sábado, 31 de agosto de 2019

Premios de novela curta Xosé Neira Vilas para infancia e mocidade


O último deles, Detrás dos perdidos, da autoría do xornalista e poeta Pedro Rielo acaba de saír do forno, en edicións Embora.
Di así a presentación editorial: "A piques de empezar o verán de 1986, Fran, un rapaz de quince anos, vese obrigado a pasar o verán na aldea dos avós en Caldarcos, o que el denomina a aldea máis fría do mundo, o máis semellante que coñecía ao Oeste" Quixera quedar en Pontevedra, preto do mar e da rapaza que anda a interesarlle e que deixou caer case un convite a pasar tempo xuntos, pero non, debe ir cos pais e a irmá pequena á Terra Cha luguesa. Ten medo a aburrirse e a ter que estudar as matemáticas que lle quedaron para setembro, pero, o mellor do verán serán os encontros cun par de rapaces que xa non lembra, co sancristán e co mundo da avoa e da casa onde segue a lembranza dese guerrilleiro que alí se resgardou pola mediación do avó pero que decidiu un día irse coa muller a feiras e mercados vestido de branco como se de verdade chegara de Cuba. Ese Caldarcos que máis que un recanto xeográfico é un estado de ánimo. Alí, no medio dese realismo marabilloso a avoa ponlle a comida e fala co avó morto e acompaña o Grupo dos Perdidos nas noites de lúa chea axudándolles a cumprir as súas promesas e resolver problemas. por iso, o rapaz acaba confesando que "aquel verán no salvaxe Oeste de casas con tellados de lousa, baiucas, e de praias soñadas, foi a semente corsaria de todo" porque entre o que viu, o que escoitou e soñou a fantasía abriuse para sempre.Unha novela na que o autor deixa a pegada da súa maneira de ver mundo ou de contalo, con riqueza de verbas que poden adquirir o lirismo ou a metáfora case absurda, as múltiples referencias ao mundo da literatura infantil clásica e situala nese xogo de far west que non deixa de ser o país que habitamos. 
A convocatoria dos premios que tamén foi ganada por An Alfaya na convocatoria anterior con O home de negro. Na primeira convocatoria resultou ganadora Brian, o chinés de David Vázquez


martes, 27 de agosto de 2019

Contos de ratos: "Ratos de viaxe" e "Os ratos da casa"

Ai, as series! Un autor, unha ilustradora, uns personaxes e... a ler!
Oli, ás palabras; Natalia Colombo, ás imaxes... e os ratos a facer das súas.
Ratos de viaxe con ilustracións a páxina completa, máis ben a dúas páxinas que se abren para mostrar unha imaxe. Catro versos para acompañala con rima nos pares. E... unha cadea que une a última palabra do cuarteto coa primeira do seguinte, así:
"Os ratos,
para ir de viaxe,
meten na maleta
cada un o seu traxe.

O traxe,
de gala ou semana,
vai mellor colgado
na autocaravana.

A autocaravana
(...)"
O mellor dos cotos de ratos é que nos fan querer a eses animais que normalmente odiamos.

venres, 23 de agosto de 2019

Lectura por conta allea

"Lectura por conta allea" chámalle Juana a esa modalidade de lectura na que pai, nai, avoa, avó, tía... lle achegan un libro a un ou unha pequena que non pode ler aínda. Unha lectura acompañada na que a persoa adulta moi preto da pequena coa presenza a flor de pel, lle le, facilitando que observe o son das palabras ou o recoñecemento das grafías, comenta imaxes, aclara termos, amplía o vocabulario e vai deixando caer a sintaxe das frases máis elaboradas que as cotiáns, traballa a entoación e a comprensión,  pregunta, amplía horizontes e dá a coñecer outros mundos, relaciona o lido con algo acontecido no mundo real conectando así coa fantasía; ofrece un tempo de calidade, unha atención personalizada, momentos relevantes que non perden significación senón que a ganan cada vez que se repiten...
Esa conexión entre os afectos e a cultura, esa proximidade a un porto seguro, ese apego. 
Ese momento máxico no que entre unha persoa e outra hai só un libro, unha historia, uns versos, unhas ilustracións, toda a atención e a confirmación do que importa a través das miradas que se recoñecen e se falan coa linguaxe secreta do silencio. Sentirse protagonista, recoñecido na quentura das palabras e a aperta que o envolve como a historia, nunha situación amigable e familiar.   

mércores, 21 de agosto de 2019

Novelas que forman series: Dragal ( e xa van V)

 


Dragal V. O segredo do dragón ven sendo a quinta entrega da serie Dragal, creada por Elena Gallego Abad.
Unha igrexa medieval con imaxes de dragón, unha fraternidade de individuos dragóns e un grupo opoñente. Adolescentes estudantes de ESO e adultos que veñen sendo nai, directora do museo, inspector de policía ou crego. Un segredo a gardar, unhas transformacións que os converten en animais mitolóxicos, uns voos de adestramento e un embarazo. Está servida a trama, que se tece en capítulos curtos, de maneira áxil. Os que comezaron lendo a primeira das entregas chegan aquí e atópanse cunha historia triste porque as traizóns sempre o son, coas consecuencias de actos inconscientes que as mulleres sempre acaban pagando nunha medida desproporcionada e a novela dá ese punto de reflexión nas diferenzas entre o que pasa cos mozos e as mozas...
O final déixanos preocupados ou máis ben preocupadas? E xa estamos desexando que apareza o VI para que alguén nos traia un pouco de esperanza.

luns, 22 de xullo de 2019

De novelas e series


Teresa González Costa dálle continuidade ao seu libro Fred Quincalla, o nómade do mar
Trátase dunha nova entrega na que continuamos a coñecer a historia de  en Gran Gogol e Leopolda en A nena, o monstro e o mar. Esta, aparece anunciada como "Unha historia de Leopolda Diéguez" e así o presenta a editorial:
"Leopolda Diéguez cóntalle a Gran Gogol a historia da nena que quería saber onde fora parar o mar que antes rodeaba a vila, e do monstro que construíu un muro para que a auga salgada non volvese chegar ata alí. Fálalle da terrible condición que o monstro lle esixe a quen queira atravesar o muro. Gran Gogol escoita con atención, porque se cadra iso é o mellor que pode facer alguén que está pechado no alto dunha torre... Unha nova historia da viaxeira Leopolda Diéguez, fascinante narradora e facedora de artes máxicas."
Dous tenros personaxes aos que perseguen un rei e unha duquesa, o primeiro porque di que Leopolda lle conta mentiras á xente e a segunda porque Gan Gogol lle dixo catro verdades das que non foran do seu gusto. 
Dous ilustradores, no primeiro caso Marina Seoane, e no segundo Martín Romero: eu non debo mentir se penso que me gustaría que non se cambiara de imaxe cando se trata dos mesmos personaxes e aínda non andamos a facer múltiples versión da mesma historia. 

domingo, 14 de xullo de 2019

Unha novela, cinco mundos, un perigo


Penumbra, de Daniel Landesa, é unha novidade da colección Fóra de Xogo de Xerais.
Presentación editorial:
"A desaparición de Bryn, unha das sentinelas do muro de entullo que protexe Terra de Sol do escuro reino de Penumbra, pon de manifesto a sombra que ameaza a convivencia entre os cinco territorios de Sol: Desértica, Montaña de Xeo, Cavernas de Sombra, Terra de Sur e Illa Dourada.
Ashlyn, a pequena irmá da sentinela desaparecida, é quen avisa as cinco terras do perigo e, ademais, quen guía a expedición na procura de Bryn a través das terras áridas de Desértica.
Mentres, Penumbra maniféstase na terrorífica sombra que intenta darlles caza."
Poderiamos convertela nunha película e resultaría moi ben. Un mundo de cinco mundos. Cinco vellos que un día o salvaron e agora acoden a catro nenos para que descubran que está a ocorrer. Dúas xeracións que se entenden moi ben. Tres mulleres e dous homes nos primeiro dos casos e dous de cada no segundo, porque unha das mulleres que pertence á xeración dos pais non se implica. Destes catro, cada un goberna un dos mundos ou represéntaos, as súas vidas estás no tramo final... cando unha nena corre a buscar axuda (ela soñaba cun pesadelo que só súa irmá maior aplaca, pero a irmá -vixiante da muralla que separa Desértica de Penumbra- desapareceu deixando só o rastro dos seus prismáticos destruídos. Haberá que entrar nese mundo de sombras (cando xa el está a asolar o propio) e haberá que loitar con el coas armas que unhas rapaces e uns rapaces teñen na súa maneira de ser e estar no mundo. Na diferenza está o valor: nese avión pesado ou no vehículo aéreo que é a recreación da mente dunha nena, unha tuneladora e unha cóbrega coa que deslizarse sobre as areas do deserto. Unha aventura que ha ter continuidade ou iso agardamos.

martes, 9 de xullo de 2019

LIbros de poesía a catro mans


Versos e viceversos de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos  ilustrado por Juan Ramón Alonso e publicado por Kalandraka.
Unha obra de arte nas mans. Un papel que vai cambiando de ton. Unhas ilustracións que se van superando en lirismo ata chegar a ese mar que coloca, nunha tela nun tendedeiro ou que entra atravesando a porta da casa. Os nenos de Alonso que teñen un aire aos de Juan Farias, atemporais e tristes.
Dous poetas, un do norte e outro do sur, un galego e outro andaluz, traballando o verso para construír trinta poemas "que non levan título, mais si unha entradiña alterna en galego e castelán, na lingua materna de cada un deles". 
O mar, o vento, os soños, caderos, a lúa e as letras, nubes, natureza, estrelas... e poesía. O misterio das palabras escollidas como as notas dunha sinfonía, igual de misterioso que o océano que vai e ven sen deterse nunca, igual de enigmático que as estrelas que na noite xiran e nos fan sentir diminutos, igual de indescifrable que a guerra que ninguén debería querer e se declara ou non declara pero sucede, igual de impenetrable que os libros que nunca leemos...
Aí está a maleta con todos os versos. Só hai que abrila!