O cidadán perfecto é unha novela de ciencia ficción, na que se desenvolve unha distopía." O cidadán perfecto" é un concurso de televisión que acostuman ver os habitantes de Biotrés, a cidade do Continente na que hai barrios que son case decorados para crear ambiente. Unha sociedade moi estratificada, na que debaixo dos membros de dereito do Biopoder están os membros do Consello ou conselleiros do Biopoder e, máis abaixo, o vulgo en xeral.
O Xefe de Escrutinio da Autoridade Social vai recibindo aos escrutadores, especialmente aos xx pois tense demostrado que teñen máis facilidade que os xy. A sociedade vese, non só escrutada cando hai a mínima dúbida pairando sobre eles, senón programada de forma que a reprodución ou a crianza, as relacións entre a poboación ou os sentimentos e vocacións forman parte dun programa que non deixa nada fóra do seu dominio. Unha sociedade na que non se envellece, para iso realízanse operacións pero tamén se usan máscaras absolutamente axustadas coa imaxe do que fostes. Estabilizadores, inhaladores e inhibidores fan que non se sufra pero tampouco se goce. Non existirá dependencia pero tampouco amor e, sempre sempre, haberá que estar atentos aos que poden sabotear tanta felicidade, neste caso o movemento chámase Diferenza (fronte a tanta igualdade).
Corre o ano tres mil e pico, uns escrutadores vixían a outros e ás veces o xefe é quen tende as trampas facéndose pasar directamente por un disidente. Semella que son as mulleres, ás que retiran unha temporada para procrear, as que poñen en marcha a disidencia. Polo medio vanse contando as historias desa cidade no Continente, dos Confíns, das Illas... doutros mundos artellados doutras maneiras que se poden mesturar con este e provocar chispas, aínda que todo remata nun traspaso que semella decidido por cada un dos suicidas involuntarios que deixan as súas mensaxes de despedida, sen decatarse.
Para cando o noso mundo semella xa unha distopía de desencontros e incapacidade de acordos que nos dignifiquen, ven Raquel Ricart a meternos medo con outro lobo que aínda pode ser máis fero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario