luns, 30 de setembro de 2019

Libros que son clásicos infantís

Nese empeño que tanto levamos valorado en Kalandraka de traducir e reeditar libros que andaban descatalogados e custaba traballo conseguir, atopamos unha nova entrega: Míster Magnolia de Quentin Blake en tradución de X. Ballesteros.
Marabillosas ilustracións que ocupan toda a páxina se xuntan varias para presentarnos a este orixinal personaxe xogando cos números, porque a Míster Magnolia fáltalle 1 bota, ten 2 irmás frautistas, 3 batracios no estanque, 4 papagaios verdes,.. pero de vez en cando repítese a preocupación, porque a Míster Magnolia fáltalle unha bota, ata que ao final, cando chegamos a 10ten un agasallo: unha nova bota!   
Unhas ilustracións inconfundibles, coa alegría que o caracteriza ao servizo da infancia.

mércores, 25 de setembro de 2019

Un libro para caer polo universo


Caer de cu polo universo de Estíbaliz Espinosa, ilustracións de Lucía Cobo, publicado na colección Niño de abella de Apiario. O primeiro libro para a infancia desta poeta e o primeiro libro deste tipo publicado por esta editorial que abre colección. Un acerto.
Temos escoitado que algo estaba no cu do mundo, certo!
Tamén caemos de cu cando algo nos sorprende moito,e isto é o que lle sucede á nena que protagoniza esta historia, que cae de cun no universo e vai pasando por unha constelación, logo alucina ou máis ben aluniza na Lúa, pasa polo sol e a Vía Láctea e ata nos aclara a diferenza entre as estelas que tititilan e os planetas que brillaaaaan. Ao final aterra na Terra, no medio dun iglú así que terá que viaxar ata chegar baixo o ceo do río Miño.
Remata o libro coa posibilidade de enviarlle unha postal á astronauta, coa posiblidade de convidala a viaxar ás dunas de Marte, os aneis de Saturno... Só hai que escribir e recortar a postal e o selo.
Nótase o oficio de poeta da autora, nesta viaxe polo universo. Unha viaxe plena de coñecemento para divertirse contándoa e léndoa, para compartir mirando as páxinas e o ceo. Para caer de cu!    

domingo, 22 de setembro de 2019

Libros sobre libros

A meniña dos libros de Oliver Jeffers e Sam Winston, publicado por Patasdepeixe con tipografía de Óscar Villán e tradución de Laura Sáez e Saleta Fernández. Do mesmo autor, xa tiñan publicado o magnífico Perdido?
Un convite á lectura: "Eu son a meniña dos libros. Veño dun mundo de historias. Vou flotando sobre as ondas da miña imaxinación. Naveguei mares de palabras para preguntarte se queres vir comigo..." porque "Hai xente que esqueceu onde habito. Mais por entre estas palabras eu podo ensinarche o camiño"
De un en un ou de un en varios, teremos que seguir á meniña dos libros porque ela ofrécenos novas vidas que valen a pena ser vividas, novas xeografías da imaxinación para percorrer e novos tempos para habitar.
Moitas grazas temos que dar a estas pequenas editoriais que nos traen xoias como esta, libros que sen elas nunca teríamos nas mans. Ogallá poidan continuar co seu traballo e nos poidan seguir ofrecendo libros que son literatura e arte, álbumes ilustrados para gozar dos libros, das bibliotecas, das librarías, de nosos autores e ilustradores...  

venres, 20 de setembro de 2019

Lecturas brancas

Os mil brancos dos esquimós de Isabel Minhós e Madalena Matoso, publicado por OQO que resultou premio do libro infantil e xuvenil mellor editado en 2009
Preséntasenos o narrador en primeira persoa "son esquimó" e vainos contando onde vive, como é a paisaxe e a vida, o que lle gusta... Cos seus ollos negros ve todo branco:  neve, o xeo, a auga, os osos, a nubes, o iceberg, as folerpa, as gotas penduradas das tellas, a noite, a luz no iglú... e remata preguntándonos: E ti, cantos brancos podes ver?
As ilustracións coa técnica do colaxe aportan unha suxestiva achega.
Eles poden distinguir moitos brancos. Quen se atreverá a mostrarnos todos os verdes que podemos distinguir os galegos?

luns, 16 de setembro de 2019

Un álbum para todas as idades



Sementes, un álbum ilustrado con CD, escrito e ilustrado por Sonia García. Trátase da obra fin de carreira que presenta na Escola Pablo Picasso d´A Coruña. A banda sonora é de Álvaro Buxeiro.
Un álbum para todas as idades, tamén para adultos, no que se conta que cando hai lúa crecente é o tempo das sementes, se preparas a terra caen elas do ceo e poderá nacer vida.
Unha distopía: no Reino das Pílulas, unha moza atrévese a deixar a descuberto a terra para que a lúa crecente de febreiro traia ao sementador a lanzar milleiros de sementes para que enraícen. Ela será castigada pero a esperanza da forza da terra, o seu recendo... demostrará que a esperanza é posible.
Unha publicación de Edicións Xerais de Galicia.

xoves, 12 de setembro de 2019

Un libro de filosofía e literatura

A Terra de Anna de Jotein Gaarder, é un deses imprescindibles por moitas razóns: por traernos a filosofía á adolescencia, por tratar temas medio ambientais de primeira dimensión,... Todas as razóns que levaron a Kalandraka a traducir e editalo en galego.
Na lapela lémbrasenos que xa O mundo de Sofía foi un éxito mundial, a raíz do cal creou a Fundación Sofía, que cada ano convoca un premio ao mellor labor innovador a prol do medio ambiente e da defensa da natureza"
Un bocado:
(...)
- Es optimista? Ou es pesimista?
- Non o sei. Talvez as dúas cousas. E ti?
- Eu son optimista, Jonás. E sabes por que? Ceo que é inmoral ser pesimista.
- Inmoral?
- "Pesimismo" é só outra palabra para preguiza. Eu podo ter preocupacións, que é outra cousa, pero os pesimistas xa se renderon. 
(...)
Optimismo e loita, a pesar de todo. Creación de pequenos proxectos, microutopías, que nos espertan a esperanza cada mañá.

domingo, 8 de setembro de 2019

Elisa e Marcela, personaxes literarios

 
Ben é certo que existiron, que foron reais, e pasaron as calamidades que a sociedade do seu tempo lles impuxo.
Elisa e Marcela, dúas mestras condenadas á emigración, ao ostracismo e demais porque só a partir do goberno Zapatero se admitiron os matrimonios entre persoas do mesmo sexo. Adiantadas ao seu tempo, intentárno a principios do sénulo XX, disfrazadas e marchando dos lugares onde podían recoñecelas; aínda así non saiu ben. Contounolo, hai tempo, en 2008, Narciso de Gabriel en "Elisa e Marcela. Alén dos homes" publicado por Edicións Nigra Trea e agora volve a facelo en "Elisa e Marcela. Amigas e amantes" en Xerais. Conta Manuel Rivas no prólogo "A máis extraordinaria historia de amor", que delas escribira Emilia Pardo Bazán, que o colectivo Milhomes as reivindicara creando incluso un premio co seu nome e que Narciso de Gabriel andivo inestigando detrás da s´ñua historia (a que agora novela) quince anos.
Unha historia que xa foi levada ao cine por Isabel Coixet e ao teatro por A Panadaría
Agora, leamos a novela.