O papá está escribindo un libro de Tomas Dirgela con ilustracións de Inga Dagilé, traducido por María Reimóndez e publicado por La Maleta.
"O meu nome é Xoán e o meu pai é escritor. Escribe libros para peques no
seu despacho, pero non sei por que lle chama así se non despacha nada".
Así comeza e así se presenta: "Xoán non entende por que o seu papá non escribe. Tan só camiña dun
extremo ao outro do despacho sen parar! Entrementres, o seu papá non
atopa a inspiración necesaria para rematar o libro que comezou… Que
ocorre cando non acontece nada? Un libro baseado en feitos reais que nos fai reflexionar sobre como o
día a día dunha persoa e as relacións interpersoais e familiares se
converten en fonte de inspiración. A imaxinación desatada das crianzas é
a mellor musa se a sabemos aproveitar."
As ilustracións tráennos un pai moi moderno, cun corte de pelo actual, unha nai, o fillo que nos fala e unha filla pequena, todos eles e elas máis convencionais. A nena sempre sorrindo, a nai sempre disposta a compartir o seu tempo cos pequenos e o neno entrando continuamente no despacho do pai con mil desculpas: unha aeronave, un helicóptero, un camión de bombeiros... o pai vaino dirixindo, unha e outra vez, ao cuarto dos xoguetes ata que Xoán o asusta, bota o té por riba do pantalón e decide acompañalo a xogar (pero coa condición de que non bote o té por riba dos xoguetes). Xogan todos, len xuntos... e ao día seguinte cando volve da escola e o busca atopa un novo mundo nese despacho: xa está rematado o libro e seica foi grazas aos xogos de onte. é o que ten escribir para pequenos, se estás con eles é máis doado, ou non?
Ningún comentario:
Publicar un comentario