A pintora libertaria vai diso, dunha exposición que foi noticia porque houbo unha denuncia acerca da autenticidade da autoría dos cadros que se presentaban baixo a sinatura de Maruja Mallo. Ela é esa pintora. A exposición, ese feito controvertido, pasa á ficción para mesturar política municipal, construtores amigos que se converten en coleccionistas, profesores de arte que quedan en entredito, falsificación de obras de arte, a educación columpiándose en terras movedizas e os que sempre ganan... ganando unha vez máis, nun final absolutamente xenial que nos abre a precipicios moi preocupantes pero que sempre deben estar na liña do horizonte, porque a ética hai tempo que anda perdida nun bosque cheo de alimañas.
Pasar da realidade á ficción, da noticia ao relato, de Vila do Pazo a un nome recoñecido. E facelo por medio dunha novela xuvenil no mellor estilo best seller. Pegada á actualidade a obra lévanos a relacionar o que sabemos co que Pepe Carballude creou, nomes e feitos, aconteceres. A vida municipal e as súas miserias, o constrtutor amigo que semella mover os fíos e incluso aos políticos coma monifates, as técnicas de cultura en terra de ninguén querendo salvar non se sabe o qué no naufraxio. A vida matrimonial cando dous non discuten se hai algo que os une que non é amor, e esa forma de darlle voltas á noria para salir ganando sempre, para que podan perder todos pero non eles... porque son intocables.
Si, teremos que pasar por unha novela xuvenil para facer inmersión na realidade crítica e na actualidade máis próxima. Algo fala isto da literatura destinada a esta franxa de idade e do acerto de Galaxia publicándoa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario