O xardín das sete portas de Concha Castroviejo aparece agora, traducido por Felicia Estévez e publicado por Belagua.
Así e presenta:"Catorce contos e unha obra teatral que lle dá título compoñen este volume co que Concha Castroviejo gañou en 1961 o Premio Doncel (Contos). Historias cheas da maxia, a fantasía e a cor dos paraísos que coñeceu a súa autora. Rescatámolo agora traducido ao galego por Felicia Estévez, con suxestivas ilustracións de María Lapido, e prólogo de Raquel Conde Peñalosa, estudosa da literatura feminina e especialista na obra das escritoras da posguerra española. "
O prólogo sitúa a autora no contexto familiar (e histórico) e a obra dentro da literatura da súa época. Unha atmosfera algo distante que nos fala dunha fantasía especial na que vellos e nenos sofren penurias pero contan co afecto e a ilusión, de nenos que queren coñecer o sono e o agardan espertos, de países nos que é posible cambiar a realidade para que podan volver os paxaros (canta esperanza esa de cambiar a guerra e a rapiña pola agricultura), de pardais e lúas, de sereas perdidas por presunción, de Matías o perseguidor da lúa, de anos que se perden, de tecedeiras que han de buscar o seu lugar para poder debuxar soños con fíos... e unha obra de teatro que lle dá título ao libro no que unha velliña agarda polo pintor que poda crearlle o xardín e a casa onde ser feliz cos nenos que foxen do asilo. Un halo de misterio, a esperanza nun mundo paralelo, unha mirada a animais e humanos máis alá da convención...
Un pracer recuperar estas historias ás que -para o meu gusto- lle sobran cores para que os enigmas, os segredos que non se din... o que permaneza oculto teña o seu lugar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario