martes, 26 de novembro de 2019

Novidades editoriais



A banda da Reimunda de Pablo Nogueira (mestre de Audición e Linguaxe que escribe relatos están deseñados para tecer actividades de estimulación da linguaxe oral en galego a través de historias).
As ilustarcións son de Manuel Uhía, coa calidade acostumada, de tal maneira que se as paisaxes son fermosas, os animais están marabillosamente representados. O que menos me gusta do libro son as anotacións que na parte baixa da páxina dirixen a actuación do lectorado, posiblemente se poidera facer dalgunha outra maneira que non rache o ritmo da lectura.
O gatipedro. Da presentación editorial "Un neno, que se considera maior de máis, négase xa a poñer cueiros cando vai durmir pero ten un grave problema: polas mañás ten que soportar as queixas do pai e as burlas do irmán pequeno ao erguer da cama coas sabas molladas. Por que, malia ser maior, teño que poñer cueiros? Quen me fai isto a min? Teño que descubrir o causante de que molle a cama, pois eu non son. Se coñeces o imaxinario popular galego, saberás quen lle fixo isto." Autor, Jacobo Paz Limia e ilustrador, Xosé Tomás. Deste mesmo autor e ilustrador é A meiga chuchona que seguramente non lles guste moito ás avoas.

domingo, 24 de novembro de 2019

Dous títulos, en poesía, dunha vez



Unha historia rimada que recolle aquel título do álbum de Milladoiro (Galicia no país das marabillas) escrita por Claudia Castro (un gato e un rato que son amigos e deciden percorrer Galicia, pasando pola costa da Morte, a serra do Courel, a Ribeira Sacra, as illas Cíes ata chegar a Compostela e establecer a residencia en Teo). 
Ilustrado por Emanuel Lomeña en branco, negro e gris, cun estilo que seguramente nos guste máis nuns terminados que noutros, pero que achegan unha nova visión dese paseo por Galicia. 
Soleando de An Alfaya, publicado tamén na colección Árbore. Dia presentación editorial: "Un libro luminoso coma o sol. Con letras para quecer a alma. E para que nunca vaia frío por dentro"
Un poemario arredor do sol que segundo se explica no limiar "xurdiu como un xogo entre dúas creadoras (escritora - ilustradora) unidas pola amizade, residentes en dúas comunidades autónomas distintas (Galicia - Cataluña). / A idea de ter como tema central o Sol agromou da necesidade de iluminar as nosas vidas a diario cunha imaxe onde predominase a cor amarela, que nos infundise serenidade e esperanza. (...) A metade do poemario naceu como resposta á proposta das imaxes enviadas por WhatsApp pola ilustradora, e a outra metade, os poemas remitidos do mesmo xeito, guiaron a man da debuxante." E iso ao longo de cada día, antes de que rematase ás 24 horas debían ter o poema e a ilustración, realmente un xogo que dá o resultado que está publicado por Galaxia. Un divertimento con chispazos que nos van gustar como atoparnos cun sol brando como aqueles reloxos de Dalí e 46 poemas dunha An Alfaya que aínda non coñeciamos.

mércores, 20 de novembro de 2019

Libros: de un en un

Conta comigo de Miguel Tanco traducido por Maruxa Zahera e editado por Bululú.
En primeira peersoa, a nena protagobista do álbum ilustrado vainos contando que na súa casa, cada un ten a súa paixón. Ela busca a súa e por fin atópaa nas matemáticas. Vainas vendo en todas partes e remata elaborando o seu propio casderno "As miñas matemáticas" no que explica as súas descubertas.  
Acompañan a un texto mnoi medido unhas ilustracións moi expresivas.
Nenas e matemáticas en novembro, mes das ciencias na biblioteca escolar, que máis podemos pedir?

domingo, 17 de novembro de 2019

Escribir entre dous

Versos viceversos de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos con ilustracións de Juan Ramón Alonso, publicado por Kalandraka.
Non son moi comúns pero de vez en cando aparecen estes libros escritos a catro mans. Antonio García Teijeiro é un asiduo, gusta de compartir e camiñar de par doutros.
No limiar de Antonio Rubio, pregúntase "Dúas voces alternándise? Unha voz que resulta da unión de dúas voces? Ou un libro de versos escrito a catro mans?"
Na presentaicón editorial: "Un diálogo poético a dúas voces (e un pincel). Versos do norte e versos do sur que van e veñen como as ondas do mar, que testemuña o seu intercambio literario e lingüístico."
Un fermoso libro cunhas ilustracións fantásticas nas que o artista introduce as súas propias metáforas coa utilización dunhas cores frías e limitadas que achegan ese ensimesmamento necesario para os versos.
Unha pequena cata:
"Libros pechados: que soños roubados!
Libros abertos: sorrisos e acertos.
Libros pechados: barbeitos xeados.
Libros abertos: outonos espertos.
Libros pechados: mil versos calados. 
Libros pechados: fermosos concertos
Libros abertos: tesouros gardados.
Libros abertos: abrazos ben certos." 

xoves, 14 de novembro de 2019

Premio Merlín 2019, unha historia marabillosa

Xelís, o guieiro das botellas de mar de Rosa Aneiros acadou o premio Merlín de literatura infantil deste ano, convocado pola editorial Xerais.
A autora está nun momento doce, próxima ao lectorado infantil, disposta a crear grandes historias para eles, con todo o respecto e compromiso, coa mellor lingua... a máis rica e vital na que podamos soñar. Por iso, este premio é ben merecido. Un premio que se honra a si mesmo e aos lectores e lectoras cando se lle entrega a Aneiros.
Un guieiro de botellas de mar nunha illa que pasa desapercibida, que se oculta no mapa mundi do planeta. Un guieiro cunha perna invisible despois dun accidente, unha perna coa que fala e que ten vida propia, Colérica é o seu nome (para que nos fagamos unha idea). Hai máis guieiros, todos eles nenos que ás veces pórtanse como nenos pero que tamén asumen a súa responsabilidade e ata lla fan asumir aos grandes, eses poboadores que descargaron neles a responsabilidade de coidar do mundo. Grandes empresas son as que se traen entre mans, acabar de rematar coa illa de plásticos que se agachaba no mar pero atísbase, despois da empresa ecolóxica unha pacifista, pois quen vai a loitar contra as armas se non son eles? Un neno nunha illa oculta superando un problema físico, unha nena lonxe, no norde, traballando co avó na construción de botrellas de mar para salvar o planeta... e nós? non imos facer nada por botarlles unha man?
Aneiros é desa caste de escritoras nas que a bondade loita por facer un mundo mellor, unha escritora que lembra aos primeiros creadores deste xénero que fuxían da literatura pola literatura para enfrontar a vileza. Aí a temos: "Mingüen as forzas e acougue o mundo!" nun berro no que Xurxo Souto semella acompañala tocando o corno agora que andamos a acordarnos de Nunca Máis, porque é novembro e cabe unha esperanza. 
Andrés Meixide deseñador da colección, realiza unhas ilustracións que significan a creación dun mundo tamén especial, distinto, e que nos busca como aliados ata o punto de achegarnos unha guía para a construción dos personaxes. Quen dá máis? 

mércores, 13 de novembro de 2019

O home de negro, premio de novela Neira Vilas 2017


O home de negro, premio de novela Neira Vilas 2017
Di a presentación editorial: "O home de negro proponnos unha trama singular, a dunha escritora que comeza a relatar “a historia dun home que un día espertou dun estraño soño onde el era o único habitante dun espazo branco” e que, a partir dese momento, vai converterse nun ente autónomo que dirixe o seu propio destino e mesmo interactúa coa súa creadora.
A grande imaxinación despregada por An Alfaya nesta obra así como as implicaturas filosóficas que encerra o seu relato fan desta novela un texto que debe interpretarse cunha mirada aberta, que nace con vocación de chegar a un abano amplo do lectorado."
A relación da autora coas súas criaturas e lectoras, o proceso de creación nunha divagación novelesca, unha desas obras de An Alfaya nas que prima a unha imaxinación e unha fantasía un tanto abstractas que poden sobre a historia; é unha marca de auga da autora ( e digo marca de auga porque seguramente me aocrdei de Buguina namorada e outros títulos).

luns, 11 de novembro de 2019

Banda deseñada en galego

Trackers. 1 A arma perdida dos deuses.
Tirso - Muñoz 
Da presentación editorial:
"1664. Reino de Inglaterra. Un equipo de científicos da Royal Geographic Society está preparando unha expedición á península de Yucatán. A súa misión: capturar unha criatura das lendas maias coñecidas baixo o nome de Cancerber dos deuses. Os seus descubrimentos non só cambiarán o destino de Inglaterra, pero tamén o curso da historia. Tirso Cons (The Chronicles of Legion) e David Muñoz (Land of Vampires) reúnense detrás de The House of Whispers para ofrecernos unha historia de aventura con todo O gusto do cine clásico de Hollywood, mesturado con altas doses de fantasía, novela e emoción."
Un bo cómic, en galego, con guión de David Muñoz, idea orixinal de Tirso, cores de Fidelius... Editado por 3pintamonas . Desta mesma editora é Abastos, formado por catro historietas ambientadas nun mercado a través das estacións do ano.