O valor de Agustín Fernández Paz está nos ensaios, nos libros de texto, nos materiais didácticos... acerca da normalización lingüística, do fomento da lectura, da incorporación dos cómics ás aulas, pero sobre todo, o seu valor fundamental está na creación de libros de ficción. Obras de narrativa para a infancia e a xuventude que tiñan a maxia de acompañar ao lector, de agarrar á lectora de principio a final. Libros nos que as estruturas narrativas se caracterizaban pola innovación, por colocar ao pequeno lector fronte por fronte cos recursos que se utilizaban na narrativa de adultos, xogo co narrador, as diferentes tipoloxías de texto, os diferentes puntos de vista...
O valor estaba tamén no que se transmitía, na ideoloxías que atravesaba o texto, nos transversais da LOXSE (educación para na igualdade, para a paz, para o medio ambiente, para a saúde, para o consumo...); os valores que debe defender toda sociedade democrática e que Agustín transmitía nos seus libros porque non podía facer outra cousa: eran os seus, os de calquera mestre responsable.
Rapazas é un exponente neste sentido, o tratamento da igualdade entre sexos.
As flores radioactivas, para a educación mediambiental, pero tamén para unha cidadanía crítica. Igual que en A praia da esperanza. Lembraremos sempre as palabras de Miguel Vázquez Freire "Só unha persoa tan boa como Agustín podería transformar a radioactividade en flor".
O valor de Agustín foi colocar a nosa literatura infantil onde antes non estivera, a través dos premios, a través das traducións a diferentes linguas, a través das múltiples edicións das súas obras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario