoila nin imaxinaba que un sitio como Vilacardoso podía encerrar tantos segredos escuros. Bastante fora con deixar a cidade, as vellas amizades e, sobre todo, a Jonathan
Diario dunha noiteboa, de Jacobo González Outes. DESCARGA. Novela negra ambientada en Compostela e no segredo dun grupo de estudantes de universidade que vai ser desvelado no diario do principal acusado da morte dunha moza.
Liliput, de Manuel Lugrís Rodríguez. DESCARGA. A Coruña como pano de fondo nunha investigación xornalística na que se nos presenta unha época na que todo se desenvolve como un espectáculo de monicreques e onde ninguén pode escapar ao seu destino.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario