Pequeno botón de Paula Merlán e Lucía Cobo, publicado por Narval.
Esta é a historia dun pequeno botón que semella invisible, porque ninguén fai caso del e o xastre que non é outro que o Teixugo non llo coloca a ningunha peza de roupa. Nun despiste cae na caixa de costura que o xastre leva ao faiado, pero os seus berros fan que acuda a araña a botarlle unha man... outros virán a axudar e outro obxecto aparecerá tamén no chan para que todo se resolva ben e os dous sexan colocados onde corresponda para que cada existencia teña o seu valor.
Xa o dicía a dedicatoria "A todos aqueles que se senten pequenos e aínda non descubriron o grandes que son".
Chámanos a atención un listado de "argumentos de venda" que se difunden a partir da folla voandeira:
"Oficios esquecidos: xastrería
Elementos da vida cotiá: botóns, alfinetes, fíos...
Conexión coas cousas pequenas que pasan inadvertidas
Temas: amizade, autoestima, axuda, solidariedade, traballo en equipo.
Abórdase a excesiva atención aos defectos, sen apreciar as virtudes.
Descuberta do bo que hai en cada persoa, animal, obxecto."
A verdade é que fixeron unha verdadeira disección da historia.
Son de destacar, tamén, unhas ilustracións moi interesantes, especialmente as de obxectos.
martes, 28 de xullo de 2020
luns, 27 de xullo de 2020
Libros, case, de imaxes
Os nosos bosques de Diego García, Judit Santos, Clara Cervizo e Andrea Soto. Publicado por Miudiño, Sociedade Cooperativa Galega.
Trátase dun libro de gran formato no que se nos amosa a riqueza de vida que agochan os diversos bosques galegos, invitándonos a esculcalas para coñecer as fragas atlánticas, as devesas luguesas, as carballeiras e soutos
repartidos polo territorio… para descubrirmos a realidade que cubre boa
parte do país. Asi se presenta e asi o vemos.
Unha boa oportunidade de mirar e aprender, de gozar e recoñecer unha riqueza medioambiental que hai que coidar.
Unha boa oportunidade de mirar e aprender, de gozar e recoñecer unha riqueza medioambiental que hai que coidar.
Parabéns á editora e ás autoras e autor.
Moitos libros destes fan falla, sobre todo despois de ter desaparecido A Nosa Terra.
venres, 24 de xullo de 2020
"Xa vooou!"... A ver se damos chegado
Xa vooou! de Susana Peix e Romina Martín, traducido por Maruxa Zahera Landeira e publicado por Bululú.
Un peixiño distraído que sempre di: Xa voooou, pero ten pouca memoria e polo camiño esquece o que lle piden e el promete facer. Regálanlle un caderno para que apunte, así o fai, pero agora esquece o caderno con todo o anotado.
Con ilustracións vistosas, todo escrito en maiúsculas, retratando unha situación moi común e coa que moitos e moitas se van sentir identificados.
xoves, 23 de xullo de 2020
Atrapar a mirada que se vai á pantalla
As crianzas son esas persoas que, por estar nun estadio determinado de
evolución, andan máis dispostas a comunicarse. Con elas podes entenderte
coa mirada. Sen coñecervos, sen que medie presentación nin compromiso
podedes facervos sinais, botar uns sorrisos, dicirvos adeus coa man ou
mandarvos bicos ao lonxe. Elas, cando non lles meten na man, tamén, unha
pantalla, búscanse entre si, conectan entre elas, relaciónanse moi ben con todo, tamén
coas cousas ou cos animais. Os ollos desa rapazada están moi vivos,
mostran a vitalidade e o interese pola vida coma os de Picasso ou Díaz
Pardo
Atrapamiradas vai diso, do que vemos no día a día; diso que hai un tempo nos daba a risa e agora asumimos como normal. A xente atrapada polas pantallas, sen prestar atención ao que a rodea fóra delas.
Vera, a nena que protagoniza a historia, sae á rúa a buscar o que non atopa na casa: as miradas dos outros e das outras. Pero alí, igual que aquí as olladas foron capturadas polas pantallas, que os atraen coma o mel ás moscas. As imaxes dino todo: vanse enganchando uns nos outros porque non se ven nin ven por onde van. As criaturas lánzanse mensaxes desesperadas. O irmán máis vello xa está inducido, tamén; só Vera, o pequeno e o can se salvan da peste. E a pequena sente medrarlle algo escuro no peito...
Relacións interxeracionais, afectos e entendemento sen barreiras, tenrura e miradas que atrapan miradas.
Un álbum de Marina Núñez con ilustracións de Avi Ofer, traducido ao galego por Manuela Rodríguez e publicado por Kalandraka, na colección Demademora.
martes, 21 de xullo de 2020
Morre o protagonista dun cómic e... algo máis
O tesouro de Lucio foi publicado por Demo en galego.
Nel cóntasenos a vida deste anarquista navarro que foi quen de humillar a un xigante da banda mundial. Unha vida chea de ideoloxía e experiencias impresionantes, un home valente que na etapa final fai reconto do que pasou.
Morreu este 18 de xullo, pero non poderemos esquecelo moitos lectoras e lectores porque a banda deseñada nolo lembrará a nivel popular, aí a onde non chegaba a Historia.
Unha obra que non pode pasar desapercibida pola boa construción pero tamén pola riqueza do que conta, por ese percorrido vital que comeza na infancia da represión franquista que non só machacoou aos enfrontados ao réxime senón tamén á rapazada "que non sabía o que facía". Un libro imprescindible, hoxe e no futuro.
Parabéns e agradecemento a Demo por traérnolo á casa, á nosa lingua.
sábado, 18 de xullo de 2020
Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado
Onte, 17 de xullo, o día no que comezaban as festas en Compostela, fallouse o premio que leva o nome da cidade de Álbum Ilustrado, organizado por Kalandraka e o concello.
Case 400 orixinais presentados (a pesar da pandemia que limitou a participación latinoamericana), chegados dunha vintena de países con propostas moi diferentes e orixinais.
O ganador, un libro sen palabras, Desde 1880 de Pietro Gottuso que pasa a ser o número trece dos premiados ao longo dos anos, entre Cerca, Mamá, Un gran soño, A familia C, A viaxe de Olaf, Bandada, Ícaro, Despois da chuvia, Unha última carta, A horta de Simón, Cándido e os demais e O can de Milú.
Desde 1880, sen necesidade de palabras móstranos a sucesión cronolóxica a través dun anaco de fachada, dende esa data ata a actualidade máis terrible. Unha proposta histórica que en catorce láminas nos fala de 140 anos. Os dous comercios que rodean o portal, unha libraría (que se mantén ata a última das crises, a actual) e un café que pasa a ser galería de arte (para mostrarnos os cambios artísticos destes tempos); as transformaciónss a través do que pasa por diante dese anaco de rúa baixo a atenta mirada de Cronos. Un libro que nos abre o horizonte a moitas historias, todas as que queiramos ler e contar.
O xurado declarou finalista, Bola, unha proposta de Maite Gurrutxaga que trata os medos infantís achegándolle unha nova alternativa e resolución. Tamén quixeron facer unha mención especial a Pájaros da uruguaia Lucía Franco e da arxentina Natacha Ortega que nos traen un poema, enchendo de poesía as palabras, as imaxes e o percorrido do libro, que vén cantado a través dun código QR.
Tres magníficas achegas que completarán o ceo do álbumes para ledicia de maiores e pequenas/os.
venres, 17 de xullo de 2020
Un vida nun acuario
As magníficas ilustracións de Célia Fernandes e a tradución de Anxo Tarrío nunha edicións de Hércules.
A vida nun acuario vista por un neno pero, como se a cámara se fora aproximando ao interior... os peixes van mostrando a súa situación. Un peixe vermello, fermoso, ao que deixan só os peixes azuis e castigan tendo que comer o que a eles lles sobra. A chegada dun peixe grande e negro nunha bolsiña con auga que trae o pai do rapaz. Pasa a comer el de primeiro, os azuis de segundos e o vermello o que queda, pero o negro observa e decide falar con vermello, dálle pena velo sempre só e tan delgadiño así que se fan amigos e acompañarao a comer no seu turno. Logo, chega a enfermidade... e as cousas cambian. Humanos e peixes, un acuario e os problemas que dentro xorden, tanto de relación entre os peixes como do coidado que os humanos deben darlle. A solidariedade e a valentía como valores a defender; os enfrontamentos entre uns e outros, o busca de falsos responsables, os prexuízos como desafíos; todo isto nun álbum ilustrado de moi boa factura.
Subscribirse a:
Comentarios (Atom)







