venres, 6 de setembro de 2019

Novidades xuveníl


A guerra dos botóns de Louis Pergado, publicada por primeira vez en 1912, aparece agora en Fóra de xogo de Xerais, traducida por  Xoán Manuel Garrido e Isabel Martínez. 
Coñeciamos a historia pola película que chegou a nós en diferentes versións. Que en Francia, os nenos de dúas aldeas veciñas mantivesen unha rivalidade ao longo do tempo, que se enfrontaran unha e outra vez en batallas onde o prezo a pagar pola derrota foran botóns, resultaba tremendamente tenro despois de ter pasado pola I e a II Guerra Mundial. 
A inocencia e a crueldade danse a man para achegarnos a ironía necesaria para mirar de fronte as guerras declaradas.
Ás oito da tarde, cando morren as nais de AveLina Pérez, premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2018, publicado na Biblioteca Dramática Galega de Xerais. Na presentación dise que a autora nos presenta un canto coral sustentado no absoluto baleiro, explotando as posibilidades do xogo escénico desde unha concepción aberta di espazo e cunha ollada irónica sobre a relación entre o teatro e a súa recepción. 
Non se pode dicir máis claro nin mellor. Un texto no estilo doutros que andamos a visualizar neste tempo, cunha repetición tremenda de frases que seica aportan pero que non se ve moi ben, e menos na escena, o qué. Xogos teatrais nun país que aínda non ten público e que esta non sei se será a mellor maneira de conseguilo. Todo é necesario.
A partir dunha cita de Jung "O encontro de dúas personalidades é coma o contacto de dúas substancias químicas: se se produce unha reacción, ambas resultan transformadas" cóntasenos unha historia do presente e pasado dunhas persoas que se atopan, se casan, separan... 
Costa certo traballiño seguir o argumento (sería máis doado nunha película), de vez en cando a descrición dun ambiente certamente interesante (como se abriramos unha fiestra a unha paisaxe doutro tempo ou lugar) e a novela colle outro cariz nun vaivén de despistes con cortinas que se abren e pechan, adiviñando personaxes. Igual non falaramos demasiado desta xente, entre nós. Vos veredes. 

mércores, 4 de setembro de 2019

Cando un libro trata de cans...

Quen salva un can? de Érica Esmorís, con ilustracións de Iria Fafián, publicado na colección Merlín de Xerais.
Cando un rapaz se enfada e non quere atender a razóns, o mundo cambaléase. Rai non quería irse do lugar no que vivía nin da escola onde estudaba, pero súa nai tiña outras perspectivas laborais e a familia múdase. Os resultados escolares de Rai son desastrosos, pero isto agrávase coa enfermidade do seu can: é vello e agárdase o peor. Daquela Rai vaino salvar, terá que buscar o oso da inmortalidade e para iso será axudado por unha manada de cans e un gato, abandonados de afecto pero dispostos a botarlle unha man ao neno. Un soño ou unha expedición, unha morte inevitable pero tamén a gran defensa da necesidade de afecto e dos coidados respectuosos que se lle deben aos animais. Ese grupiño de animais da canceira aos que ninguén leva é unha parábola doutras situacións de desamparo.
Un parágrafo para ser testemuñas da madurez: 
"Sete ten doce anos -Amalia disfrazou a súa emotividade de cautela: todas as adopcións eran triunfos para ela, pero cando alguén, sobre todo un neno, elexía un can invisible, un can enfermo ou vello, un can como Sete, que vivira sempre detrás duns barrotes sen saber o que eran o amor e os coidados dunha familia; ela, que levaba vinte anos á fronte da protectora, loitando día a día por sacar adiante eses animais, volvía sentirse nova e poderosa e a crer que todo era aínda posible-. Dentro dun tempo, ninguén sabe canto, volverás pasar polo mesmo mal trago que coa túa cadela Nona."

domingo, 1 de setembro de 2019

Libro de ciencia ficción, premio Lazarillo

Conta nove estrelas de Andrea Maceiras acadou o premio Lazarillo na última convocatoria. Un libro galego que se fai co premio máis antigo da literatura infantil e xuvenil, convocado pola OEPLI, e ao que se pode acceder desde calquera dos catro idiomas oficiais.
Onde está o perigo? A que tememos? Por que nos asusta a diferenza?
Ás veces aquilo que semella non servir máis que para o mal e a destrución resulta moi beneficioso noutras circunstancias, ás veces descoñecemos o que nos asusta, ás veces imos como eses turistas que observan sen sentir, ás veces non loitamos o suficiente polos nosos empeños, ás veces o afecto lévanos por camiños inesperados, ás veces atopamos compañeiros de viaxe que nos conducen máis lonxe, ás veces é bo ter un avó e un irmán aínda que non sexan propios, ás veces atopamos o camiño á casa aínda que esta se sitúe no confín dos mundos... 
Unha cata:
"Había unha vez un pobo tan antigo como a creación do Universo. Eran seres pacíficos, de cabelos azul turquesa, capaces de comunicarse coa alma das cousas e de manexar as enerxías do cosmos. Durante millóns de anos, viviron no corazón da galaxia Oma protexidos e en paz, agochados de todo, nun planeta remoto, e grazas a iso conservaron os seus dons. Ata que un día os habitantes dun planeta veciño descubriron a súa existencia. Eran tan diferentes deles que tiveron medo. Mantiveron en segredo aquel descubrimento, porque pensaron que causaría o pánico en toda a Galaxia Oma, e decidiron declararlle a guerra a aquel antigo pobo." 

sábado, 31 de agosto de 2019

Premios de novela curta Xosé Neira Vilas para infancia e mocidade


O último deles, Detrás dos perdidos, da autoría do xornalista e poeta Pedro Rielo acaba de saír do forno, en edicións Embora.
Di así a presentación editorial: "A piques de empezar o verán de 1986, Fran, un rapaz de quince anos, vese obrigado a pasar o verán na aldea dos avós en Caldarcos, o que el denomina a aldea máis fría do mundo, o máis semellante que coñecía ao Oeste" Quixera quedar en Pontevedra, preto do mar e da rapaza que anda a interesarlle e que deixou caer case un convite a pasar tempo xuntos, pero non, debe ir cos pais e a irmá pequena á Terra Cha luguesa. Ten medo a aburrirse e a ter que estudar as matemáticas que lle quedaron para setembro, pero, o mellor do verán serán os encontros cun par de rapaces que xa non lembra, co sancristán e co mundo da avoa e da casa onde segue a lembranza dese guerrilleiro que alí se resgardou pola mediación do avó pero que decidiu un día irse coa muller a feiras e mercados vestido de branco como se de verdade chegara de Cuba. Ese Caldarcos que máis que un recanto xeográfico é un estado de ánimo. Alí, no medio dese realismo marabilloso a avoa ponlle a comida e fala co avó morto e acompaña o Grupo dos Perdidos nas noites de lúa chea axudándolles a cumprir as súas promesas e resolver problemas. por iso, o rapaz acaba confesando que "aquel verán no salvaxe Oeste de casas con tellados de lousa, baiucas, e de praias soñadas, foi a semente corsaria de todo" porque entre o que viu, o que escoitou e soñou a fantasía abriuse para sempre.Unha novela na que o autor deixa a pegada da súa maneira de ver mundo ou de contalo, con riqueza de verbas que poden adquirir o lirismo ou a metáfora case absurda, as múltiples referencias ao mundo da literatura infantil clásica e situala nese xogo de far west que non deixa de ser o país que habitamos. 
A convocatoria dos premios que tamén foi ganada por An Alfaya na convocatoria anterior con O home de negro. Na primeira convocatoria resultou ganadora Brian, o chinés de David Vázquez


martes, 27 de agosto de 2019

Contos de ratos: "Ratos de viaxe" e "Os ratos da casa"

Ai, as series! Un autor, unha ilustradora, uns personaxes e... a ler!
Oli, ás palabras; Natalia Colombo, ás imaxes... e os ratos a facer das súas.
Ratos de viaxe con ilustracións a páxina completa, máis ben a dúas páxinas que se abren para mostrar unha imaxe. Catro versos para acompañala con rima nos pares. E... unha cadea que une a última palabra do cuarteto coa primeira do seguinte, así:
"Os ratos,
para ir de viaxe,
meten na maleta
cada un o seu traxe.

O traxe,
de gala ou semana,
vai mellor colgado
na autocaravana.

A autocaravana
(...)"
O mellor dos cotos de ratos é que nos fan querer a eses animais que normalmente odiamos.

venres, 23 de agosto de 2019

Lectura por conta allea

"Lectura por conta allea" chámalle Juana a esa modalidade de lectura na que pai, nai, avoa, avó, tía... lle achegan un libro a un ou unha pequena que non pode ler aínda. Unha lectura acompañada na que a persoa adulta moi preto da pequena coa presenza a flor de pel, lle le, facilitando que observe o son das palabras ou o recoñecemento das grafías, comenta imaxes, aclara termos, amplía o vocabulario e vai deixando caer a sintaxe das frases máis elaboradas que as cotiáns, traballa a entoación e a comprensión,  pregunta, amplía horizontes e dá a coñecer outros mundos, relaciona o lido con algo acontecido no mundo real conectando así coa fantasía; ofrece un tempo de calidade, unha atención personalizada, momentos relevantes que non perden significación senón que a ganan cada vez que se repiten...
Esa conexión entre os afectos e a cultura, esa proximidade a un porto seguro, ese apego. 
Ese momento máxico no que entre unha persoa e outra hai só un libro, unha historia, uns versos, unhas ilustracións, toda a atención e a confirmación do que importa a través das miradas que se recoñecen e se falan coa linguaxe secreta do silencio. Sentirse protagonista, recoñecido na quentura das palabras e a aperta que o envolve como a historia, nunha situación amigable e familiar.   

mércores, 21 de agosto de 2019

Novelas que forman series: Dragal ( e xa van V)

 


Dragal V. O segredo do dragón ven sendo a quinta entrega da serie Dragal, creada por Elena Gallego Abad.
Unha igrexa medieval con imaxes de dragón, unha fraternidade de individuos dragóns e un grupo opoñente. Adolescentes estudantes de ESO e adultos que veñen sendo nai, directora do museo, inspector de policía ou crego. Un segredo a gardar, unhas transformacións que os converten en animais mitolóxicos, uns voos de adestramento e un embarazo. Está servida a trama, que se tece en capítulos curtos, de maneira áxil. Os que comezaron lendo a primeira das entregas chegan aquí e atópanse cunha historia triste porque as traizóns sempre o son, coas consecuencias de actos inconscientes que as mulleres sempre acaban pagando nunha medida desproporcionada e a novela dá ese punto de reflexión nas diferenzas entre o que pasa cos mozos e as mozas...
O final déixanos preocupados ou máis ben preocupadas? E xa estamos desexando que apareza o VI para que alguén nos traia un pouco de esperanza.