Nove historias, un par delas cunha única imaxe coma "O abrazo I" e "O abrazo II" de María Brenn: primeira e última viñeta - cartel. Unha muller cociñando cun bebé no colo e con tres máis agarrados e ela (pola roupa, polas pernas...) e un can que tamén quere subir por ela. Outra muller, que é a mesma, nun hospital agarrando dunha man a un enfermo e da outra a outro, non sei se suda ou chora, todos levan mascariñas e ela ten conta deles contra a morte. Esas imaxes de María Brenn ben valen unha novela gráfica e o mellor é que conteñen, como a poesía, toda unha historia, unha emoción, un discurso. Vendo o resto das historias semella que os homes andan na elipse e o escuro, mentres as mulleres van máis ao concreto, quizás a súa banda deseñada sexa a que merecemos nesta actualidade na que precisamos que as cousas estean claras. A cuberta de Cráneo cunha médica dándolle a man a un medio home medio cadáver, tamén é evidente, certo pero nunca tan fermosamente certa como as de María. Román Cuadrado métenos nunha historia de "capacitismo". Mariña Rey trae a inmigración de maneira limpa. Adri Sierra a vellez nun gueto, tamén branco sobre negro. "Diatriba trans" de Greta Debelius cunha disquisición e Isra Valvar cunha plana que hai que mirar moi detidamente... e así varios máis, todos centrados nos coidados. E van 5 volumes de Nai dos desterrados, que por riba pon "Prohibida su venta, ejemplar gratuíto", agardemos que se trate dunha broma, igual que a lingua na que está escrita a frase.
Antes estiveron outros, asinados por David Fajardo, Faks; Israel López, Xela G. Caballo, Cristina López e Luis Sendón, sempre centrados no dereitos humanos. E tres anteriores, das que recollemos imaxes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario