venres, 26 de abril de 2019

Un novo libro de Iria Collazo: "A casa do paralelo 54"

 A casa do paralelo 54 de Iria Collazo López, publicada na colección Árbore de Galaxia.
Iria Collazo xa leva publicado un par de libros: a novela Coma uha áncora e o libro de relatos A soidade das medusas. Ningún deles deixa indiferente pois sempre nos sitúa ante unha fantasía propia e especial, unhas veces máis clara e outras máis escura.
Neste caso, estamos ante un libro infantil e a imaxinación desbórdase. Unha nena cóntanos en primeira persoa a historia do sucedido a partir do momento no que a súa cama barco sae voando da casa dos pais situada no paralelo 54. Menos mal que a acompañan o seu mapache Morde e o amigo señor Smith (un rapaz da súa mesma idade que a trata de vostede). As aventuras dos tres guiados polo vento son realmente tan imponentes que Gris chega a presentarnos os lugares polos que pasan a modo dunha guía de viaxe cos apartados de "Que é", "Que ver", "Onde comer" e "onde durmir".    
Unha imaxinación desbordante leva aos tres viaxeiros polo mundo pasando mil apuros, correndo moitos riscos pero, sobre todo, mantendo unha relación entre eles e cos seus medos preñada de tenrura e afecto "porque só precisaos cariño e contos" é a afirmación que dá título a un dos capítulos. Tan importante é o afecto que pode converterse nunha arma coa que neutralizar ao neno matón que acosaba ao señor Smith na escola. A el derrotárono a base dunha malleira de apertas e bicos. 
As ilustracións de Luz Beloso conseguen unha altura admirable en determinados moment dos como aquel no que a nosa protagonista vai ser devorada por un oso, porque pasar a imaxes estas criaturas tan especiais como Smith coa súa chistera permanente ou unha casa situada sobre un paralelo terrestre ou unha cama barco. 
É de resaltar, tamén, a naturalidade coa que son tratados determinados asuntos como as dúas nais de Smith, o respecto pola forma de ser de cada un deles e a creación de personaxes tan afastados de prexuízos de xénero. 
Un libro a ter en conta!

martes, 23 de abril de 2019

Día Mundial do Libro 2019


Hoxe mesmo, martes, 23 de abril.
En Cataluña agasallarán libros e rosas.
Semella que seguiremos lendo, soñando, creando.
A chuvia molla o outro libro: a natureza.

domingo, 21 de abril de 2019

Novas (de libro) e non tan novas

PREMIO FERVENZAS LITERARIAS 2018. Pódese acceder a través deste enlace da wikipedia, aos premiados nos últimos anos (tamén no 2018) 
O premio anterior (Fervenzas literarias) 2018 no relativo ao libro infantil e xuvenil, atoparalo neste enlace de GALIX.
O Día da Ilustración, celébrase seguindo o calendario do libro e da lectura, o 30 de xaneiro, coincidindo co día de nacemento de Castelao. Un enlace.
A Consellería de Cultura fixo público o seu Calendario do Libro e da Lectura 2019
Convocatoria de premios Muíño do vento
Convocatoria do Permio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil
Día de Rosalía 2019: Libre o meu pensamento!
Rosa Aneiros gana o II premio Agustín Fernández Pa de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade
Paula Carballeira gana o premio Manuel María de Literatura Dramática do AGADIC con Somos os monstros. É a terceira vez que o consegue.
1 de febreiro, Día da Lectura en Voz Alta, na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia
...

 

 

domingo, 14 de abril de 2019

Día da Arte Galega dedicado a Luís Seoane


Desde a Rede de patrimonio Cultural, chéganos a seguinte información:
"O día 1 de abril celébrase o Día das Artes Galegas, unha celebración instituída pola Real Academia Galega de Belas Artes. 
No ano 2019, o homenaxeado é o pintor, Luís Seoane, un dos artistas máis relevantes do século XX.
En xaneiro, a asociación Roxín Roxal, adherida á Rede do Patrimonio Cultural, fixo un chamamento, apoiado por todas as entidades, para  difundir o legado do artista nos máis novos.
Conscientes de que o mellor camiño para a conservación do Patrimonio é o coñecemento, na Rede do Patrimonio Cultural, facemos nosa a súa inquedanza e sumámonos á celebración deste día, cun documento sinxelo, ameno e con rigor que achegaremos a tódolos centros de ensino do país.
O documento pretende achegar aos docentes e alumnos maiores das escolas e institutos a figura do homenaxeado.
O texto do folleto foi elaborado pola experta na obra de Seoane, Rosa Espiñeira Pan. 
Adxuntamos tamén unha pequena ficha sobre o cadro As Mariscadoras que celebra 50 anos no 2019 para que sexa compartido nas aulas dos máis pequechos e pequechas." Os seus materiais pódense descargar directamente desde o enlace.
Desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares lembrábase, tamén, o libro editado polo Museo de Bellas Artes coa historia de Marilar Aleixandre arredor dunhadas obras deste autor. Da súa web recóllese a imaxe inicial desta entrada 

xoves, 4 de abril de 2019

Un texto de Ánxela Gracián recibe o premio Pura e Dora Vázquez de Narrativa Infantil

O 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil,  Ánxela Gracián recibiu o XV Premio Pura e Dora Vázquez de narración para a infancia por parte da Deputación de Ourense.
Nesta décimo quinta edición resultou ganadora a obra As historias da ogra Pinta.
O xurado destacou que As historias da ogra Pinta "transmite valores sociais moi importantes, como a falla de prexuízos".
Lembemos que a mesma autora, Ánxela Gracián, está presentando o outro premio destes úlltimos tempos, o VIII premio Meiga Moura 2018 (As voces da auga) que acadou ex aequo con Pere Tobaruela
Na modalidade de ilustración, no premio  Premio Pura e Dora Vázquez, resultou ganadora María Villarino López.

mércores, 3 de abril de 2019

Para o Día do Libro Infantil (ou Xuvenil) e tendo en conta as Poéticas diversas das Bibliotecas Escolares Galegas

 
Para o Día do Libro Infantil (ou Xuvenil) e tendo en conta as Poéticas diversas das Bibliotecas Escolares Galegas, aí van unhas recomendacións da nosa poesía para a mocidade:
Amar e outros verbos (Premio Lazarillo) de Ana Mª Fernández
O país de amarnos de Ana María Fernádez
Poetízate de Fran Alonso
Cidades  de Fran Alonso
Street poems  de Fran Alonso
Makinaria de Carlos Negro
Penúltimas tendencias de Carlos Negro
Masculino singular  de Carlos Negro
Aplicación instantánea  de Carlos Negro
Nunca mascotas Paula Carballeira e, non nos molestará, Contatrás
Ovella descarreirada de Marilar Aleixandre
Xardín de inverno de Ledicia Costas
A torre da derrotA de Gonzalo Navaza e Elucidario
... Porque ás veces tamén as ilustracións nos levan á poesía senón mirade as dos libros da editorial Everest (xa desaparecida, coas fotografías de DNL ou as pinturas de Xosé Cobas)
Poetizarse é o verbo e a verba!



mércores, 27 de marzo de 2019

DÍA MUNDIAL DO TEATRO

Manifesto do actor Carlos Santiago:
"Ser libre non é fácil. Menos en tempos nos que os fantasmas da longa noite son acirrados aquí e alá para espallar o medo e a sospeita e endurecer de novo as olladas e os corazóns da xente que ao lonxe espreita. Parece así que a vella idea da historia sempre se repetir dúas veces, primeiro como traxedia e logo como farsa, cobra nova luz nestes días que nos toca vivir. Se cadra é por iso que unha lexión de artistas vén sendo convocada ultimamente perante os tribunais para daren conta das súas sátiras e das súas impertinencias e que o tecido cultural é difamado en tribunas e medios armados en nova inquisición. Manifestemos, como xentes do teatro, a nosa perplexidade. Que ten de perigoso o teatro, e por extensión a cultura, para alentar semellante caza de bruxas?
Xa os franceses, no século XVIII, tentaron amputar o teatro do seu ferrete diabólico, e inventaran a palabra “obsceno”, literalmente “fóra de escena”, para designar todo o que debía ser excluído do palco en aras do decoro e o bo gusto, tal que homicidios, incestos, blasfemias, equívocos sexuais e toda a ladaíña de miserias morais que o teatro grego instaurou hai dous mil quiñentos anos como asunto propio do teatro. Era claro para o público grego que nin deuses nin deusas estaban libres de pecado e que, dito en grosa prosa, o espectáculo da corrupción moral das elites era o grande estímulo que enchía de xente os teatros. É por iso que aínda temos teatro, e aínda temos entroido, ese espazo de transgresión no que a cultura popular atopou a maneira de se subtraer unha vez ao ano ás imposicións narrativas do poder. Por imposicións narrativas enténdese, obviamente, o relato do que nos obrigan a ser e a pensar que somos.
Con todo, non contaban os franceses do século das luces co xenio inglés. A recepción na Francia ilustrada do teatro de Shakespeare, hoxe modelo por excelencia do teatro universal, foi un auténtico escándalo, pola súa mestura explosiva de altas e baixas paixóns sobre o palco. Incluso un home tan tolerante como Voltaire, non por acaso o primeiro pensador en formular os principios da liberdade de expresión e de pensamento en Europa, ficou abraiado pola selva de burlas lascivas, chistes malos e indecentes groserías das que Shakespeare rodeaba os seus versos máis brillantes. Foi Anxo Rei Ballesteros, entre nós, quen mellor esclareceu esta dialéctica entre o obsceno e o sublime, no seu magnífico ensaio sobre Hamlet, Tempo e Vinganza, como a marca da fractura temporal da que nace a propia sociedade moderna. The time is out of joint. O tempo está desgonzado. O que quere dicir, entre outras cousas, que obrigarnos a vivir e crear baixo as leis implacábeis do mercado, e ao mesmo tempo, esixirnos un comportamento rexido pola culpa interior e as censuras da moralina reaccionaria é simplemente ridículo, cando non probadamente hipócrita. Quen así o queira propor, que o propoña, a poder ser en eleccións libres e democráticas e non en libelos e tertulias de estómagos agradecidos, pero saiba que o teatro, independentemente da deriva política, fará sempre a súa sátira, como ben esixían os poetas latinos. E non porque no teatro nos asista un excepcional dereito de ser libres, senón porque o teatro é xa, de seu, un exercicio soberano da liberdade.
Dicía Pier Paolo Pasolini, un creador procesado mil veces polos tribunais de orde pública, que non escribira máis pezas teatrais porque sentía que o teatro esixía dedicarlle toda unha vida. É certo, e así o confirman as vidas de compañeiros como Xan, Ernesto, Gustavo, Mario, Xosé Lois ou Manu, que recentemente nos deixaran. Non se entrega unha vida ao teatro porque si. Hai un compromiso esencial que mantén viva a nosa paixón. E ese compromiso é precisamente o de ter a coraxe obscena de expresar o que a sociedade moitas veces non quere, ou non pode, ver nin escoitar. Sexamos pois coherentes con tal compromiso e como nos pedía o propio Shakespeare enfrontemos a nosa época tal e como ela se nos presenta. Viva o teatro e vivan os homes e as mulleres libres que o fan posíbel."