xoves, 10 de outubro de 2019

Unha novela de adultos dunha autora de LIX

Tardei en lela. Había algo escuro nesa colección de contos, Un animal chamado néboa, que xa partía do título; algo desacougante. Xa o fora Recinto gris aínda nunha colección xuvenil. Mundos dunha dureza diamantina nos que resulta difícil ver saída.
Se algo caracteriza a literatura para a infancia e a mocidade é a esperanza. Cando se traballa con persoas que non teñen demasiada experiencia hai que manter a esperanza non só porque aínda todo é posible, senón, e sobre todo,  porque hai que entregarlla cada día e aínda nas peores circunstancias para que aprendan que o que hoxe é negro mañá pode ter outra cor. Ledicia Costas sábeo. A autora asume outro destinatario cando quere mostrar a crueldade máis absoluta e semella descargar nestes relatos o veleno máis mortífero e letal. Escolle unha época, a II Guerra Mundial e "a condición humana en situacións límites". 
Leningrado sitiado pola fame coa imaxe dos antropófagos buscando alimento. A derradeira criatura que nace e morre deseguida xunto ao pai co que debeu repartir o leite materno. A vida nos campos de concentración, as torturas que conducen á morte producindo a maior dor, a falta de todo tipo de escrúpulo ou sentimento, o sadismo ata límites insospeitados. Hai relatos onde a autora nos quere dar un respiro como o que relata o encontro entre unha xaponesa descendente dun supervivente da radioactividade e o fillo do que comandaba o avión soltou a bomba atómica, recolle o nome Hope da esperanza e unha chiscadela á fábrica de chocolate de Dahl, ou aquel outro no que a xustiza actúa contra un torturador e podemos albiscar un final feliz. Pero son os menos, pero é unha luz moi débil no medio da noite escura, porque os xuízos aos nazis deixan portas abertas, porque non son só os nazis e fascistas os que nos fan desconfiar do xénero humano, os norteamericanos tampouco fan xustiza cos seus e a historia do capitán que conduce a bomba sen saber o que leva e que será conducido con toda a súa tripulación á morte remiten, de novo, á vergonza de ser humanos.
Alguén me comentou que non o puidera ler. Entendino, tan ben escrito, tan ben descrito o horror... e sen escapatoria.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario