A boneca de cristal de Majo Villar con ilustracións de Antonio Seijas, publicado por Galaxia. A historia dun soprador de vidro que fai unha boneca para a súa filla de sete anos, na man da boneca unha burbulla a modo de globo. Alí a puxo, no alto dun andel porque é moi fráxil e non quere que rompa, mirándoa vai ir metendo no globo burbulla as ilusións, os desexos e as inquedanzas. Unha historia delicada cunhas ilustracións moi interesantes que beben na cultura máis actual. Para reflexionar sobre a delicadeza e a levidade, para caer na conta de que cada cousa debe ter o seu uso, para valorar os agasallos...
Ra de tres ollos con texto e imaxes de Olga de Dios, publicado por Apila Editora. O álbum está dedicado ás persoas que traballa para defender o planeta e diso vai a historia. Cabezolomedra e convértese na primeira ra de tres ollos. Ve moito lixo, a avoa cóntalle que antes non era así; o ceo está cuberto por unha nube negra e ela descobre que é de fume da contaminación; busca a orixe da nube e atopa a fábrica que non para de producir miles de obxectos que son consumidos excesivamente seguindo a consigna de usar e tirar. Vai ter que buscar unha solución e non dubidedes en que a vai atopar, porque todo se pode solucionar cando poñemos o empeño e o sentido común en xogo. Un libro que nos fará pensar no medio ambiente e no consumo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario