venres, 8 de marzo de 2019

Libros das Letras

Ao longo do ano no que o autor ou autora é homenaxeado coas Letras Galegas saen á luz unha serie de traballos arredor da figura, e ao seu lado, materiais creativos da súa autoría que ficaban ocultos ao público. Este é o caso do volume Nosoutras de María Victoria Moreno. Nel, recóllense sete textos de diferentes épocas, diferente lingua de orixe, tamaño ou maneira. Traducidos por Xavier Senín e presentados en pública por Urco editora.
Trátase de materiais que nalgún caso puideron ser desbotados pola autora, que seguramente foron escritos cun destino determinado que agora se nos escapa, que posiblemente agardaban por un tempo de calma para ser retomados... é agora unha man amiga quen os recolle nun monllo e os ofrece ao lectora e lectora actual. A diferenza entre eles é máis que evidente: o ton no que están escritos, a lírica que envolve dunha maneira máis evidente ou menos cada título e o difícil é pasar dun a outro porque o fío que cose o pachword está desaparecido. Así, atopamos o texto que lle dá título ao libro e que quere recoller desde unha perspectiva de xénero o volume: Nosoutras, onde presenta a cinco creadoras de literatura infantil (Palmira G. Boullosa, Ana Mª Fernández, Helena Villar, Úrsula Heinze e ela mesma), con experiencia no ensino e na maternidade, dispostas a defender a lingua e o país, abrindo o camiño dun xénero imprescindible... tal vez a mellor maneira de mostralo sexa recollendo un anaco "Cando visitamos as escolas e os nosos lectores nos asedian a preguntas, cando enxuízan os nosos libros co espírito crítico que intentamos transferirlles desde eles, cando intuímos un lampo de amor á palabra e ao papel en branco, daquela sabemos que o noso traballo ten unha razón de ser. E animámonos a seguir escribindo para que os homes e as mulleres do mañá camiñen por esta terra coa seguridade que a nós nos faltou. Para que sexan máis cultos, se conseguimos, cos nosos libros, que amen calquera libro. Para que sexan máis equilibrados, se conseguimos, coa nosa compaña, que a soidade non os magoe. Para que sexan máis xenerosos, se conseguimos, coas nosas historias, convencelos de que o corazón só medra cando se entrega." E remata cun "Esperade" que remite a Ramón Cabanillas... certamente a esperanza dou os seus froitos e estas mulleres fixeron un papel monumental na creación dunha literatura, unha educación e unha identidade; mágoa que era imposible tombar os atrancos que día a día ergueron os escuros e féridos e duros. 
O resto dos textos ("Aguinaldo", "A gaiola", "A casa das Marías", "As follas feren xemendo", "Contra a noite" e "Nocturno en tres tempos") xiran arredor da inxustiza social, do papel resistente e sufrinte das mulleres... todo envolto nun lirismo puro que derrama sensibilidade por todos os poros. Así era María Victoria Moreno, unha muller de afectos e loita, tal como quedou demostrado no seu ano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario