luns, 22 de xullo de 2019
De novelas e series
Teresa González Costa dálle continuidade ao seu libro Fred Quincalla, o nómade do mar
Trátase dunha nova entrega na que continuamos a coñecer a historia de en Gran Gogol e Leopolda en A nena, o monstro e o mar. Esta, aparece anunciada como "Unha historia de Leopolda Diéguez" e así o presenta a editorial:
"Leopolda Diéguez cóntalle a Gran Gogol a historia da nena que quería saber onde fora parar o mar que antes rodeaba a vila, e do monstro que construíu un muro para que a auga salgada non volvese chegar ata alí. Fálalle da terrible condición que o monstro lle esixe a quen queira atravesar o muro. Gran Gogol escoita con atención, porque se cadra iso é o mellor que pode facer alguén que está pechado no alto dunha torre... Unha nova historia da viaxeira Leopolda Diéguez, fascinante narradora e facedora de artes máxicas."
Dous tenros personaxes aos que perseguen un rei e unha duquesa, o primeiro porque di que Leopolda lle conta mentiras á xente e a segunda porque Gan Gogol lle dixo catro verdades das que non foran do seu gusto.
Dous ilustradores, no primeiro caso Marina Seoane, e no segundo Martín Romero: eu non debo mentir se penso que me gustaría que non se cambiara de imaxe cando se trata dos mesmos personaxes e aínda non andamos a facer múltiples versión da mesma historia.
domingo, 14 de xullo de 2019
Unha novela, cinco mundos, un perigo
Penumbra, de Daniel Landesa, é unha novidade da colección Fóra de Xogo de Xerais.
Presentación editorial:
"A desaparición de Bryn, unha das sentinelas do muro de entullo que protexe Terra de Sol do escuro reino de Penumbra, pon de manifesto a sombra que ameaza a convivencia entre os cinco territorios de Sol: Desértica, Montaña de Xeo, Cavernas de Sombra, Terra de Sur e Illa Dourada.
Ashlyn, a pequena irmá da sentinela desaparecida, é quen avisa as cinco terras do perigo e, ademais, quen guía a expedición na procura de Bryn a través das terras áridas de Desértica.
Mentres, Penumbra maniféstase na terrorífica sombra que intenta darlles caza."
Poderiamos convertela nunha película e resultaría moi ben. Un mundo de cinco mundos. Cinco vellos que un día o salvaron e agora acoden a catro nenos para que descubran que está a ocorrer. Dúas xeracións que se entenden moi ben. Tres mulleres e dous homes nos primeiro dos casos e dous de cada no segundo, porque unha das mulleres que pertence á xeración dos pais non se implica. Destes catro, cada un goberna un dos mundos ou represéntaos, as súas vidas estás no tramo final... cando unha nena corre a buscar axuda (ela soñaba cun pesadelo que só súa irmá maior aplaca, pero a irmá -vixiante da muralla que separa Desértica de Penumbra- desapareceu deixando só o rastro dos seus prismáticos destruídos. Haberá que entrar nese mundo de sombras (cando xa el está a asolar o propio) e haberá que loitar con el coas armas que unhas rapaces e uns rapaces teñen na súa maneira de ser e estar no mundo. Na diferenza está o valor: nese avión pesado ou no vehículo aéreo que é a recreación da mente dunha nena, unha tuneladora e unha cóbrega coa que deslizarse sobre as areas do deserto. Unha aventura que ha ter continuidade ou iso agardamos.
martes, 9 de xullo de 2019
LIbros de poesía a catro mans
Versos e viceversos de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos ilustrado por Juan Ramón Alonso e publicado por Kalandraka.
Unha obra de arte nas mans. Un papel que vai cambiando de ton. Unhas ilustracións que se van superando en lirismo ata chegar a ese mar que coloca, nunha tela nun tendedeiro ou que entra atravesando a porta da casa. Os nenos de Alonso que teñen un aire aos de Juan Farias, atemporais e tristes.
Dous poetas, un do norte e outro do sur, un galego e outro andaluz, traballando o verso para construír trinta poemas "que non levan título, mais si unha entradiña alterna en galego e castelán, na lingua materna de cada un deles".
O mar, o vento, os soños, caderos, a lúa e as letras, nubes, natureza, estrelas... e poesía. O misterio das palabras escollidas como as notas dunha sinfonía, igual de misterioso que o océano que vai e ven sen deterse nunca, igual de enigmático que as estrelas que na noite xiran e nos fan sentir diminutos, igual de indescifrable que a guerra que ninguén debería querer e se declara ou non declara pero sucede, igual de impenetrable que os libros que nunca leemos...
Aí está a maleta con todos os versos. Só hai que abrila!
xoves, 4 de xullo de 2019
Teatro en libro
Somos os monstros de Paula Carballeira acadou o X Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2018. Publícase, agora na Biblioteca Dramática Galega de Xerais con ilustracións de Ignacio Hernández.
Unha nena e un neno perdidos no bosque, que nos lembran? Pois si, no bosque hai sempre monstros, neste caso unha monstra grande e un monstro pequeniño, está o pai dos nenos e a xente -en xeral- que os busca.
O mellor os dialogos, conversas moi curtas, áxiles, cheas de chispa. Certezas como:
"Monstro Pequeno: Non temos casa.
Monstro Grande: Non temos nada.
Monstro Pequeno: Por iso somos tan poderosos.
(...)
Monstro Grande: Á xente non lle parecemos graciosos.
Monstro Pequeno: A min a xente tampouco me parece graciosa.
(...)
Monstro Grande: A xente chámanos feos, crueis, carnívoros.
Monstro Pequeno: Eu véxopme guapo no espello da auga.
(...)
Nena: Es un verdadeiro monstro!
Monstro Grande: E ti unha verdadeira nena!
Nena: Vasme comer?
Monstro Grande: Pode ser...Se me entra a fame."
Unhas ilustracións moi interesantes que caen, un tanto, cando lembran a obra de Jacobo Fernández.
Temos que dicir, unha vez máis, que cando Paula se po a escribir teatro é unha garantía. Daquela sabemos que contaremos cunha boa lectura de teatro. Que cunda o exemplo!
martes, 2 de xullo de 2019
Cando un libro nos trae personaxes de nome impronunciable
Quokka Moka de María Solar con ilustracións de Víctor Rivas, publicado na colección Merlín de Xerais.
Quolla Mokka é así, tal como nolo contan, pero resulta estupendo asistir a ese relato pouco a pouco, vendo como ela vai facendo bromas que non son tales máis que para ela, como magoa aos demais semella que sen caer na conta de que senten e sofren... ela móvese por un mundo no que semella non darse conta do mal que fai e contesta daquela maneira que nos encanta (porque coñecemos xente así). Aínda nos peores momentos a quokka vai ao seu e nos acompañámola, polo Universo e a Antiuniverso, co mesmo sorriso que ela leva posto.
Unha proba:
"-Miña avoíña, dásme un bico para durmir?
-Non
-Anda, miña avoíña. non vou poder durmir sen un bico teu. Es a única persoíña que me queda sobre a faz da Terra. Dásme un biquiño? Non vou poder durmir sen el, avoíña, nunca xamais durmirei. Na vida! Pasarei a noite desvelada, sufrindo de pena. Por favor, miña avoíña, se non sinto a calor do teu bico na meixela non poderei estar tranquila. Foi un día terrible, só me pasaron cousas malas. Dásme un biquiño, miña avoíña? Si? Si?
-Que non! -aínda non rematara a frase e a avoa xa oíu a Quokka Moka roncar."
Así é ela e así a novela segundo a presentación editorial:
Os quokkas son os únicos animais do mundo que sempre sorrín. Unha especie australiana de marsupiais que está en perigo de extinción. Imaxinas un animal que sempre sorrí, pero que é realmente insoportable? Pois esa é a nosa Quokka Moka. Insoportable ata fartar. Un día, sen querer, extermina a súa especie e só sobreviven ela e mais a súa riseira avoa, que quedou moi enfadada. As dúas, coa axuda do espírito do sapo Roco, o seu mellor amigo, deberán ir ao Antiuniverso na procura dos quokkos para tentar recuperar a especie.Unha divertida aventura vivida entre o mundo do dereito e o mundo do revés.
domingo, 30 de xuño de 2019
Cando un campo de refuxiados é o mundo
Lúa en Ningures de Beatriz Maceda con ilustracións de Laura Veleiro publicada na colección Merlín de Xerais, fala diso, dunha nena que ten que fuxir do seu país cos pais.
Hai libros cos que choras, moito, pouco a pouco, lentamente como a mirada da nena que semella pararse máis no camiño que nas cousas que mira. Lúa en Ningures vaiche facer chorar pero está ben que sexa así; algunha vez hai que facelo para lavar os ollos e para poñerse no lugar dos outros.
Lúa ha de abandonar o seu mundo, ao seu avó que é o ser co que mellor se entende, o que lle le O Principiño e lle ensina con afecto todo o que ela quere aprender como os mitos que hai detrás das constelacións. Só poderá levar tres cousas con elas e unha delas (o avó) vaille quedar atrás e para sempre. Chega a un campo de refuxiados, inmenso, coma o mar pero distribuído como unha tableta de chocolate, un lugar onde podes perderte (porque semella un labirinto) pero cando o fas será a oportunidade de velo desde arriba e facerte unha idea de inmensidade do abandono.
Aínda nos momentos máis duros e nos non lugares haberá sempre algo que facer... e os libros poden formar parte da esperanza: unha editora, unha biblioteca, unha maneira de comunicarse a través do debuxo. As ONG e os voluntarios e voluntarias, a esperanza e os amigos, as perdas e a vida que flúe agardando a que alguén, moitos alguén poña as cousas no seu sitio.
mércores, 26 de xuño de 2019
Unha novela de Anxo Fariña
A última novela de Anxo Fariña, Os ecos do lume, constitúe unha alegación pola defensa do mundo que coñecemos e doutros que non vemos.
O autor e ilustrador achéganos unha obra sorprendente na que ao lado da creación do Intramundo cunha serie de criaturas moi orixinais nos conta a historia de Noa (doce anos) e o seu irmán Antón (cinco anos). Desde as pelexas de todos os días á evolución da nena nun verdadeiro traballo de abandono do egoísmo e das banalidades para entrar nunha dimensión de responsabilidade e compromiso coa familia e co mundo.
Elorios, clorifantes, hocipontes, corremontes, unicornarios... no camiño de Noa buscando a Antón polo Inframundo despois de perdelo nun despiste mentres atende ao móbil. O lume de fondo, a aldea da avoa rodeada polas chamas, un vello teixo, o Gardián, o mozo ourizo... e de fondo un problema actual. Teremos que seguir atentos aos emisarios e ás raíces, agora que o verán ataca cos riscos dos furados na capa de ozono e os lumes arrasando montes.
Grazas, Fariña, por lembrarnos o importante!
Subscribirse a:
Comentarios (Atom)







