A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil seleccionou unha bibliografía de libros destinado ao lectorado infanto xuvenil, libros nos que a igualdade entre mulleres e homes era un valor presente. Foi para o XIX Salón do Libro Infantil de Pontevedra de 2018, Mulleres de conto. Podes acceder a el a través da súa web.
Libros de fichas, onde ao lado dunha selección moito máis específica xa, se elabora unha ficha de cada un deles na que se analiza o seu contido dende o punto de vista da igualdade e se propoñen actividades a realizar coa rapazada ao redor da obra. Materiais realizados en diferentes anos 2004, 2005 – 2007, 2019 e 2020) con diferentes producións para a Secretaría xeral de Igualdade. Todos eles se poden conseguir en papel na Xunta de Galicia ou en dixital na páxina de GALIX.
A última entrega é a Guía para persoas mediadoras de lectura (bibliotecarias, libreiras, profesorado, familias, educadoras sociais...) co título Donas no espello da LIXG no que unha escolla de títulos de literatura infantil organizados baixo determinadas etiquetas: De ruptura de estereotipos (recollendo aqueles nos que os estereotipos e roles tradicionais se ven trastocados), De espertar (aquelas obras que fan pensar e colocarnos fronte á alienación), De violencia de xénero (os que tratan esta lacra social), De mulleres senlleiras (os que recollen biografías de mulleres que foron invisibilizadas por cuestión de xénero), De diversidade (obras nas que aparece a diversidade de todo tipo como un valor a defender), De diversidade familiar (visibilizando todo tipo de familias), De diversidade sexual (dándolle presenza a diferentes opcións sexuais máis ou menos hexemónicas), Doutra maneira (aqueles libros nos que a historia está contada doutro xeito, dándolle a volta, achegando a voz dos que non acostuman tela...), Doutras latitudes / épocas (as obras nas que se acollen historias relacionadas co papel da muller noutras civilizacións), De autoaxuda (libros, na súa maioría diarios, que achegan información de interese para a mocidade, entre a narrativa e o ensaio), De versos (para os libros de poesía que tratan esta temática), De escena (para os de teatro), De cadradiños (para a banda deseñada), De premio (aqueles que foron premiados nos dous certames que teñen en conta a igualdade: Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade e Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade), De colección (para os libros que forman parte das coleccións centradas na igualdade como Éranse dúas veces, Lila Lilaina, Mulleres Bravas da nosa historia, Mulleres galegas, A igualdade conta, Contos da Igualdade e Pioneiras) e De serie (para aquelas que teñen a igualdade como unha das súas sinais de identidade como As aventuras de Nunavut, A guerra das bruxas, Calpurnia Tate, Pipi Mediaslongas...).
Ningún comentario:
Publicar un comentario