martes, 31 de marzo de 2020

GaliciaLe (Plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas)




GaliciaLe, a plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas ofrece os seus servizos tanto aos que teñen carnet como a aquelas persoas que non o teñan aínda...
Libros, libros con música e películas.
GaliciaLe facilita as condicións de acceso á plataforma en tempos de alarma.

luns, 30 de marzo de 2020

Máis Magas das letras galegas: agora Baía


Cando unha empresa privada, como viamos na anterior entrada (Xerais) e nesta, Baía, fan o esforzo polo galego, por dar de ler en galego a través da rede, de forma gratuíta, sempre quedamos sorprendidas e agradecidas.
Sorprendidas porque os negocios están pensados para dar réditos, para facer cartos como se ten demostrado ao longo da Historia, por iso, cando asumen papeis de responsabilidade e compromiso co público, con todos e todas, cos que teñen cartos e cos que nunca lles merca un libro, sorpréndenos e non debería, porque moitas das editoriais galegas que publican en galego saben moito de proxectos deste tipo, de traballo para facer país e identidade, de esforzos para manter ese patrimonio herdado e para seguir construíndo cultura.
Cando se fala dunha cultura subvencionada había que mostrar claramente cales son os negocios que se aproveitan (de facelo) porque eu o que vexo é moito esforzo persoal (quen non lembra a Bragado percorrendo Galicia para dar a coñecer libros e autores/as?) e de grupo (defendendo a lingua e a lectura mellor que moitos que cobran para iso).
Grazas, neste caso imos dicir que chegaron as Magas
Así o presentan: "Baía Edicións con vos na casa" 
Propostas de lectura
Para 4-6 anos:
         Nube branca quere ser astronauta, de Pablo Nogueira e Manuel Uhía (ilustracións). Disfrázate, sopra, canta e salta con esta sinxela historia de superación, solidariedade e empatía,  que che axudará a mellorar a pronunciación. DESCARGA 
        Un día de treboada, de María de Mata e Mariana Riestra (ilustracións). DESCARGA. Por que non pode unha muller ser tractorista? Falamos de igualdade, sempre a ter en conta
        O dragón comemedo, RuAn (texto e ilustracións). DESCARGA.  Este conto pode axudar a superar os medos a pequenas e pequenos, nun momento en que senten que algo estraño está a pasar, sen poder saír da casa.
Para 7-8 anos: 
      A casa máis animada do mundo, de Cristina Sáez Cazallas e Almudena Aparicio (ilustracións). DESCARGA  Esta é a historia dunha casa encantada habitada por seres especiais que nos regalan un conto para cada día do mes. 
      O tempo do revés, María Solar, Arturo Iglesias e Xosé Tomás (ilustracións). DESCARGA. Serán Ana e Aldara capaces de falarse se non teñen en conta que a Terra é redonda? Vaia lea! Un enredo divertido coa física da Terra como fondo.
Para 9-10 anos:
       Boa sorte, de María Solar, Arturo Iglesias e Xosé Tomás (ilustracións). DESCARGA. Boa sorte tiña moi mala sorte. O primeiro que fixo foi nacer e xa non lle saíu ben, pois naceu de cu. Ciencia e aventura nunha única obra con divertidos experimentos. 
        Moko, Cristina Sáez Cazallas e Fernando Juárez (ilustracións). DESCARGA. Moko chegou ao noso planeta en 1998 para alertar os habitantes da Terra dos perigos da destrución da capa de ozono e vivir unha aventura inesquecible.
Para maiores de 12 anos: 
         A herdanza do marqués, de Conchi Regueiro e Noemí López Vázquez (ilustracións). DESCARGA Zoila nin imaxinaba que un sitio como Vilacardoso podía encerrar tantos segredos escuros. Bastante fora con deixar a cidade, as vellas amizades e, sobre todo, a Jonathan
         Diario dunha noiteboa, de Jacobo González Outes. DESCARGA. Novela negra ambientada en Compostela e no segredo dun grupo de estudantes de universidade que vai ser desvelado no diario do principal acusado da morte dunha moza. 
          Liliput, de Manuel Lugrís Rodríguez. DESCARGA. A Coruña como pano de fondo nunha investigación xornalística na que se nos presenta unha época na que todo se desenvolve como un espectáculo de monicreques e onde ninguén pode escapar ao seu destino.

domingo, 29 de marzo de 2020

O compromiso de Xerais en tempo de reclusión


Catro títulos de Xerais para abrirlle a porta á lectura en galego, ese é o título da entrada do Blog de Xerais que nos anuncia esta boa nova.
A xenerosidade e o compromiso dunha empresa co galego, neste caso -ademais- tendo en conta que xa non é galega,  que non son bos tempos para a edición na nosa lingua... que acaban de pasar por unha crise forte na que perderon o mellor dos seus activos: Manolo Bragado (un home ao que -coma a Rivas- costa traballo chamar Manuel, tanta é a confianza que a parte iluninada do país ten neles).
Grazas, Xerais, por activar a mellor demostración de que estás na defensa do país e a súa lingua. Agora está a pelota outras mans, na do profesorado que pode recomendar esta lectura, por dala a coñecer, por motivar ao alumnado (tamén a distancia), por poñer en valor unha iniciativa que merece todo a nosa consideración. 
Está a pelota nas mans das familias á que unha industria lle facilita o tempo de ocio dos seus fillos e fillas, un libro para cada tramo de idade, unha boa escolla que se lles entrega nas mans / ollos a través da pantalla (nestes tempos nos que seixa a eles lles gusta máis mirar a través desa luz).
Agora, a pelota está nas mans de toda a xente que debería estar dirixindo e redirixindo esta iniciativa ás redes para que ninguén quede sen saber que cada rapaz e rapaza deste país foi agasallado con catro libros, para que ocupen o seu tempo de descanso, facendo o mellor que poden facer en situación de alarma e reclusión, lendo boa literatura.
Este paso non é un paso calquera. Este paso é unha maneira seria e comprometida de defender a lectura  e a lingua, a literatura e á rapazada. Se algún neno ou nena non se enteran de que teñen catro libros de agasallo, será que as persoas adultas non estamos onde temos que estar, non facemos o que debemos facer. 
Viñeron os Magos e trouxeron lectura!

sábado, 28 de marzo de 2020

DÍA MUNDIAL DO TEATRO, 27 de marzo (III)









Vén a conto que agora lembremos a Carvalho Calero que publicou dous libros de teatro: Teatro completo e Catro pezas. En Catro pezas de 1971 aparecen A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro) e en Teatro completo as mesmas e a maiores O fillo e Isabel.  Tamén ten escrito ensaios falando de teatro como Teatro Nós ou Escritos sobre teatro.   ao que se pode acceder directamente na edición dixital.
Lálase tamén na BVG dunha conferencia "Sobre o seu teatro" ditada na Sala Luís Seoane da Coruña o dia 30-5-1983, con motivo da apresentación dos dous primeiros volumes dos Cadernos da Escola Dramática Galega. 
E, sobre o teatro do mestre ten escrito Henrique Rabuñal en Adiante.
Neste estudo aparece citada outra obra titulada: Os xefes.
Sobre Carbalho Calero e máis próximo a nós a obra de Héctor Cajaraville: Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso, na que -tal como comentabamos na entrada correspondente, introduce sete pezas nas que recoller escenas da vida do autor; dicíase así: "Neste caso, ademais do texto expositivo, o listado de recoñecementos, a recollida da obra publicada e a cronoloxía que pon en relación cos acontecementos mundiais, engade sete pezas teatrais que recollen momentos moi especiais da súa vida e ao tempo recoñecen esa querencia e afición polo teatro por parte do autor homenaxeado. Lembremos que de neno se supón que asistía ao teatro Jofre (preto da súa casa ferrolá), foi alumno de Comellas Coímbra que acada sona como dramaturgo, dirixe ao grupo de alumnos/as de teatro no colexio Fingoy organizando as veladas teatrais, escribe dramaturxia... Por iso, Cajaraville lle dedica esa ofrenda detida na morte da nai, no paseo pola alameda compostelá da man de García Sabell, Fraguas e Cunqueiro; a despedida da muller en Lugo camiño de Madrid, no cárcere andaluz, dirixindo o teatro no Fingoy, no día da despedida na universidade e o día da morte despedíndose da familia." 


venres, 27 de marzo de 2020

DÍA MUNDIAL DO TEATRO, 27 de marzo (II)


·    

   Falando de teatro, é a hora de lembrar a aqueles que escribiron teatro e nolo legaron directamente, sen nada a cambio, na BVG (esa páxina que fala da falta de xenerosidade ao quedar parada e da que agardamos que alguén se faga cargo -se lle deixan-). Por se alguén non as atopa, imos alá!
P  Sempre enteiras, aínda que podedes probar a catar anaquiños doutras...
    Para a infancia unha marabillosa obra de X. Agrelo Hermo: O cartafol de Ruperto e Auto de Entroido   de Manuel Lourenzo González (premio O Facho).  
   Para adultos, tedes a de Xoán Bernárdez, O valedor do reino; o monólogo para inventar o amor de Fernández Naval, Non se che faga tarde; Quase toda a verdade sobre os Outeiros do Inferno de Joel R. Gómez; O reino de atrás de Manuel Lourenzo e Noitebra de Euloxio R. Ruibal.      
..... Porque todos e cada un dos días son válidos para o teatro!
(Continuará, porque todos os dçias son dçias de teatro, na casa (léndoo; representándoo de todas as maneiras posibles: lido, representado con actores e actrices ou con bonecos e asistindo ao teatro. De todo isto nos fala Paula Carballeira no seu Manifesto polo Día Mundial do Teatro que pdoemos ver na páxina de GALIX, igual de algunha que outra sorpresa)
VIVA O TEATRO!!!!

xoves, 26 de marzo de 2020

DÍA MUNDIAL DO TEATRO, 27 de marzo (Un adianto)

Teatro, puro teatro. A casa tamén pode ser un escenario no que xogar a representar, facelo coas nosa voces ou cos corpos enteiros ou cos bonecos que podemos facer ou Por certo, falando de facer... mirade como elabora a que protagoniza Mariña, Isabel Somoza na páxina, como podes facer algo con papiroflexia buscando no Salón do Libro a alguén que conta un conto, o CoronaConto, ou facendo este Pinocho  elaborado por Reviravolta, ou seguindo do vídeo de "Como facer unha marioneta hixiénica".

Vaiamos preparando as ferramentas!