mércores, 24 de maio de 2023

Un título ecolóxico

 

A revolta da lagoa de Rafael Laso Lorenzo, con ilustracións de Ximena Maier publicado por Tambre na colección Ala Delta.

Así se presenta: "Un día, da noite para a mañá, como por arte de meigas, os animais da lagoa descobren unha sospeitosa caravana de automóbiles. Pronto saberán que son obreiros que veñen desecar o seu País da Auga, polo que deciden organizarse para defender o seu territorio. Radicais, pacíficos, dialogantes ou escépticos, todos xuntarán esforzos para enfrontarse a un opoñente que leva todas as de gañar." 

A loita por defender o propio hábitat, os animais dándose aviso, xuntándose, planificando unha estratexia, dispostos a perecer por mantelo... os homes ao seu, facendo o traballo sen pensar nas consecuencias; non son mala xente sequera e poderían dicir "non é nada persoal, é o meu traballo". Os xabaríns atacando, os lobos metendo medo ata que lles disparan, as culebras na ponte, as aves avisando e as máquinas acabando con todo, contra elas pouco se pode facer, unha millenta de paxaros voan ao lonxe, emigran a outras terras e nos ouvidos de todos resoaban aínda con forza as palabras do vello corvo: "Nunca máis". Así remata a historia, antes de que no epílogo o autor nos conte que a historia está baseada no desecamento da lagoa de Antela en 1958. Unha lagoa desecada, un mundo desaparecido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario