domingo, 7 de maio de 2023

A pequena familia, unha obra clásica de 1964

A pequena familia, unha obra clásica (de 1964) que nos chega da man de Kalandraka nese empeño por actualizar as obras que non poden perderse. Un álbum ilustrado con texto de Sesyle Joslin, ilustracións de John Alcorn en tradución de Xosé Ballesteros.

Da presentación editorial:

Publicado en Nova York en 1964, «A pequena familia» contén catro relatos breves, sorprendentes e deliciosamente absurdos. Trátase de construcións moi sinxelas estruturadas sobre a base da acumulación e a repetición de elementos ata alcanzar un final inesperado e humorístico. Xunto cos divertidos textos de Sesyle Joslin destacan as ilustracións de John Alcorn, un referente histórico da ilustración pop: chama a atención o vistoso colorido das escenas, con debuxos de trazos finos e estilo neoclásico. A súa obra caracterízase pola frescura, a creatividade e a elegancia dos seus deseños, en que priman a xeometría das composicións, alén de integrar
a tipografía, explorando as súas posibilidades plásticas
e comunicativas. Un anexo final ofrece un glosario bilingüe galego-inglés para perfeccionar o vocabulario con palabras básicas do ámbito doméstico, familiar, lúdico...

Un libro sinxelo con toda a calidade que os mellores lle dedican ás crianzas. Unha obra acumulativa que xoga con ese recurso: A casa. Na casa está o salón. Na casa está o salón, e no salón está o pai.(...)" e unha sorpresa final. Así en catro relatos: A pequena familia, O banquete, O pallaso e A bela dama. Un vocabulario final fai que podamos ler esas historias tamén en inglés. Así de doado. Unha verdadeira marabilla!

Non é cousa de perdelo...


Ningún comentario:

Publicar un comentario