xoves, 25 de outubro de 2018

Día da biblioteca, 24 de outubro

 
"O día da luz"
Veño do deserto do Sáhara, de inaugurar unha biblioteca. Está en Dajla, o máis afastado, o máis esquecido dos cinco campamentos de refuxiad@s saharauís. É a cuarta biblioteca que construímos, e é preciosa. No centro plantamos árbores, para que @s nen@s e @s moz@s do Sáhara poidan experimentar o gozo de sentar baixo a súa sombra para ler un libro. Non queremos que esa biblioteca sexa ningún "templo de silencio", senón máis ben un espazo para o son, para o ruído. Unha biblioteca que xa é o lugar máis fermoso do campamento. Un espazo para desexar ir buscar lectura, pero tamén amizade, soños compartidos. Incluso amor. Un lugar no que namorar mirando uns ollos por enriba do libro. Porque ao fin e ao cabo, a biblioteca é o lugar onde se descobre ao outro, de papel ou de carne. Nun filme inesquecible, o mellor filme de ciencia ficción da historia, "2001, unha odisea do espazo", aparece un monólito cada vez que o ser humano se dispón a dar un salto cualitativo. Kubrick, o seu director, debeu poñer un libro no seu lugar. Porque foron os libros os que marcaron o ritmo dos cambios do ser humano. Porque o libro é o laboratorio das mulleres e os homes, o lugar no que se experimenta con emocións, descubertas, utopías, apostas. Somos o que somos porque fomos pensando e escribindo sobre como ser e sobre como non ser. E seremos o que pensemos, o que pensen e escriban as vindeiras xeracións. 
Así que unha biblioteca non é só un lugar que convida a ler, senón tamén, ou por iso, un lugar que convida a escribir. As bibliotecas do século XXI so, poden ser, teñen que ser o sementeiro de novas novelas, novos monólitos, fitos do noso futuro. Se o século XX foi sen dúbida o século da lectura, o século XXI pode chegar a ser o século da escritura, xa o está sendo. 

Por todo iso construímos bibliotecas nos campamentos do deserto. Porque non son só para @s saharauís. Págaas a nosa sociedade civil, mediante soci@s adult@s, e mediante actividades solidarias nos colexios, institutos e bibliotecas. E @s alumn@s e lector@s que as sufragan fanse conscientes do extraordinario que é ter unha biblioteca, aprenden a valorar a súa, a defendela. Cada biblioteca do deserto ten detrás a milleiros de nen@s, moz@s e adult@s que a fixeron posíbel co seu pequeno esforzo. Sumando. Cada lectora e lector saharauí ten ao seu carón a milleiros de lectoras e lectores, máis conscientes da importancia dunha biblioteca, porque co seu traballo construíuse unha, nun clima e lugar tan hostil. 

Pensa na túa biblioteca. Houbo un día no que esa biblioteca non existía. Alguén soñouna, loitou por ela, encheuna de libros e tamén de soños. Faite do equipo dese alguén que a fixo posible, loita por un mundo no que non haxa un ser humano que non teña preto unha biblioteca, ou un amoroso "bibliobús". Que non haxa ningunha nena e ningún neno, moz@ ou adult@, que non roce a man dunha bibliotecaria que a aconselle, que o oriente no labirinto. Que é o mesmo que dicir que non haxa ningún ser humano conectado ao que foi, o que é e o que será. 

Na túa man hai milleiros de mans, apertando a túa, acompañándote no camiño. Tenras ou con durezas, pequenas ou grandes. No libro que te agarda na mesa de noite ou xunto ao sofá, hai millóns de libros. Inxenuos ou complexos, humildes ou luxosos. Mais todos preciosos. Conectados todos por un invisíbel fío de prata que un man con man, andel con andel, un fío inacabábel e luminosos. Inacabábel, e que así sexa. Hoxe é o Día da Biblioteca, que é o mesmo que dicir "O día da luz".
Feliz día, feliz século.
Un pregón de Gonzalo Moure e un cartel de Alfonso Zapico  

domingo, 21 de outubro de 2018

Os Xerais no Museo do Mar

Onte, 20 de outubro entregábanse os premios Xerais
Non se facía na illa de San Simón, (ese  iceberg vexetal como a definiu Fran Alonso) pero seguiamos á beira do mar, mar de Vigo, de Mendiño.
Cambiou a cerimonia, tivo o seu papel o vídeo e as entrevistas ás lectoras, tamén as entrevistas en directo aos ganadores, e cada unha das persoas convidadas levabamos os libros nas mans. Xa houbera tempo para editalos e entregárnolos. Ese era un dos cambios, a entrega dos premios acompañábase da presentación dos libros mentres a tarde caía e arredor das Cíes o ceo cambiaba de cor.
Tres premios para ler devagar:
O Merlín: Kusuma de Héctor Cajaraville.
O Jules Verne: Aplicación instantánea de Carlos Negro.
O Xerais: Besta do meu sangue de Emma Pedreira.
Tres premiados seguros, con carreiras asentadas e recollendo o froito do seu traballo. Cajaraville xa quedara finalista do Merlín con Quen dá a quenda no ano que ganara o Xerais con De remate.
Carlos Negro acaba de recibir o premio dos Clubs de lectura polas obras en verso para adolescentes, era a primeira vez que se producía, o premio a un poeta, igual que sucede agora co Jules Verne. El vai inaugurando camiños para a poesía.
Emma Pedreira acaba de ganar o premio da Crítica española en galego por un libro de narrativa e premio Fiz Vergara Vilariño do mesmo ano por As voces ágrafas. Este é tamén o seu momento.

venres, 21 de setembro de 2018

Publicidade necesaria

 
Si, ás veces hai que facer publicidade de algo que é único e necesario.
É o caso de O Papagaio (o xornal da xente miúda), a única revista infantil en galego. Hai algunha biblioteca do país que non conte con ela? Algunha familia que non a coñeza? Pois para iso está esta páxina... para soplar vento nas velas!

luns, 10 de setembro de 2018

COBNVOCATORIA DO II PREMIO INTERNACIONAL DE ILUSTRACIÓN


                                                                           Cartel ganador na edición pasada
GÁLIX, en colaboración co Concello de Pontevedra, convoca o II PREMIO INTERNACIONAL DE ILUSTRACIÓN.
A finalidade deste certame é escoller a ilustración do cartel da XX Edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se celebrará no Pazo da Cultura entre o 22 de marzo e o 12 de abril de 2019 e que terá como temática central A REVOLUCIÓN.
A ilustración gañadora será premiada con 3.000€.

A proposta gañadora e as 12 finalistas conformarán unha exposición durante o Salón e a Área de Cultura da Deputación de Pontevedra editará un catálogo da mostra en formato de calendario de 2019.


Plazo de entrega: 10 de outubro de 2018.
As bases deste certame.
Tamén podedes atopalas na web:
 http://www.galix.org/2018/09/ii-premio-internacional-de-ilustracion.html

http://www.salondolibro.gal/ilustra/  

mércores, 5 de setembro de 2018

BIBLIOTECAS ESCOLARES ACTIVAS

Escornabots na biblioteca.
Lectores e lectoras do CPI de Catoira

Comeza o curso e con el a actividade nas bibliotecas escolares: en cada unha delas e na Asesoría de Bibliotecas Escolares que fai públicas as Instrucións sobre organización e funcionamto da biblioteca escolar para o cuso 2018/2019, porque é necesario ter en conta unha serie de orientacións desde as bibliotecas, desde os equipos directivos, desde o claustro dos centros... para que a biblioteca poida achegar todas as oportunidades. Que necesario é neste momento confirmar que a persoa responsable da biblioteca é a máis adecuada, que o equipo é o que ten que ser, que non se perden horas de guardia de biblioteca ou de corredor senón que se invirten onde ten que estar todo ese traballo profesional e non de vixiante de autobús. Hai moitas cousas que se non se poñen no seu sitio neste momento vai ser difícil facer máis tarde, e vaise cargar con ese lastre todo o curso. Por iso, estes primeiros días e estas primeiras reunións son fundamentais. Por isto habería que pedirlle a todo o profesorado unha reflexión centrada no centro, nos seus servizos e no alumado máis que en cuestións corporativas e de horario feitos á medida de intereses espúreos. Grazas por esas "Instrucións", agora só fai falla telas en conta.
Por outra banda, aparecen no portal de bibliotecas escolares as convocatorias de Clubs de lectura  para centros que escolarizan alumnado de Secundaria e outros e a Convocatoria do programa Biblioteca Creativa para centros de Infantil e Primaria. Moito que facer, moito que ler e escribir para poñer en marcha o curso e a biblioteca escolar. 
Un luxo ao alcance do profesorado galego! 
E un gusto contar co xornalistas que se fan eco.