Unha volta ao mundo está magnificamente ilustrado por Ares cuns debuxos que van dende o realismo a estupendas metáforas visuais, imaxes que lembran o Renacemento, golpes de humor e síntese como esa na que o emperador Carlos (I de España e V de Alemaña) ten varias coroas na man e un globo terráqueo por sombreiro; anacronismos coma a cruz ou o cable do móbil como pearcing ou a calculadora axudando a botar as contas coloniais, un indíxena coa camiseta dun equipo de fútbol actual ou a chegada dos conquistadores con caixas de tenis de marca para calzar indíxenas, o espello que lle devolve a imaxe primixenia ao indio disfrazado de criado, os moais con boina vasca, os galeóns ao lado por portaavións ou a imaxe do neno asiático que corre queimado polo napalm diante das carabelas ou a patera de africanos ao lado dos barcos dos conquistadores, un globo terráqueo con billetes en vez de países... Marabillosas ilustracións que acompañan un texto.
Un texto magnífico de Joseba Sarrinandia, que verte ao galego Isaac Xubín (non se pode buscar mellor padriño para a edición dun libro en eúscaro). A historia está construída en base a un diálogo entre unha neta e a súa avoa historiadora na universidade. Unha conversa moi intelixente, chea de miga e das grandes dúbidas da humanidade.
Da presentación do libro en Vigo recollemos "O autor compartiu as súas reflexións sobre algúns aspectos que aborda nesta obra: as relacións de poder, as desigualdades, as diferenzas culturais, o concepto da propiedade, a memoria histórica, o colonialismo e o sometemento das poboación indíxenas, o papel da Igrexa no reparto do mundo…"
O mellor libro ao que accedín nos últimos tempos. Non podedes perdelo!!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario