domingo, 15 de agosto de 2021

Varios álbumes



A varicela de Laura de Xavier Frías Conde con ilustracións de Enrique Carballeira Malendi publicado por Discursiva. Laura amence con varicela, próelle todo, mentres a nai lle vai buscar unha pomada, aparece un monstro no cuarto. Un monstro cheo de pelos, feroz e disposto a espantar á nena... pero contaxiase, tamén a el lle proe o corpo e cando cehga a nai agáchase debaixo da cama. Coa pomada pasa o picor, e Laura vailla botar tamén ao monstro. Que pasará cando os pille a nai? pois nada! todo é cuestión de facelo pasar por un peluche que se chama Gustavo, os dous xuntos van pasar a varicela, na cama e lendo.

Ensimesmada, escrito e ilustrado por Nanen García Contreras, traducido por Maruxa Zahera e publicado por Bookolia. Unha ilustracións que xogan coa falta de nitidez, coas liñas de cores a modo de garabatos ou con estampados para contar a historia de dona Xulia, unha muller que está sempre no balcón, mirando, ensimesmándose, é dicir, mirando dentro de si. Será un novo veciño que a saúda e lle fai caer na conta de que de estar tanto dentro de si está perdendo todo o que acontece fóra. Reacciona, fará un vestido para a festa e... sucede, que en lugar de mirar para si vai mirar (vas ter que lelo!). Porque igual hai que deixar de estar ensimesmada despois de tanto confinamento...

Elefante choromicas de Xograres e Imbiña. Historia, música e letra de Chema Ares, ilustracións de Iria Ares (Imbiña). Voz e narración: Nati Martínez. Un libro que xoga co deseño, coas letras e as onomatopeas, cos fondos e os planso... O elefante ten fame pero non sabe como coller as follas das árbores, proba coas patas e non o consegue, logo coa cola e tampouco, coas orellas imposible, cos cairos tampouco; daquela, empeza a darlle testadas á árbore para que caian as follas, batía coa testa pero tampouco, nestas enrolouselle sen querer a trompa nunha póla e ao tentar separala arrincouna... e así descubríu como chegar ao alimento. Os intentos ou os espirros cada vez que non o consegue achegan a repetición que funciona tan ben nestas primeiras idades. A través dun código QR ou dunha web accedemos ao conto cantado e tamén ás imaxes para colorear. Un conto que naceu para ser contado e cantado, un conto sobre a constancia.


Ningún comentario:

Publicar un comentario