Garabitolas de Xoán Babarro, ilustrado por María Lires e publicado por Xerais, devólvenos aos xogos e versos dirixidos aos máis pequenos e pequenas, aos bebés da casa, a eses seres que tratamos de introducir no noso mundo compartindo con eles o patrimonio.
Babarro é o máximo artífice da poesía para as crianzas máis pequerrechas; a ninguén mellor que a el se lle podía ocorrer escribir este libro para recibir aos que chegan á casa dende as barrigolas das nais. Os afectos mostrándose nas palabras e nas expresións, comezando con eses versos de Rosalía: "Olliños de groria! / Cariña de meiga! / Apértame ben, / corasón de manteiga!"
Collémolo no colo que é o mellor berce, arrandeámolo, cantámoslle cancións que os animen a durmir e xogamos ás cabaletas porque os xeonllos son cabalos, tamén lle cantamos noutros idiomas para recibilos dende a diversidade, e cada momento ten o seu canto (a comida, o ducha...), os xogos de mans e de diferentes partes do corpo corpo, os afectos mostrándose a través dos chuchos, os bicos e as caricias, os animais da casa e de fóra (ese gatiño, a galiña e os pitiños, o can e o burro, o raposo), os pezas de roupa ou os xoguetes... ata limpar os mocos ten o seu aquel cando son os dun bebé. Unha festa e un gran acerto este libro que dá a benvida e acompaña os primeiros tempos do bebé "para ler en voz alta e xogar coas palabras" tal como se di na presentación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario