Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata. O reverso de Funworld é un libro de Abraham Carreiro publicado por O Papagaio. Unha nova aventura, despois dun par de títulos publicados por Sotelo Blanco. Xoeliki é un neno de once anos introvertido e tímido. Xoga aos videoxogos on-line e bota horas chateando na Internet. Pasa moito tempo só porque a nai traballa todo o día e o pai morreu hais uns anos. A súa vida é moi rutineira, xira arredor da casa e do colexio, ata que un día ocorre un feito misterioso que lla cambiará por completo: recibe un paquete sorpresa. Isto levarao a vivir aventuras, coñecer amigas e amigos como Ari, o sabio Barbabranca, o enigmático Maverick, Centulo –profesor de Programación e Desenvolvemento- e algún inimigo como Mr. Virus.
Esta entrega preséntasenos así: "Funworld é o metaverso de moda. Un mundo virtual feito á medida das crianzas, con infinitas opcións para pasalo ben, pero cun reverso endemoñado oculto. Co paso dos días, Funworld vaise convertendo nun mal soño do que é difícil escapar! Xoeliki, Ari e a Resistencia Pirata farán todo o posible para acabar con el. Para conseguilo, contarán coa axuda dos Dixitais, uns personaxes creados e programados exclusivamente para traballar no metaverso, pero que tamén desexan fuxir e ser libres. Unha historia de aventuras trepidante, que demostra que as marabillas do mundo real nunca poderán ser igualadas por un mundo virtual!"
Ningún comentario:
Publicar un comentario