Un premio que se caracteriza por unha mala distribución de forma que non sempre damos accedido ás obras ganadoras pero que conta cunha característica moi especial: premiase a obra e máis tarde premiase á ilustradora ou ilustrador que mellores imaxes lle pon. Pois ben, na letra Francisco Castro Veloso e nas ilustracións Elena Andrés. O seu título Xoán, Xoana.
Na nova de prensa recóllese, a respecto do libro, que defende valores a ter en conta como a reafirmación da identidade na adolescencia, o bo manexo do rexistro de personaxes e do ritmo narrativo ou o a visibilidade dos aspectos de xénero que trata con naturalidade nun contexto educativo, a maneira na que aborda situacións de conflito como é o acoso, ou o tratamento do fútbol e a distribución dos patios de recreo e como reflicte un problema que se presenta tanto entre a rapazada como entre as persoas adultas (no colexio, e na familia), pon sobre a mesa a perseveranza e a loita, pero tamén o respecto, a empatía e a integración, así coma a necesaria convivencia en sociedade, co cal provoca que o lector sinta empatía polas persoas que son diferentes e ponnos -a nós- diante do espello.
Xoán séntese Xoana, quere que lle chamen así, porque se percibe nena, quere vestirse como unha rapaza e actuar como tal. Faino dunha maneira moi natural e ten a sorte de contar cunha amiga que a acompaña neste proceso de cambio. A nai tamén o fai e un profesor que está disposto a colocarse na diana vindo ao centro en saia para obrigar a enfrontar o problema... pero son moitos os que non poden admitilo: ao pai cústalle traballo, os avós non dan reaccionado, os compañeiros acósano, a directora do centro reacciona da peor maneira posible, as familias no whp, o ciberacoso... e como detonante unha liga de fútbol. Os de Atrás sempre dispostos a atacar e fronte a eles só pode resistirse, ademais, da súa posición clara e valente, pode contar co apoio de xente que decide actuar e non gardar silencio ante o asoballamento, os prexuízos e a inercia de querer que todo continúe igual. Realmente, só cando se provocan iniciativas de respecto e igualdade son posibles os cambios.
Sexto de primaria, dez días cara ao final de curso, días que se contan cara atrás (quedan 12 /9 7/ 8 /...) días para o comezo da liga), a violencia vai en aumento e pode estallar en calquera momento, van necesitar axuda... e conseguirana (hai xente disposta a pintar a bandeira multicolor na patio unha noite, a roubar as porterías de fútbol outro e incluso e levar os balóns para que nons e poda xogar). A voz protagonista, resulta por veces algo infantil e outras moi madura, seguramente son así cando teñen once ou doce anos, sempre decidido e con argumentacións fronte á violencia, disposto a recibir golpes e insultos antes de volverse atrás, a pesares das dúbidas que por veces a asaltan. A pesar de tantas bágoas, de tantos malos momentos, Xoana resiste e o mundo vai ser algo mellor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario