xoves, 30 de xaneiro de 2025

Unha nova versión de Filla das ondas

 

Filla das ondas é un libro de Fina Casalderrey que tivo unha primeira versión publicado polo concello de Pontevedra en 1999 con ilustracións de Xosé Chavete.

Aparece así reseñado na galipedia: "Froiaz é un neno que se acaba de mudar a Pontevedra xunto co sei pai e a súa nai. Vive fronte á capela da Peregrina, e escríbelle ao seu amigo contándolle que non lle gusta a cidade. P ero todo vai mudar cando na noite de San Xoán, con lúa chea, tras escoitar unha voz cantar, asomouse á ventá e viu unha nena xogando, que o animou a baixar. A nena, Mariña, lévao de paseo pola cidade. Mariña é quen de transportalo a través do espazo e do tempo, e de facelo invisible se lle dá a man. Porén, Mariña debe mollarse cada pouco tempo con auga salgada, pois é unha serea, e se non o fai converterase nunha pedra. No paseo, coñecen ao loro Ravachol e ao seu propietario, Perfecto Feijoo. Despois pasan pola praza da Ferrería e polo convento de San Francisco, onde está soterrado Paio Gómez Chariño. Pasan por diante do museo de Pontevedra e pola praza da Verdura, onde se instalou en 1888 a fábrica de luz. Tamén pasan polo Teatro Principal e coñecen a Castelao, Alexandre Bóveda, Casto Sampedro, Manuel Quiroga e Benito Soto. Finalmente, pasan a carón da Basílica de Santa María, e falan de Colón e do barrio da Moureira. 

A obra conta con dous personaxes imaxinarios, un neno humano e unha nena filla do Mar e da Ría. Amais, conta con múltiples personaxes reais de diversas épocas de Pontevedra. Está en terceira persoa con narrador omnisciente." 

Agora, aparece reeditado por Kalandraka con ilustracións de Xosé Cobas no seu estilo característico o que os edificios adquiren un protagonismo especial e as augas se fan presentes; un volume en gran tamaño e con tonalidades que xiran ao redor do amarelo e o ocre. Unha nova vida para esta obra que nos presenta unha cidade que non deixa indiferente.

Da presentación editorial:"Unha forma diferente de coñecer Pontevedra, a súa historia, as súas lendas e o seu patrimonio, a través do misterio e da aventura."

luns, 27 de xaneiro de 2025

Acartoados de Xerais

Unha unicornia de El Hematocrítico con ilustracións de Alberto Vázquez. Preséntasenos unha unicornia e cóntanos que o que máis lle gusta neste mundo son as nenas, dinlle que non existen, pero ela cre na maxia e sabe que algún día poderá coñecer unha nena e cabalgar levándoa con ela. Así é, vai atopar un portal marabilloso debaixo do arco da vella e nese mundo máxico que atopa, hai unha nena que o colle no colo e o leva con ela. Outra historia á que se lle dá a volta. 

Outro título dentro dos Hematiños de Xerais e aínda que as ilustracións non son nada do outro mundo, a historia merece a pena... e máis se vemos que por fin O Hematocrítico xa escribía en galego. Unha sorte que perdemos, tampouco dese avance poderemos gozar!

venres, 24 de xaneiro de 2025

Traducións

O neno ultramillonario de David Walliams, ilustrado por Tony Ross, traducido por Eva Almazán e publicado por Sushi Books.

Da presentación editorial: "Preguntástesvos algunha vez como sería ter un millón no banco? Ou mil millóns? E un billón? Ou mesmo un trillón? Pois preséntovos a Joe Spud.

Joe non necesitaba imaxinar como sería posuír diñeiro a carradas, diñeiro a dar co pé, montes e moreas de diñeiro. Porque só tiña doce anos, pero estaba o que se di total e absolutamente podre de cartos. Podía mercar calquera cousa que se lle antollase: un bólido de Fórmula 1, unha montaña rusa para el só, todos os xogos de ordenador do mundo… Todo, agás algo que o diñeiro nunca poderá comprar: un amigo."

Moi no estilo de Roald Dahl: as grandes esaxeracións, a defensa da bondade, o afecto como valor máximo, a loita contra os intereses espúreos... Todo sito sumado a unha estrela da televisión, un home moi seguro de si mesmo que cando fala de libros cita os seus no medio da narración. Tamén pode axudar que o seu ilustrador é compartido con Dahl...

Os forasteiros do tempo. A aventura dos Balbuena no Imperio Romano, escrito por Roberto Santiago, ilustrado por Enrique Lorenzo, traducido por Isabel Soto e publicado por SM Xerme

Da presentación editorial: "Soldados, leóns, gladiadores, o cónsul de Roma... Os Balbuena aterraron no Imperio romano. Unha nova aventura está a piques de encomezar! Xa sei que soa un puoco raro, pero últimamente no fago outra cousa máis que viaxar no tiempo a través dun buraco negro. Ben, en realidade non viaxo eu só: acompáñanme os meus irmáns, o meu pai e unhas veciñas. Esta vez aparecimos no Imperio romano, que é unha época moi interesante e emocionante, e ademáis fixemos unha morea de amigos novos; eu mesmo convertinme en gladiador e loitei contra un león! Pero o certo é que o único que eu desexo é volver á casa coa miña familia. Quen me mandaría a min meterme neste sarillo?" 

E tamén así:"Xa sei que soa un puoco raro, pero últimamente no fago outra cousa máis que viaxar no tiempo a través dun buraco negro. Ben, en realidade non viaxo eu só: acompáñanme os meus irmáns, o meu pai e unhas veciñas.

Esta vez aparecemos no Imperio Romano, que é unha época moi interesante e emocionante, e ademáis fixemos unha morea de amigos novos; eu mesmo convertinme en gladiador e loitei contra un león!

Pero o certo é que o único que eu desexo é volver á casa coa miña familia. Quen me mandaría a min meterme neste sarillo?"

Continúan as aventuras de Sebastián Balbuena de Moratalaz e os seus, de furado negro en furado negro, pasando dun tenpo a outro: dun poboado do afastado Oeste a un reino na Idade Media ou ao imperio Romano; dando saltos no tempo e no espacio dunha tormenta eléctrica noutra.

martes, 21 de xaneiro de 2025

Un álbum da Factoría K de libros

Panthera tigris de Sylvain Alzial e Hélèna Rajcak, traducido por Tamara Andrés e publicado por Factoría K de libros.

Da presentación editorial:"Unha historia que bebe das antigas ensinanzas hindús para reflexionar e sabelo todo sobre os tigres de Bengala." 

Unha obra que vai entre a ficción e a información con ensinanza  incluída, porque de pouco vale sabelo todo se non sabes o máis importante, porque ás veces o bosque non deixa ver a árbore, porque unha cousa é o saber libresco e outra o saber experiencial e ambos deben ser tidos en conta.

"Había unha vez un señor que sabía moitas cousas. Era un homiño de barba branca e chapeu negro que sempre levaba con el un libro enorme cheo de datos. Psaba todo o día a ler e a súa sabedoría non tiña fin. Coñecía a historia do MUNDO, a historia do CEO e da TERRA, a historia dos HOMES e das MULLERES, a historia dos ANIMAIS, a historia dos INSECTOS, a historia dos LUGARES..." e un día atopa o que busca: o tigre de Bengala sen ter escoitado o que lle quere dicir o cazador local que o acompaña. 

Poucas cores son necesarias para unha marabillosa historia, guardas moi simbólicas e un deseño magnífico.

sábado, 18 de xaneiro de 2025

De varia silva

As aventuras de Pinoquio de Gianni Rodari aparecen traducidas por Leandro García Bugarín e ilustradas por Maruxa Caeiro, da man de Galaxia, nun formato novo e ben interesante.

A historia en verso, un deseño coidadísimo, co boneco ao lado da paxinación, cuns colaxes limpos e coloristas... Un obxecto artístico!

Da presentación editorial: “Velaquí comezan as aventuras de Pinoquio, as súas travesuras, monicreque famosísimo polo seu nariz longuísimo”. Así inicia Gianni Rodari a súa especial homenaxe a un dos personaxes máis senlleiros da literatura universal, onde atoparemos os personaxes que Collodi imaxinou, o boneco de madeira, o seu creador Geppetto, o Tragalumes, a fada Turquesa, o mastín Alidoro, o Grilo..., a través da xenial e divertida pluma do “gramático da fantasía”

Lisístrata de Aristófanes en tradución (introdución e notas) de Iria Pedreira Sanjurjo con ilustracións de Norman Lindsay e publicado por Sushi Books. 

Nestes tempos de guerra pode estar ben ler "unha atrevida comedia pola paz para a xente do instituto"

Da presentación editorial: "Na Antiga Grecia, atenienses e espartanos levan anos enfrontados nunha cruenta guerra que non parece ter fin. Fartas de tanta violencia, inxustiza e soidade, as mulleres, lideradas pola afouta Lisístrata, deciden tomar as rendas da situación e inician unha folga sexual para conseguir a paz. Esta atrevida e irreverente comedia de Aristófanes que convida a facer o humor e non a guerra leva máis de dous mil anos facendo rir o público."

Moi boa edición e na nosa lingua. 

Nas patas de Fido de Marina Aguirre e Sara Casilda publicado por Pepa a Loba. Un album ilustrado no que destacan as imaxes da nena protagonista e o can ata o punto de semellar realizadas por alguén que se dedica ao retrato, así como nos sorprenden outras. O texto pode quedar curto á hora de explicar a situación: unha nena permanece no cuarto ou na casa e o can tráelle o mundo exterior nas súas patas: o tempo atmosférico e as súas estacións pero tamén arrecendos, afectos ou estrelas e incluso un carro no que a nena vai poder saír ao exterior acompañada polos seus amigos. Unha nena e un can que é todo un mundo para ela!

venres, 17 de xaneiro de 2025

Un libro que son dous: Xosé Tomás

Sete días con Lía ou Sete días con Leo é o título, porque cada historia ten o seu título e a súa cuberta. Unha empeza por un lado e outra polo outro. Un protagonista, unha protagonista; unha historia nun lugar en paz e outra nun lugar en guerra, é dicir, nun campo de refuxiados que é a consecuencia dunha confrontación bélica. A historia dunah semana, dos sete días dunha semana. Unha historia interxeracional porque Lía fala de seu avó e Leo fala da súa avoa. 

As bolboretas van dunha a outra historia, da de Lía que vive na aldea e á que lle gusta ir co avó cando leva as ovellas a pastar porque daquela párase o tempo, porque o avó mantén a esperanza na familia para que Lía e súa nai non caian na tristeza pola perda do pai, cando se aburre el faille descubrir todas as marabillas que hai ao redor, xoga cos curáns de sube ao monte coa nai "porque hai que gañar á escuridade" o que se demostra cando o avó lle demostra que detrás das nubes está o sol. A avoa de Leo tamén llo di o domingo despois de que os tan agardados papeis cheguen para poder comezar de novo, levan dous anos e medio no campo de refuxiados. a avoa dálle seguridade porque mantén a fortaleza; ela é o pasado e o presente e cando conta contos deixas de escoitar as balas, el nunca se aburre nese lugar pero ve aos adultos coma zombis, agardando...  

Nas gardas iso que as une: as bolboretas, nos fondos a presenza maioritaria dunha cor: verde na de Lía e crema para representar a area na de Leo. Unha ensinanza: aínda nas mellores condicións, as vidas dos nenos non sempre son doadas; aínda nas peores circunstancias, as crianzas atopan motivos para a felicidade. Outra: os avós e as avoas son referencias básicas ás que asirse, sempre están aí para eles e para elas, lembrándolles de onde veñen, poñéndoos en contacto coa tradición e cos soños, son quen de curarlles as feridas... porque, quen mira como un avó ou coma unha avoa?   

No campo de refuxiados e na súa escola, faltan moitas cousas pero é divertida porque non todo depende dos recursos, non, hai outros aspectos a ter en conta.

Da presentación editorial:"A vida é ben distinta se a vives nun país en paz ou nun país en guerra, na túa casa ou nun campo de refuxiados, pero os seres humanos somos iguais esteamos onde esteamos. En “Sete días con Leo/ Sete días con Lía” terás dúas historias paralelas pero ben diferentes."

Xosé Tomás escritor cóntannos a historia, o Xosé Tomás ilustrador faino doutra maneira, escollendo as cores e as imaxes, indo máis alá do que se conta colocando un espírito na mesa ao lado dunha muller, triste pola dó e incapaz de comer, mostrando a fermosura da natureza cando é preciso, colocando as omnipresentes bolboretas ou os avións de papel que semellan voar dunha a outra historia... Aí está a man que nos leva polas historias que hai que ler porque levan reflexión sobre a rapazada e sobre o tepo que vivimos, porque mostra respecto polas crianzas que, como el e Miguel Vázquez Freire contan, son pequenas pero non bobas, porque lle importan!

mércores, 15 de xaneiro de 2025

Unha nova obra de Miguel Alonso e Luz Beloso

O tándem Miguel A.Alonso e Luz Beloso é quen de crear uns produtos moi especiais. O último é O soño de Emma publicado por Embora.

As imaxes características de Luz, coas nenas bonecas de ollos grandes, gardas dun colorido impresionante nas que as figuras de paisaxe se transforman en figuras xeométricas xogando cunha tonalidade de fondo (laranxa ou azul), unhas mulleres en zancos debuxando as letras, o texto en estrofas co versos de catro sílabas preséntanos a nena, unha letra que forma parte do seu nome e debemos adiviñar con algunha outra pista tanto textual como gráfica pois aparece representadade maneira persoanalizada a modo dun boneco de peluche, a letra soña con ser número para pode sumar cousas boas e restar as malas, as referencias á Georges Seurat (tarde festiva no parque), as gardas e demais casas a Paul Klee, nas cores e as formas redondeadas Sonia Delaunay, figuras de Picasso especialmente do Guernika e de Goya. Un percorrido polos artistas que a emocionan para acompañar os versos de Alonso que xogan con letras e números que se moven entre os naturais, enteiros, racionais... pero, sobre todo, entre a bondade e a maldade, o que se debe sumar para levalo con ós e o que se debe restar para deixar atrás, para sempre. Para que imos querer as guerras, o odio, a morte, a fame ou a envexa?

Así se presenta: "Qué teñen en común Emma, unha vogal, os números e a pintura?

Pero ela quería ser un número,

soñaba con sumar

bicos, amigos, paxaros,

voces e nubes de lento pasar.

Pero tamén quería ser un número

tamén para restar

envexar, fame, morte,

odio e guerras de triste vagar."

Unha obra realmente moi persoal dun escritor e unha ilustradora, sempre dispostos a crear un novo a orixinal libro.

luns, 13 de xaneiro de 2025

Unha novela para ler e pensar: Escola de bruxas de María Canosa

Unha novela para ler e pensar: Escola de bruxas de María Canosa, con ilustracións de Maiky Odel, está publicado por Xerais na colección Sopa de libros.

Poderiamos pensar: unha máis de bruxas, pero vai máis alá. Dentro desa produción de libro infantil ao redor das bruxas, este ten mais que contar e, sobre todo, está ben contado e dá para pensar. Tanta moda de emocións e emoticóns e igual esquecemos ámbitos de tanto valor coma o esforzo, o empeño en superar dificultades, dende o propio eu con axuda da xente que  nos quere e non nos vai deixar soas. Digo ben contada e digo ben,porque se le coma se nola contasen, sen andar tropezando con parágrafos que nos molestan, sen perdernos (iso que tan de moda está, neste momento, por non darlles unha segunda ou terceira lectura ás novelas), situadas sempre no lugar e momento. As ilustracións tráennos ese aire moderno e de banda deseñada ou manga tan actual, non se pode dicir que as bruxiñas sexan do pasado. Nalgún momento incluso me lembraron esas que adoro de Cristian F. Caruncho en Zaínza a Punkiereteira. Teño que confesar que aínda que me gustan e moito as das rapazas, encántame a da páxina 69 na que representa á esbelta profesora, porque tamén lle teño que agradecer iso, que represente á rapazada de forma diferente á sexualizada adulta.

Da presentación editorial: "Mencía non encaixa na escola de bruxas, pero con amigos e esforzo pode que atope a súa propia maxia. Comeza o curso na escola para perfeccionar as súas técnicas de maxia e meigallos rodeada doutros nenos bruxos e nenas bruxas. Nunca antes vira tantos compañeiros xuntos. E nunca se sentira tan soa e diferente... Tanto, que pensou que o de ser bruxa non era o dela. Pero non hai nada que se resista ao seu esforzo e a unha boa amizade."

Xustamente, diso se trata, xa vai de mala gana e cando chega alí dáse conta de que non ten nada que ver con aquela xente: nin no físico (o seu pelo, a cor da súa pel, a roupa e as zapatillas que leva) nin tampouco no psicolóxico: non ten maior interese nesas artes e séntese rechazada por todos agás por unha rapaza que se fai amiga súa dende o primeiro momento, que a acepta tal como é, que a defende e a axuda en cada novo reto teña a dificultade que teña dende a escoba á variña. Porque a historia fainos pensar naquilo que lle di Nivaria "téntao, unha vez máis (e logo outra e outra máis ata chegar)". As dificultades iranse vencendo, se non é quen de contar ben e salta determinados números con iso pódese vivir, só hai que contar doutra maneira, se non fai maxia coa variña ou non pode voar coa escoba... todo é cousa de poñer ao seu servizo aquilo que se lle dá moi ben, que a libera de cando problema xorde: a música! 

A amizade fainas cambiar, a unha a á outra, Mencía pode levar unha capiña (ao seu xeito) e Niva vai calzar uns zocos e uns pantalóns que nun principio non estaban no seu roupeiro. Porque a amizade nos vai unindo e por iso, ás veces, as amigas mítanse coma se fosen irmás. Tamén nos fai pensar en algo que as persoas adultas sabemos pero que á rapazada lles custa entender, que poucas cousas son permanentes, que eses rapaces que hoxe se rin de ti poden cambiar e non facelo mañá (pero hai que poñerlle freno, iso si, e non aguantar ningún desprezo). A profesora está ben debuxada, moi ben tratada, sabe estar onde corresponde apoiando sempre a quen o pode precisar en cada momento. E, non temos que ser boas en todo, sempre hai algo que se nos resiste e no que temos que insistir pero hai outros ámbitos nos que case temos maxia, como lle sucede a Mencía coa música.

Bruxas e lugares con nomes ben especiais que adiviñamos a que responden. Imos entrar nesta escola!

sábado, 11 de xaneiro de 2025

Unha nova entrega da serie Presas fáciles

Miguelanxo Prado acaba de presentar unha nova entrega da serie Presas fáciles; o seu título é Voitres.

Preséntase así: "Neste novo caso os policías Tabares e Sotillo investigan o suicidio de Irina, desencadeado pola recepción de foto intimas no seu móbil. A trama mergúllase no mundo do acoso cibernético e as presións sociais na era dixital, coa dupla de investigadores desenterrando segredos que os conducen á verdade detrás da traxedia de Irina. Co seu estilo visual inconfundible, esta nova bd de Miguelanxo Prado incita á reflexión sobre o que esconden moitas das terribles novas que lemos nos xornais onde a realidade pode parecer ficción e viceversa."

Do xénero negro, da bd con conciencia, do novso mellor viñetista a historia dunha adolescente adoptada que se ve abocada ao suicidio cando non é quen de entender que sucede, por qué aparecen imaxes de contido sexual no seu móbil... Si, voitres porque hai xente disposta a facer o que sexa por conseguir cartos, porque hai xente disposta a pagar o que sexa por conseguir sexo e no medio a inocencia caendo baixo as garras desas fieras igual que caeran -na primeira entrega- os vellos nas preferentes dos bancos. Hienas e voitres aproveitándose das persoas máis vulnerables. Menos mal que hai policías que coidan para que a sociedade non funcione coas leis da selva. 

Encántanos ver a trama situada na cidade da Coruña, coa torre de Hércules no horizonte, ese ollo de deus que vixila iluminando os camiños de Tabares e Sotillo que os percorren traballando ou deixando que as estrelas lles mostren a miudeza humana no planetario, paseando polo porto e a mariña na que mostrar a beleza pura da urbe marítima e continuar esa historia que amor que se vai mesturando coa investigación. 

mércores, 8 de xaneiro de 2025

Un novo título para "A pequena memoria"

A colección "Pequena memoria" de Xerais, dirixida por Eva Mejuto vese ampliada con O triángulo vermello de Carme Vidal e Pablo Iglesias Núñez, ilustrado por Belén Diz.

Da presentación editorial: "Mercedes Núñez (1911-1986), política republicana e militante antifascista, logra sobrevivir ao Cárcere de Ventas franquista e ao campo de concentración nazi de Ravensbrück e dedica os últimos anos da súa vida a denunciar a represión sufrida no que foron dous verdadeiros infernos para as mulleres. A súa biografía é unha lección de vida, de solidariedade e compromiso coa liberdade e a xustiza. A súa herdanza, unha vacina contra o fascismo. O triángullo vermello é o terceiro título da colección Pequena Memoria, para recuperar as voces silenciadas da historia. Unha biografía emocional de Mercedes Núñez, loitadora polas liberdades e supervivente do fascismo, a través da mirada inocente do seu fillo Pablo."

Unha foto na rúa Real da Coruña, un baúl no que se garda a Historia da vida política da nai, a narración desa vida apoiada por cada un dos obxectos dese caixón de memoria democrática. Ese contedor preséntalle a muller que era súa nai antes de nacer el, a que naceu nunha familia acomodada e medrou no caldo de cultivo da República como unha activista social consciente e comprometida que fora secretaria de Neruda no consulado de Chile en Barcelona, afiliada ao Ateneo e ao PSUC... cando triunfa o Golpe de Estado de 1936 viaxa á Coruña para reorganizar o Partido Comunista pero é detida e despois de pasar por varias cadeas permanece nas Ventas de Madrid e posteriormente pasa á resistencia en Francia, sendo detida, de novo e conducida finalmente  ao campo de concentración nazi coñecido como o inferno das mulleres. A piques de morrer gaseada é liberada polos aliados, en Francia vai prticipar no xuízo contra o seu torturador nazi e posteriormente convertirase na testemuña deses tempos fatídicos. Dela é o libro Cárcere de Ventas no que atende a petición das súas compañeiras de explicar na rúa o que alí vira e tamén Candidata al crematorio na que explica o tempo de resistencia e deportación. Co militar republicano Medardo Iglesias, que coñeceu no hospital de convalecencia finalizada a II Guerra Mundial, vai ter o seu fillo Pablo Iglesias (un dos que levan ese nome con toda a dignidade e que hoxe é promotor da Amical de Mauthausen en Galicia, a asociación que mantén viva a memoria dos españois nos campos de exterminio), un dos autores do libro.

A historia é tan potente como esa vida de loita pragada das experiencias radicais e máis duras que puideron vivirse no século XX.  As ilustracións son potentes, dende esa cuberta co baúl con todos os obxectos do horror situado nesa mesa cotiá co xarrón coas flores e o paxariño que se pousa. En azul, un azul triste de bolígrafo que só se ve salpicado polo triángulo bordado en vermello e ese fío que vai unindo fotografías e anotacións do que foi a vida. Nese azuis continúan as ilustracións do interior nas que xogando con diferentes tamaños nos mostra documentos, a cidade na que comezou o calvario, a escena familiar na que o fillo escoita o relato da nai mentres ela nova subida ao baúl pon o puño en alto mentres a garda civil lle apunta... a vida posta a proba na beleza dos pequenos momentos nos que as flores se fan presentes ou das aberracións nas que a mulleres se amorean nos cárceres e campos de exterminio, a tenrura que envolve eseas lembranzas de mulleres novas adoptando as nais que quedaron orfas de fillos, as mans que cosen, a roupa colgada, os pés nunha natureza que segue viva a pesar dos zapatos abandonados das que non sobreviviron, as telas ou árbores retortas que envolven igual que o fan os aramios de espiñas, os lobors depredadores no medio da noite acechando o exterminio ... a enteireza para sabotear as armas nazis ou para declarar no xuízo fronte ao mundo; o fío vermello que ata as pólas das retortas árbores ou as fotos reais das gardas,o lume que queima o tempo e as lembranzas, que cose as marcas que as identifican, as flores e os paxariños que continúan cantándonos coma a san Ero mentres pasan os anos e os séculos.

Un libro para lembrar o que pasou, para recuperar memoria e facer xustiza pero tamén para lembrar que os lobos seguen aí, que as flores e os paxariños non deben confundirnos so confortarnos porque o que pasou pode repetirse e ninguén vai ser inocente.    

Antes foron A lavandeira de San Simón e A nena lectora. Que virá despois?

martes, 7 de xaneiro de 2025

Un álbum para a memoria histórica

A lavandeira de San Simón é un álbum ilustrado, escrito por Eva Mejuto e coas imaxes de Bea Gregores que abre a colección Pequena Memoria de Xerais. 

A autora que xa tiña tratado a recuperación da memoria histórica na novela xuvenil Memoria do silencio, a través da historia das irmás Touza de Ribadavia, céntrase agora nas mulleres que visitaban os presos da illa de San Simón. Lavandeiras porque lle lavaban as roupas e porque no media desas telas ían e viñan cartas que facían algo máis levadeira a situación. A illa da Memoria recupera así algo da lembranza daqueles tempos nos que o horror envolveu a beleza; faino a través de dous rapaces que viaxan coas nais á illa e ven o que ningún neno, ningunha nena, debera ter que ver nunca. Nas gardas as fotos deses tempos na illa e das persoas relacionadas con esta historia. No relato a vergonza e o medo, os insultos e o illamento, a fame e os piollos, denuncias e cunetas ensanguentadas, cadea e campo de concentración... todo ao servizo da recuperación das voces silenciadas da historia. As mulleres sen nome que lavaron e cociñaron para que no medio da iniquidade se puidera recoñecer a solidariedade.  

A través dun enlace accedemos á páxina na que se documenta esta historia.

domingo, 5 de xaneiro de 2025

Polo mar salgado

Polo mar salgado é un libro de poesía de Nieves García con ilustracións de Marina Gibert, traducido por Manuela Rodríguez e publicado por Kalandraka.

Da presentación editorial: "Unha viaxe extraordinaria pola superficie e o fondo dos mares para coñecer, entre versos rítmicos e sonoros, algúns dos seus habitantes." "Un novo acartonado con texto rimado para coñecer os mares e os seus habitantes. A noite e os soños ofrecen a grandes e pequenos unha marabillosa oportunidade para vivir aventuras compartidas. Nesta ocasión, unha viaxe extraordinaria pola superficie e polo fondo dos mares. Polbos, linguados, atúns ou sardiñas serán os nosos compañeiros de xogos nocturnos acompañados da lúa.  Nos versos rítmicos e sonoros de Nieves García, gran coñecedora da tradición poética, resoan os ecos de Lorca, Guillén, Alberti ou Miguel Hernández e son un vehículo ideal para transmitirlles aos prelectores e prelectoras o gusto pola palabra iniciando o seu camiño no itinerario lector. As imaxes vivas e coloridas de Marina Gibert completan esta proposta ideal para nenos e nenas de dous anos en diante."

De páxinas en cartón, un libro duro para mover con dedos gordechos, para manipular sen medo, para observar a fauna marítima nun mundo cheo de colorido e ritmo, de rima e imaxes, con eses elementos que tanto gustan ás crianzas (mar, lúa, espuma, ondas, estrelas, illa... peixe espada, delfín, cabaliño de mar, medusa, argazos, corais, estrelas de mar, polbo, linguado, atún, sardiña, ourizo, lura, cangrexo, vieira... O protagonismo está claro, unha criatura móvese por ese mundo poético entre os versos de seis sílabas e a rima asonante nos pares, catro versos en cada plana e unha delas só con imaxes porque estas son tan importantes coma as palabras; a crianza tan pronto vai navegando na lúa como montada no cabaliño de mar, nun atún ou nunha corrente mariña, nadando ou agarrándose a unha alga, xogando coa lura ou permanece na illa, iso si, balanceándose na randeeira. Diso se trata, de xogar coas imaxes e os versos que se aprenden e se poden ir recitando ao tempo que se miran as figuras e se pode continuar inventando estrofas, porque unha vez metidos en faena todo ó doado.

Entremos neste mar de versos, naveguemos entre a fauna e a vexetación, nademos, mergullémonos e descansemos pousando o corpo na superficie de auga igual que se estivésemos na cama, disfrutemos do mar e da poesía unha un está cheo da outra e viceversa.   

venres, 3 de xaneiro de 2025

Unha de detectives e misterio

A maldición do papiro alexandrino de Beatriz García Turnes está publicado na colección Forá de Xogo de Xerais.

Da presentación editorial: "Nadal de 1918. Ao finalizar a Gran Guerra, Atenea Donadieu regresa a Francia para iniciar os seus estudos universitarios. Axiña, a súa intelixencia e os seus coñecementos chaman a atención na Facultade e levan a súa compañeira Olga Aleksandrova a facerlle unha encarga moi especial: debe axudarlle a recuperar un antigo papiro roubado. Deste xeito, Atenea non só lle fará un gran favor á súa nova amiga, senón que evitará o cumprimento da maldición que ameaza o novo dono do manuscrito."

Unha historia que bebe no misterio e a maldición que semella cumprirse, unha época complicada con crise incluso nos países vencedores, a volta das colonias á metrópoli, unha familia na que mortra a nai viaxa co pai polo mundo na busca de tesouros arqueolóxicos, a entrada na universidade cando eran moi poucas as mulleres que o facían, a aristocracia rusa fuxida en Francia, a recomendación de que como muller non debe destacar pola súa sabiduría ou non vai haber ingún home que queira compartir o futuro con ela, unha oza proactiva e disposta a enfrontar calqueraproblema ou dificultade como a dúbida que a ataca a respecto do traballo de seu pai... de todo isto hai e tamén un final que pode sorprendernos porque, que fai o teatro no medio dunha historia detectivesca? 

Personaxes históricos como Alexandre o Magno e obras clásicas como A Iliada  achegan riqueza ao texto.

mércores, 1 de xaneiro de 2025

De parrulos

Un parruliño sen sorte de Gemma Merino aparece publicado por Picarona, traducido por Silvia Obelleiro.

Un parruliño sen sorte, que despois de varios accidentes decide buscar a Moucho Sabio para que o aconselle. Fai o camiño preguntando por el, vai atopando ao raposo (que, á súa vez lle encarga que lle pregunte ao Moucho polo ruído que fai a súa barriga), ao árbore (que, á súa vez lle encarga que lle pregunte ao Moucho a razón pola que esta primavera non lle apareceron as follas), ao cisne no lago (que, á súa vez lle encarga que lle pregunte ao Moucho por que está tan triste). Cando atopa ao Moucho, este contéstalle que se volve polo mesmo camiño atopará a boa sorte porque o cisne precisa un amigo, porque debaixo da árbore hai un tesouro e que o raposo debe comer porque ten fame, pero o parruliño segue con présa e non queda a xogar co cisne, nin a desenterrar o tesouro... menos mal que cando o raposo o vai comer lle ensina o tesouro e fuxe. A sorte sempre estivera ao seu lado, pero hai seres empeñados en non vela. 

Contos que ensinan.