luns, 16 de febreiro de 2026

Unha nova entrega de "A miña primeira novela"

Unha nova entrega de de "A miña primeira novela", neste caso de Isekais, Así aprendemos de que vai esta tipoloxía: un subxénero de fantasía (xeneralmente xaponesa) cunha temática típica de manga ou a nime que xiran ao redor dun personaxe ou grupo de personaxes que rematan nun universo paralelo, tendo que adaptarse ao mesmo.

A princesa dourada de Anxo Mouzo Moreira está publicado por Boadicea. Desenvólvese en Camelle e nun mundo afastado cheo de maxia onde aparecen nun momento determinado os dous protagonistas. Ela realmente pertence a este mundo e estaba refuxiada no noso, preparándose para recuperar o reino que lle fora roubado por unha raíña doutro reino que está pechada no castelo grazas ao feitizo que a nai da princesa lle fai. A volta dela co avó e este amigo que se vai convertir  no Escollido para axudarlle na reconquista, a maxia que domina a princesa, as loitas, a axuda aos campesiños e súbditos, a decisión de que unha vez todo nbo seu sitio se instaure unha democracia e ela poda volver a Camelle co amigo. Este pode ser a saída do xénero que agradecemos, unha monarquía que se sente responsable de como está o reino, que vén salvalo e o deixa unha vez instaurado o goberno do pobo.

Da presentación editoroal: "Xosé e Marica son de Camelle e viven porta con porta. A Xosé encántalle xogar ao fútbol e pasar tempo con Marica. Non obstante, o día que ela fai quince anos, descobre por accidente o pasado que oculta a súa amiga. Marica é, en realidade, a princesa do reino de Nihá, que foi expulsada dos seus dominios pola raíña demo de Hangyo cando era unha nena. As lendas aseguran que a princesa exiliada recuperará o seu reino con intelixencia e unha vontade de ferro e será Xosé quen estea disposto a todo para a axudar no seu propósito."

Realmente xaponesa e oriental, moi apoiada polas iluatracións de Iago Torres Paris en branco e negro. Como sempre, a introdución de páxinas de información ao longo do relato que colaboran na contextualización.    

xoves, 12 de febreiro de 2026

De música e diversidade


Xanelas ao mundo de Cristina Otero Correa con ilustracións de Sergio Sande, publicado por Belagua.

Dúas nenas irmás, unha delas cega. Todos os días buscan un tempo para xuntarse, escoitar música e viaxar a diferentes lugares e culturas do mundo: Xapón, Uganda, Perú, Nova Orleáns, Viena, Palestina, Alemania, China, Senegal, Reino Unido, Sur de España, Indonesia, Italia, Fisterra ou Brasil. Remata cun "A música move o mundo. Que nunca deixe de soar!" 

Repítese un esquema bastante ríxido que pode levarnos á utilización da obra para clases de música ou interculturalidade máis que para ler libremente, polo gusto da lectura. 

A autora é profesora de música e traballa tamén en cooperación internacional, polo tanto é a persoa acaída para unha obra deste tipo. 

Da presentación editorial: "Xanelas ao mundo. Unha fascinante viaxe musical entre culturas ofrécenos unha viaxe arredor do mundo polos ritmos e os sons propios de cada país, a través da imaxinación das irmás Luz e Aurora." 

mércores, 11 de febreiro de 2026

Un novo libro de Zahorí e CSIC en galego: Momias exipcias

Un novo libro de Zahorí e CSIC en galego: Momias exipcias (Obxectivo: a vida eterna)

Unha obra de Berta Páramo coa revisión científica de José Manuel Galán

Da presentación editorial: "Para os exipcios, a morte non era o final, senón o comezo dunha gran viaxe cara á vida eterna. Conservar o corpo era fundamental. Para conseguilo, os sacerdotes usaban rituais máxicos, vendaxes e moitos segredos." 

Neste libro aprendemos mitoloxía ou relixión exipcia, a orixe do primeiro embalsamamento, onde o como apareceu a primeira momia, a diferenza entre a momia natural e a realizada artificialmente, todo o proceso de momificación, a diferenza entre as clases sociais exipcias ante a morte, o ritual que segue ao último suspiro, os elementos de que se acompaña a momia e para que van servir, momias famosas,  a razón pola que se entraba nas tumbas, as maldicións aos que ousaban contravir a lei do respecto á morte, o tratamento das momias que se trouxeron a Europa, para qué se utilizaba o polvo de momia... Creo que esta pequena obra responde todas as preguntas que nos estabamos facendo ao respecto. De maneira sinxela con moitas ilustracións (moi atractivas) e pouco texto; semella que nunca tanto se dixo con tan pouco. 

Unha sorte poder contar con esta colección e o agradecemento a persoas como Luísa Martínez que a fixeron posible.

luns, 9 de febreiro de 2026

Biografías. Elisa e Marcela

A biografía de Elisa e Marcela aparece na colección Miudiños de Edicións do Cumio, con texto de Eva Mejuto e ilustracións de Bea Gregores. Bea é a artista que pon imaxes a toda esta colección, dun xeito maxistral. As biografías foron mellorando entrega a entrega, unhas veces dándolle máis importancia á rima e outras deixándoas máis libres.

Da presentación editorial:"Elisa e Marcela desafiaron as barreiras do seu tempo e conquistaron o impensable: unirse en matrimonio cando o seu amor era un acto prohibido. Un relato en palabras e imaxes que lembra a valentía de quen abriu paso á liberdade de ser e de amar. Elisa e Marcela foron dúas mulleres galegas que, a principios do século XX, protagonizaron un feito histórico: casáronse, co único obxectivo de estar xuntas. Elisa asumiu a identidade do seu finado primo Mario co fin de poder casar coa súa amada Marcela, nunha época na que o amor entre persoas do mesmo sexo estaba prohibido.

En 2005, máis de cen anos despois, España aprobou o matrimonio igualitario. A súa historia segue a ser un exemplo de loita polos dereitos e a liberdade, lembrándonos que, aínda que as leis cambien, a valentía de quen loita polo amor e a igualdade perdura.
Chega un novo título da colección MINIVIDAS, que nos achega, a través de palabras e imaxes, á vida de personaxes destacados da nosa cultura."

Unha vez máis, atopamos dificultades para acceder á información da editorial e a cuberta do libro en galego. Como pode ser se todas as biografías o son de personaxes galegos? Que pensarían Rosalía de Castro, Luís Seoane, María Miramontes, Luísa Villalta, Ánxel Casal, Eduardo Blanco Amor... ante esta contradición? 

Uns libros necesarios, unha ilustradora xenial e, neste caso, unha escritora magnífica, para darlle visibilidade á vida de dúas mulleres valentes que levaron o seu amor ata as últimas consecuencias.

mércores, 4 de febreiro de 2026

Os libros das Letras. Begoña ou o pracer da amizade.

Un dos libros que aparecen ao redor da escritora á que se lle dedica o Día Das Letras Galegas é Begoña ou o pracer da amizade de Beatriz Maceda.

Preséntase así: "Begoña Caamaño, a escritora homenaxeada nas Letras Galegas de 2026, foi unha muller excepcional que fixo da palabra un acto de rebeldía e sororidade. Nesta biografía novelada, catro voces míticas -Circe, Penélope, Morgana e Xenebra- reúnense para narrar a vida desta autora fundamental, desde a súa infancia en Vigo ata o seu papel clave na cultura galega contemporánea. Xornalista, activista e escritora, Begoña Caamaño loitou pola igualdade, a dignidade e a liberdade nunha Galicia en transformación, tecendo redes de amizade e compromiso. Un relato apaixonante que nos convida a descubrir a forza da amizade, a importancia da memoria e o poder das mulleres que, como Begoña, lles devolveron a voz ás esquecidas."

Unha imaxe de Laura Romero a modo de colaxe e unha colección de fotografías familiares que percorren a biografía. Beatriz Maceda realiza un xogo simbólico que leva a historia máis alá, que entrelaza voces de personaxes mitolóxicos para narrar unha vida que literariamente transcribiu as biografías desas mulleres que viñan da Odisea ou a materia de Bretaña. Distribúe a narrativa da vida de Begoña entre elas catro, mulleres que debían ser inimigas pero rematan axudándose a través do diálogo. Penélope, a muller que tece e destece o sudario do seu sogro, Laertes, mentres agardaba a volta de Ulises narrará a súa infancia, un tempo de imaxinación desbordante e lecturas, de barrio vigués. de xogos e escola, de profesoras que deixan pegada e coas que se reencontrará moitos anos despois para traballar xuntas en empresas ideolóxicas e pensamentos literarios. Morgana, a sabia que habitaba nas marxes do poder en Ávalon, a irmá de Artur, a condenada polos bocas e o poder, será a encargada de narrar o seu tempo na radio, no xornalismo, a profesión amada e comprometida na que se implicou a favor da verdade e a defensa das causas nobles. Xenebra, a esposa de Artur, acompañante de Merlín nas selvas de Galicia, a que a través da conversa con Morgana poderá entender o seu pasado e bordar a súa historia en lugar da de outros; ela será quen fale da Begoña activista na loita polos valores democráticos, cívicos e de identidade; a súa participación en loitas e publicacións, os seus estudos e manifestos, nas declaracións e intervencións. Circe, a deusa de Eea onde crea unha comunidade de mulleres libres vai narrar o seu papel no feminismo; ela falaranos da rede que crea de amizades e colectivos, a procura da igualdade e a sororidade. 

Anécdotas, complicidades, gustos musicais, participación en proxectos culturais ou reclamacións... un percorrido cos afectos e a revisión dos mitos femininos como camiño. O libro dunha muller sobre outra, no que se fai acompañar das personaxes que habitaron as novelas de Begoña Caamaño. Unha obra con capítulos que levan títulos nos que a palabra pracer se fai presente para falar da infancia, dun encontro, do combate na palabra, da alegría e da amizade. Alegría e pracer para homenaxear á muller feminista e loitadora que marcou camiños que hoxe debemos transitar na busca da veracidade nos medios de comunicación, do compromiso na loita social e na revisión dos mitos dende o punto de vista da igualdade. Traballo temos, sen dúbida! 

martes, 3 de febreiro de 2026

A gran fuxida de Xosé Tomás


A gran fuxida de Xosé Tomás é un álbum ilustrado publicado por Belagua

Da presentación editorial: "Que ocorre na cidade mentres todo o mundo dorme? Que misterio agocha a noite? Algo incrible está a piques de suceder!"

Múltiples onomatopeas e letras de diferentes tipo e tamaño para introducir aos primeiros lectores neste  relato. Unha historia que comeza no silencio da noite xusto antes da amanecida, no zoo. O gorila pon en marcha o plan de fuxida ao romper os barrotes da súa xaula, libera a familia de elefantes que non deben barritar, a xirafa dende o alto controla a operación, saen os chimpancés que rouban as chaves das xaulas e van liberando a todos agás aos cocodrilos (que teñen fama de traizoeiros), o papagaio engana ao vixiante contestándolle que todo está en calma cando o nota sorprendido. A avoa e o neto que agardan a que abra o zoo asústanse e perden a voz cando ven ao gorila montado no elefante marchando. Alá van, sen barritar, sen ruxir, sen cantar e sen ouvear. Cando os vixiantes se dan conta, aquilo máis que un zoo semella un deserto e aínda que os cocodrilos queren contar como foi, ninguén os escoita. Será o papagaio quen remate o conto cantando e o elefante quen lle poña o fin. 

Unha banda deseñada para as crianzas ás que lles gustan os animais e van aos zoos para poder atopar aqueles aos que só aí poden acceder.  

sábado, 31 de xaneiro de 2026

VI Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético

O VI Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético recaeu en Noa e a cidade sen maxia de Angie Roa.

Da presentación en Xerais: "Noa é unha nena que medra escoitando relatos sobre unha cruel batalla librada por culpa da maxia, da que todo o mundo renega. A rapaza non imaxina, ata que lle é desvelado, que ela provén dunha liñaxe de grandes magos e que chegou o momento de que coñeza os seus poderes e a verdadeira orixe do que semellaban ser só lendas." 

Unha nena que vive soa coa nai, o pai desapareceu nesa batalla da que se fala en voz baixa. A nai teme a maxia, pero ela vai superar esa traba e experimentará ata crear un compañeiro de aventuras, marchar a outros lugares onde a xente non odie a maxia e poñer en práctica o que sabe e posee. Así poderá cambiar a vida dos avós e da xente que a rodea. O mundo volverá ser outra cousa dende que NOa recupera a maxia.

Un guión que atrapa como esa nena que xoga cos poderes, infantil e inxenuo, unha historia na que se cumpren os desexos, a xente pode deixar de ser cruel e o mundo pode volver a ser feliz... Canta falta fai esa maxia no mundo actual!   

mércores, 28 de xaneiro de 2026

Os libros das Letras. Os fíos de Begoña

Xerais estase especializando en publicar magníficos libros das Letras que nos achegan ao personaxe a quen estas están destinadas.

Faino este ano con Os fíos de Begona de Eva Mejuto e Nuria Díaz, a modo de álbum.  A ilustradora dedícalle o libro a súa nai "por axudarlle a tecer os fíos desta historia". Certamente hai fíos que debuxan na cuberta poñendo o título, nas gardas mostrando o mundo propio da muller que traballou nos medios de comunicación e teceu novas historias en base aos antigos mitos, novas versións nos que estereotipos e roles foron transformados para entregarlle a voz ás mulleres, devolverlles a palabra que dende o principio dos tempos lles fora roubada.

Unha pequena biografía como di o subtítulo, que comeza cunha cita de Begoña Caamaño "Eu levo xa tanto vivido, tanto aprendido, tanto amado e tanto amor recibido que non podo dicir que a miña morte sexa inxusta" que nos estremece. Mejuto comeza falándonos das Moiras de como tecían un fío co destino de cada persoa ao nacer e vainos contando a vida de Begoña: a gran imaxinación que a acompaña dende a infancia, as lecturas que a acompañan sempre achegándose as historias e esa necesidade de identificarse cos personaxes, o tempo de estudios e as boas profesoras que atopa e que será referencia, o espertar da conciencia social, o traballo na radio, o activismo social, os seus gustos e aficións, a súa escrita de dous libros a partir dos corenta a cinco anos nos que traballa cos mitos gregos e da materia de Bretaña para darlles voz ás mulleres ata a súa morte. Os fíos forona levando de un a outro lugar, duna outro ámbito, entre as amizades e as cantigas, a festa e a alegría... e o fío continúa despois da súa morte, con todas as homenaxes ( O libro das amigas, Begoñísima, De Circe a Morgana. Homenaxe das escritoras galegas a Begoña Caamaño, o premio da Deputación da Coruña que leva oi seu nome, a declaración de filla adoptiva de Santiago e a homenaxe Embegoreñadas, o seu nome nun parque de Compostela, a estrea da obra teatral Morgana en Esmelle por Sarabela teatro... e a declaración da RAG pola que o 2026 se lle dedicarán as Letras Galegas (aquelas que tanto defendeu).

Remata o libro cun "Para sabermos máis" onde se esquematiza todo o relatado e un código QR nos anima a escoitar as cancións da súa vida. 

Escribe Eva, coa voz que se dirixe a nós e comenta esa vida con chiscadelas oara que podamos entendela mellor dende os noso ollos de hoxe. Engade comentarios e datos a modo de libro informativoe percorre todos os campos nos que hai algo que dicir.

Así se presenta: "A vida de Begoña Caamaño, a autora homenaxeada nas Letras Galegas 2026, foi un fío extraordinario que se pode seguir nas páxinas desta biografía ilustrada. Desde a súa infancia inventando xogos ata converterse nunha das voces máis importantes da radio, do activismo e da literatura galega, Begoña loitou sempre pola xustiza, polo galego e pola igualdade, tecendo redes de amizade e escribindo. Nas súas obras, deulles voz e puxo no centro a mulleres que a literatura deixara nun segundo plano. O fío de Begoña rompeu cedo de máis, pero os fíos da memoria permanecen e manteñen vivo o legado dunha figura clave na cultura galega contemporánea." 

luns, 26 de xaneiro de 2026

O Peculiar

 

O Peculiar de Érica Esmorís está ilustrado por Dani Padrón e publicado por Cuarto de inverno.

Unha ilustracións realmente marabillosas que retratan os personaxes na súa peculiaridade. O mellor é a maneira de contar a historia, esa forma de narrar dende o voz dunha nena lista que observa e opina, que non cala e sinte afecto pola xente que a rodea. A nena que todos quixeramos nunha casa porque resolve problemas en vez de crealos. A súa naturalidade serve para iso, para facer mellor o mundo, para que todos podan ser un pouco máis felices.

A historia dun bar, dunha familia, dunha clientela. Unha historia que non che deixará indiferente porque vas rir sen querer, faralo como o fixestes cando lías O misterio dos fillos de Lúa. Unha autora que consegue aproveitar o fío da inspiración e aínda que o final igual non é o mellor perdónaselle por todo o resto, polo ben que nolo fai pasar. 

Así se presenta: "No barrio do antigo porto hai un bar que nunca pecha. Chámase O Peculiar… e dentro del atoparás:

  1. un pirata coxo que loitou contra icebergs
  2. unha nai con cinco xemelgos rebuldeiros
  3. dous inimigos que se adoran
  4. unha avoa que todo o xulga
  5. e moitos personaxes máis!

Para Comba, O Peculiar é o centro do mundo e os seus clientes, unha extensión da súa familia… ata que, de súpeto, morre o avó e chega o tío Balbino cun can anano e unha maleta cargada de plans.

Poderán Comba e os extravagantes clientes do bar deter a modernidade que ameaza con borrar para sempre a esencia do Peculiar?

Un libro cheo de humor e aventura sobre unha nena, un bar e os seus clientes e todo o que pode pasar cando o que máis queres está a piques de desaparecer." 

domingo, 25 de xaneiro de 2026

Álbum ilustrado con alternancia de contrarios

Afortunadamente de Remy Charlip está publicado por Lata de Sal na colección Vintage.

Con moi pouco texto e grandes ilustracións, vai xogando coas cores (cando a fortuna lle sorrí aparecen os vermellos e azuis mentres que cando o abandona os grises fanse donos da plana). Porque a boa e mala fortuna vanse alternando así que imos de "afortunadamente" nunha plana a "desafortunadamente" na seguinte. Porque afortunadamente un neno recibe un convite a unhs festa sorpresa pero desafortunadamente queda moi afastado o lugar onde se vai celebrar, aínda así aproveita que lle prestan unha avioneta (afortunadamente) pero esta estoupa no aire (desafortunadamente) e así continua ata un final que non deixará de ser sorpresivo. Tal como a v ida coas súas idas e voltas, tal coma os días con calificativas de todo tipo... así será a viaxe de Ned, ese neno intrépido que non dubida en seguir adiante.

Da presentación editorial: "Afortunadamente este libro se ha traducido por primera vez al español, porque este libro es una auténtica maravilla. El protagonista es un niño llamado Ned y todo lo que le sucede es como un baile, el baile de la vida. A veces, la fortuna le sonríe. A veces, no. Pero Ned, sigue adelante siempre, a pesar de las dificultades, a pesar de las páginas en blanco y negro que le ofrece a veces la vida. Porque la suerte y la fortuna es, finalmente, de los que la buscan."

sábado, 24 de xaneiro de 2026

Álbum ilustrado con... unha historia

Unha historia de Mariana Coppo está traducida por Xosé Ballesteros e publicada por Kalandraka.

Era unha vez unha páxina en branco que non estivo así por moito tempo; foron aparecendo cinco animaliños diferentes, cada un coa súa cor, que preguntan onde están ata coincidir que nun libro e póñense a agardar pola historia. O coello pegúntalles se queren xogar pero ninguén se apunta; el ponse a debuxar creando, pouco a pouco, un mundo. Pasesiñamente tamén se achegan os outros e van formando parte dese universo. Entón, chega o carteiro coa historia que agardaban dende o principio, pero eles dinlle que xa teñen outra e que se quere que lla conten, farano. Daquela, comeza a historia de novo: "Érase unha vez unha páxina en branco".

Unha historia sin fin para falar das dúas actitudes ante a vida, construíla ou agardar a que chegue. Quen dixo que os álbums para as primeiras idades non nos ensinan grandes leccións para a vida?

martes, 20 de xaneiro de 2026

Colección Miudiños

 

A colección Miudiños cambiou aos autores dos textos e comezou a presentarnos parellas: 

Unha delas é María e Ánxel. Refírese a María Miramontes e Ánxel Casal, está escrito por Diego Bará e ilustrado (como todos os libros da colección) por Bea Gregores. Comeza cunha presetnación na que se ponen valor a vida e feitos desta parella. A continuación, pásase a utilizar o verso para esta historia rimada. 

Póñense ao mesmo nivel as dúas vidas e iso que semella unha compensación positiva cara a María, pode resultar un tanto inxusta. Tampouco podemos colocar ao memso nivel a Virxinia e a Castelao. Aparece Casal tamén dedicado á moda. Da Coruña a Compostela, da tenda de roupas ao obradoiro de costura e clases de francés ou escola de "ensino popular, centrada en valores de xustiza social". a creación das editoriais Nós e Lar, a participación no Partido Galeguista, a defensa do estatuto (María é a única dona que asiste á entrega do documento), ao paso cítase que el era alcalde de Santiago cando o golpe militar (non se conta que está en Madrid nese momento e decide volver por compromiso coa cidadanía) e aí perde a vida asasinado. Pena non recoller a nota de prensa de Seoane cando morre María.  Centrarse nela era importante pero semella que non se lle dou a importancia debida a Casal. Case non se fala da imprenta (de quen pasaba por ela, de como realizan os carteis do Estatuto...) nin do seu papel no concello... 

venres, 16 de xaneiro de 2026

Unhas páxinas de álbums (IV)

O pirata Bruno de Olaia Sendón está publicado por Cuarto de inverno.

Na presentación editorial dise que "Esta é a historia de Bruno, o meniño que naceu nunha illa e chocou cun barco pirata."

Sobre fondo escuro, moitas veces negro de todo, váisenos contando a historia que semella feita para o máis pequeno dos fillos, o que nace despois de que os maiores (Xandre e Aldán) foran grumetes. Faros que representan verdadeiras iconas da costa (o da Illa Lobeira, o de Carrumeiro, Cabo Fisterra, Cabo Vilán e Torre de Hércules), barcos, piratas, un meniño (Bruniño) que medra para facerse pinche de cociña, cociñeiro, grumete, pirata para acabar de capitán (unha vez que consegue o parche para o ollo, a pata de pau e o garfo para a man. Quen posee o libro pode cubrir o carne de tripulante na primeira páxina e bautizarse como pirata. Porque Bruno comezara nacendo nunha illa no medio do mar, peor esta arde e tense que botar a nadar ata que tropeza cun barco pirata gobernado pola pirata Paca que non o tira ao mar porque lle di que ademais de ler, escribir e contar  tamén sabe cociñar e a iso se dedica ata que confesa que o que el quere é ser pirata... e traballa, traballa ata chegar a timonel e facerse amigo de Paca que cando se xubila lle pasa o mando.  

Onomatopeas e rimas vanse sucedendo para contar a historia que remata cunha adiviña e un glosario mariñeiro.

xoves, 15 de xaneiro de 2026

O pequeno león de Jacques Prévert con fotografías de Ylla

O pequeno león de Jacques Prévert con tradución de Tamara Andrés e fotografías de Ylla dentro do proxecto de recuperación de clásicos infantís que Kalandraka leva a cabo. Neste caso, presenta unha obra que data de 1947 na que foi publicada co texto censurado pero que agora acada a plenitude con el completo, afastado do moralismo e didactismo.

Os libros de fotografía para o público infantil seguen a ser unha especie rara e cargan a lacra de considerar que a imaxe fotográfica ten menos capacidade para estimular a imaxinación infantil. 

Da presentación editorial: "Na Casa de Feras o cachorro de león soña coa selva, da que a súa nai tanto lle falou. Tras lograr a súa liberdade, comeza unha trepidante aventura para explorar o mundo na que descubrirá que a vida cos humanos non é o que el buscaba. De volta na casa, contaralle ao seu irmán máis novo as súas vivencias con certas doses de imaxinación porque “a vida das plantas, das persoas e dos animais está feita de realidade, pero tamén de marabillosos segredos, de imaxinación e de verdades inventadas.” Así termina “O pequeno león”, un clásico publicado en 1947 froito da colaboración da fotógrafa Ylla e o poeta Jacques Prévert. Un canto á liberdade, ao amor e á natureza; un relato audaz e comprometido que superou o paso do tempo e que formula interesantes reflexións sobre o comportamento humano e animal. Kalandraka recupera por vez primeira, no noso país, o texto íntegro censurado no momento da súa publicación, nunha edición que permite valorar o traballo excepcional de Ylla, unha das grandes figuras da fotografía de entreguerras xunto co gran poeta francés Jacques Prévert."

Unhas fotografías de gran expresividade nas que semella que os animais nos falan porque eentendemos á perfección o que nos queren dicir. Un textos que sintetizan o que o qutor pensa de animais e persoas, que nos fan pensar poñéndonos ante o espello da realidade. Unha marabillosa historia na que os soños amplían o que se nos mostra.  

Desta fotógrafa atopamos en Kalandraka tamén Dous osiños e Todos o viron.    

luns, 12 de xaneiro de 2026

Unha BD galega e sobre Galicia

O segredo da serpe de Abel Alves e Esteban Tolj publicada por Demo. Á segunda entrega da serie ambientada na Galicia da segunda metade da século XIX que leva o nome de "Aventuras de Antón Dedo d'Ouro". O primeiro título foi A tumba de Breogán. Tratábase dun relato de aventuras ambientado na Coruña do 1870 cun papel importante da Torre de Hércules ou o Colexiata de Santa María do Campo. Nel mesturaban personaxes absolutamente fiticios con outros históricos coma o matrimonio Manuel Murguía e Rosalía de Castro xunto con Emilia Pardo Bazán ou Eduardo Pondal que se nos presenta coma un intelectual curioso disposto a correr todos os riscos necesarios para descubrir o que hai de real acerca da tumba de Breogán que aparece nunha inscrición. O intrépido e valeroso Antón Dedo d´Ouro, un antigo bandoleiro sen recursos, será quen axude ao bardo de Ponteceso na aventura. 

Neste segunda entrega, será Rosalía de Castro a que lle encarga ao ex bandoleiro a busca de Pondal que ten desaparecido. Antón Dedo d'Ouro está en horas baixas, unha perda teno sumido no alcohol e o abandono, pero aínda así poñerase en marcha. A busca levarao ata a aldea de A Serpiña  onde se perdeu a pista de Pondal que anda investigando acrca dunha antiga relixión ao redor da serpe. Contra a súa vontade varase acompañado por unha mociña desexosa de aventuras. Trátase da xove Sofía Casanova que semella comezar así unha azarosa vida de xornalista e viaxeira farta xa de coñecer ese mundo a través das lecturas das obras de Dumas. Cando semella rematar a novela gráfica, o inimigo que semella morto (un italiano que persegue toda crenza anterior á cristiá) abre un ollo e deixa ao lectorado pendente da seguinte entrega.

A introdución de personaxes históricos galegos, a situación da acción dentro do nosa xeografía fálanos dunha BD enraizada no país. A utilización destas figuras, igual que a iconografía que se crea ao redor de Rosalía, Castelao... noutros campos é algo interesante que pode atraer a un público novo, do outro lado está o risco de que estes intelectuais se desfiguren e desnaturalicen, pero non creo que sexa o caso.

Unha utilización escasa de cores que vai do dourado do día ao azul da noite e o vermello das túnicas dos que realizan o ritual e da sangue dota o traballo de elegancia. Viñetas e debuxos que parten sempre do interese en que a lectura sexa clara  e deixar o pensamento libre para seguir remoendo vidas e aventuras.  

sábado, 10 de xaneiro de 2026

Soño dunha sombra

 


Soño dunha sombra é a última proposta de Xosé Cobas. Un fermoso álbum editado por Kalandraka para todos os públicos. Un libro silente ao que lle pon voz Manuel Rivas con tradución ao castelán e inglés.

Así se presenta: "Un álbum sobre a luz e o tempo para os amantes da arte, cun brillante epílogo do escritor Manuel Rivas." 

Pastas negras, coa elegancia por bandeira. Primeiras gardas cunha pequena luz que se vai ir agrandando ata descubrir que se trata dunha porta de cristal; modernista, por máis señas. Entramos por ela e imos percorrendo a casa só habitada por unha pega, as portas ábrense e ás veces entórnanse para manter o misterio, o xogo de luces e sombras. O valor da escaleira pola que se sube e se baixa ata chegar ao recibidor, de novo, agora habitado con flores no búcaro. Saír ao xardín e ver a casa dende fóra, xa completa, ir separándose mentres se fai pequena. 

Di Riuvas que o Soño dunha sombra é o humano. Cobas dedícalle a obra aos tataravós dos seus netos que acordaron en 1953 facer desta casado Soño dumbra Sombra o seu fogar; e enbgade que nela continúa a súa descendencia ata o día de hoxe. Unha obra elaborada en doce anos, de 2013 a 2025. Unha homenaxe a unha casa.

En momentos coma estes botamos de menos ao seu amigo Docampo, aquel do que sempre dixemos que era a parella en texto porque ambos tiñan unha comunión perfecta á hora de escribir e ilustrar. El teríalle feito o conto da casa e o texto de Rivas seguiría sendo necesario para situala no "refuxio de horizontes".

Todas as casas con alma deberían ter un cronista como esta o ten. Porque se existen os retratos artísticos de personaxes tamén deberían existir os das casa, máis alá dos que fai unha empresa dende o ceo, máis alá dos que fai o fotógrafo para o carné...

venres, 9 de xaneiro de 2026

Unha nova entrega de Elmer

O elefantiño de retallos de cores de David McKee,  tráenos unha nova aventura: Elmer e as baleasen Kalandraka, na colección Tras os montes con tradución de Xosé Manuel González.

Elmer vai co curmán Wilbur (o alefantiño de retazos brancos e negros) visitar o avó, este cóntalle que cando tiña a súa idade, nesta época do ano ía río abaixo para ver o paso das baleas. Os pequenos non queren saber máis e decídense, queren animar ao león pero prefire botar a sesta e o tigre non está disposto a perder o té. Alá van, seguindo o río e contando o fan, os cocodrilos aconséllenlle que fagan unha balsa con troncos e o monos vanlles axudar a amarralos, os rinocerontes empúxanos para que os leve a corrente. Pasan apuros pero para cando espertan están no mar entre baleas. Elas aceptan levalos a terra e cóntanlles que hai tempo coñeceron a outro elefante... quen sería?

Arriscarse ten premio, estes elefantes corren aventuras igual que o avó, algo así lle pasou ao hobbit Frodo que tamén escoita ao tío. As imaxes tamén nos obrigan a ler e opinar, que teñen en común os elefantes e as baleas? que fan Elmer e Wildur ao paso dos elefantes? a que animal dos que aparece no conto te asemellas máis ti? pon onde pasa o río? como recoñecemos a natureza cando se achegan ao mar?  

xoves, 8 de xaneiro de 2026

Unhas páxinas de álbums (I)


O peixe Nicolás de Caterina Valriu e Petra Pericás está publicado por Hércules ediciones traducido por Blanca Ana Roig Rechou.

Da presentación editorial: "Sabes nadar? Fascínache contemplar o movemento das ondas? Gústache descubrir as marabillas que se esconden baixo a auga? Imaxinas como sería ter un amigo con cola de serea? Coñeces os nomes das criaturas mariñas? Sexan cales sexan as túas respostas, seguro que este conto é para ti. Atoparás a divertida historia da amizade entre Arnau e o peixe Nicolás, e non a esquecerás nunca."

Arnau non sabe nadar, os seus amigos tentan animalo pero resulta imposible nin na piscina noin no mar. Ata que un día coñece a un neno que se presenta como o peixe Nicolás (un verdadeiro sereo) e o convence para que o acompañe. Aparece Arnau con todos os trebellos que podades imaxinar: lentes, tubo de mergullo, manguitos, , cortiza, flotador, aletas, cabazas... non quere afundir por nada do   mundo. Pero, con todoas esas ferramentas é imposible nadar así que NIcolás pídelle axuda aos animais do mer que lle soltan todas esas amarras a Arnau, daquela empeza a moverse, a patexar e bracear movendo todo o corpo e nada sen axuda de nada. Xa non é o saco de patacas nin a morea de pedras nin o chumbo que creía ser, é un neno que atravesa a auga e divírtese co seu amigo Nicolás. Porque xa son amigos!

Nas últimas páxinas preséntasenos o debuxo e nome de todos os animais que apareceron na historia, engadindo información á ficción. 

martes, 6 de xaneiro de 2026

Premio Neira Vilas de Literatura Xuvenil 2025

O Premio Neira Vilas de Literatura Xuvenil 2025 é o resultado dun acordo entre a Fundación Neira Vilas que o convocaba anteriormente (cun destinatario non tan definido) e a editorial Galaxia. A obra ganadora desta primeira convocatoria é Odio de Gabriel Romero de Ávila 

Preséntase así: "Todo apunta ao comezo dunha nova guerra entre humanos e droides nas Terras de Poñente. Neo Vigo, a cidade dos neons e os rañaceos antigravitatorios, aínda lembra a bomba atómica que estourou sobre o estadio de Balaídos hai dez anos e que terminou coa revolta da Nai Computadora. Pero agora hai un influencer que se dedica a reavivar o odio entre os vellos bandos, á vez que apareceron mortos seis replicantes no Museo do Pobo Galego de Compostela. Seis policías que participaron nunha carreira ilegal para divertimento dos humanos, e da que pronto vai haber unha nova edición xunto á catedral de Auria, da que toda a galaxia vai estar pendente. Este é un caso para a inspectora N4rv43z, da División de Seguridade da Fundación Omnia."

Unha estraña obra, non por distópica, igual por como comeza co uso dun léxico con cantidade de palabras estranxeiras introducidas de forma "natural" que, conforme avanza a obra, semellan desaparecer, como se responderan á busca de distanciamento co lectorado. Unha sociedade futura ou doutra dimensión na que humanos, seres resultado de híbridos con animais e absolutamente artificiais comparten unha Galicia que recoñecemos con cidades como Vigo e Auria ou lugares coma o Museo do Pobo Galego. Droides que confundimos con humanos, cunha gran habelencia para a supervivencia e a recreación de si mesmos.   

O autor descríbese como creador de novelas de aventuras e diso vai a obra, dun droide que volve a Vigo (agora Neo Vigo) para investigar un crime, pero debe enfrontarse a un activista do odio en forma de influencer que estende violencia baixo o nome de Meco. Esa mestura de personaxes que nacen do entroido galego, para aproveitando as redes e ese tempo de disfraces, provocar a loita e a persecución da protagonista. Un personaxe que volve ao lugar do crime porque foi ela quen apretou o botón da bomba que destruiu a cidade, a colaboración da irmá adoptiva (un ente sen presenza física) que lle axuda introducíndose no ordenador central e achegándolle toda a información que precisa... pero máis alá de cuestións persoais, os exércitos privados nos que se vai privatizando (redundancia precisa) a seguridade, o poder dos "influenciadores" a través das redes  e da súa omnipresenza, os supremacistas que ccontinúan existindo, agora en relación a outras criaturas. Pelexas a morte disfrazadas de competicións deportivas, a maldade de matar por distración, a mentira como moeda de cambio 

Replicantes que se realizan cirurxías xenéticas para ter, por exemplo, a cabeza dalgún animal, seguros de reencarnación para poder volver á vida, axentes de pacificación, programas de adopción de droides. De todo hai... pero tamén é certo que todo continúa igual "xente anónima que morre porque outros o deciden así e sobrevivintes que escalan por encima", a web profunda con matanzas programadas a modo de campionatos. Esa mestura de referencias (as luces de Vigo, Jules Verne e Nemo, o tesouro de Rande, as irmás Touza, o nubeiro, o gólem...), de cousas dun futuro afastado xunto cun presente absoluto lembran a ciencia ficción nun escenario de billas de auga coma as do meu fregadeiro.  

A protagonista, unha droide militar, inspectora da División de Seguridade da Fundación Omnia, da que esquecemos sexo ao longo da novela, é a voz narradora. A música que escoita son os versos de García Lorca escritos en galego ou a música de Andrés Dobarro nos salóns. Pandora, a primeira muller autómata é a antecedente desta droide. Porque a presenza da mitoloxía vaille dando sentido á ciencia ficción.

Atopamos situacións que rachan ante o dilema irresoluble de Hofstadter-Moebius e tamén afirmacións que nbos asustan: unha mentalidade pura e virxe é o caldo de cultivo para o odio, a radicalización e o desprezo. ç

Por veces, a maneira de ganar é deixar de xogar, abandonando para demostrar a contradición, porque todo enfrontamento xa ocorreu antes, porque o sangue non se lava con sangue senón con perdón, porque hai que rachar o círculo do odio. As masas matan o Meco e a protagonista, como todo policía pensa nos papeis que terá que cubrir...   

Un anexo coa cronoloxía das Terras de Ponente achega información dende os comezos mitolóxicos ata as guerras das máquinas transcurridas dez anos antes cando Pandora, Talos e o gólem de Ribadavia son feitos prisioneiros e ela consegue activar o lanzamento dunha bolba sobre o estadio de Balaídos destruíndo a cidade enteira. Unha presuela en forma de pequenas notas que percorren o tempo. 

sábado, 3 de xaneiro de 2026

Poemario cunha presentación de álbum


 

Tesouro de Milj Praagman preséntase nun libro de pastas duras, formato vertical e ilustracións que ocupan as páxinas case ao completo. Está publicado por Hércules ediciones en tradución de Antón Vialle e Ana Alonso Seisdedos, na colección Novas lecturas de Hércules. Un libro case preciosista con páxinas de dioferentes cores para acompañar unha ilustracións.

Así se presenta: "Chispeantes debuxos e poemas de Milja Praagman. Poemas acerca de ti e mais eu, acerca dese instante único, de pelexas e barullo, dunha nena na avoa e dunha avoa nena. Unhas veces etéreos e outras realistas. Cheos de curiosidade polo mundo e marabillosamente ilustrados. Para todas as idades." 

Unha vez máis temos que epxlicar que para atopar a cuberta e a presentación editorial do libro en galego temos que buscar fóra da editorial. Algo ben estraño e contraditorio. 


 

Un libro de hai algún tempo que tamén nos chama a atención por tratarse dun abecedario: Abecedario ilustrado se chama, é unha tradución que realiza Anaír Rodríguez; o texto é de Carles Cano e as ilustracións de diferentes artistas; de feito, cada un faise cargo dunha letra. Unha tradución, un abecedario e a dificultade que entraña porque non son as mesmas letras en galego e castelán. 

"27 ilustradores españois e latinoamericanos participan neste abecedario ilustrado. Unha letra por cada dobre páxina, unha palabra que comeza por esa letra e un pequeno texto literario, en ton divertido e asequible para os pequenos lectores, no que aparece esta palabra, escrito en maiúsculas e letra ligada." Si, maiúsculas e minúsculas, un pequeno texto e unha ilustración a páxina completa.

Ivar da Coll por Colombia; Isol e Gusti por Arxentina; Roger Ycaza por Ecuador; Rafael Yockteng por Perú. Xan López Domínguez, Miguelanxo Prado, Víctor Rivas, David Pintor, Nuria Díaz por Galicia.  Adolfo Serra, Miguel Ángel Díez, Carme Solé, Alberto Gamón, Óscar Julve, Ximena Maier,  Goyo Rodriguez, María Espluga, Lucía Serrano, Javier Olivares, Iban Barrenetxea, Federico Delicado, MIkel Valverde, Emilio Urberuaga, Antonia Santolaya polo resto das Españas!

venres, 2 de xaneiro de 2026

Un novo libro sobre Castelao


Os soños de Daniel de Paco López Barxas con ilustracioóns de Isabel Pintado acaba de saír en Teófilo edicións.

Eduardo Dieste conta a historia de Castelao neno, dende que o bautizaron con tres nomes (Alfonso, Manuel, Daniel) ata que xoga no mar, está cos avós (facendo barcos, escoitando contos), vai á escola e descobre o mal que tratan á lingua galega e a quen a fala, atopa o mapa no que aparece toda Galicia (tamén Rianxo), viaxa á Arxentina con súa nai para estar co pai e alí ten dúas irmás (Xosefina e Tareixa) e volve para reatopar o mapa de Fontán e debuxar sobre el con todos os amigos porque non se pode debuxar un país sen soñalo xuntos. 

A presentación editorial está en castelán, tal e como segue, pero non, algúen ten que ter vengonza e traducilo ao galego: "(...) relata a historia de Castelao dunha forma didáctica e accesible. O libro parte do Castelao neno, aquel rapaciño curioso de Rianxo, para guiar ao lector a través da súa vida, da súa obra e do seu compromiso con Galicia. Cun linguaxe claro e áxil, o autor reconstrúe os primeiros pasos de Castelao, os seus xogos, o seu descubrimento do debuxo, a súa mirada atenta ao mundo que o rodeaba como punto de partida para comprender ao intelectual, ao político e ao artista que chegaría a ser. As ilustracións recrean con frescura e sensibilidade eses recordos infantís, invitando ao lector a identificarse co neno que soñaba e observaba desde a vila mariñeira"

O libro preséntase nunha bolsa de redes que se ata cun lazo.