mércores, 24 de marzo de 2021

Winnie -the- Pooh de A.A.Milne en galego

 

Winnie -the- Pooh de A.A.Milne coas ilustracións de E. H. Shepard que sae á luz en tradución de Mosés Barcia no selo Sushi Books,  fora publicado por primeira vez en 1926. 

Na lapela do libro cóntasenos que as historias escritas por A.A.Milne e protagonizadas polo seu fillo Christopher e o seu oso de eluche lle deron fama mundial, publicadas en máis de 50 linguas. Fálase do ton poético e o grande enxeño cos que conta os xogos e andanzas de C. Robin: o oso Winnie-the-Pooh galdrumeiro e torpe; o proquiño Piglet, máis ben temeroso e Togger, o tigre fanfurriñeiro.O pai (autor) conta as historias a petición do fillo que lle pide contos para o oso. O relato vaise movendo entre os planos e debuxos e complementado coas cancións que uns e outros van cantando con diferentes motivos. O diálogo entre o neno eo pai, a relación entre os diferentes personaxes é moi evidente, pero aínda así, o lector acaba entrando na historia e esquece que son bonecos cos que xoga un rapaz. O absurdo que caracteriza ao neno acaba facéndose dono. O pequeno subindo e baixando as escaleiras da casa facendo pum pum pum ao arrastrar ao oso non impide que sigamos crendo desa maneira. Nótase que cada capítulo foi (no seu día) publicado indipendentemente, porque acaba conntando unha avntura ou un sucedido.

Vexamos un diálogo para facernos idea:

-Hai alguén na casa? 

Oiuse un súbito rebumbio dentro do burato, e logo silencio.

-Dixen que se hai alguén na casa! -berrou Pooh moi forte.

-Non! -dixo unha voz, e logo engadiu-: non fai falta que berres tanto. Oíonte perfectamente a primeira vez.

-Vaia, ho! -dixo Pooh-. Entón non hai ninguén?

-Ninguén.

Winnie-the-Pooh sacou a cabeza do burato, pensou durante un anaco e díxose: "Aí ten que haber alguén, porque alguén tivo que dicir Ninguén. Así que volveu meter a cabeza no burato e dixo:

-Ola! Coello, es ti?

-Non -dixo Coello, esta vez cunha voz diferente.

-Pero esa non é a voz de Coello?

-Non creo -dixo Coello-. Intento que non o sexa.

-Oh! -dixo Pooh.

Sacou a cabeza do burato, pensou outro pouco, volveuna meter e dixo:

-E serías tan amable de dicirme onde está Coello?

-Foui visitar o seu amigo o oso Pooh, que é un grande amigo seu.

-Pero se ese son eu! -dixo o oso, moi sorprendido.

-Qyue clase de eu?

-O oso Pooh!

-Estás seguro? -dixo Coello, aínda máis sorprendido.(...)

Así sucede a historia na que o oso entra na casa de Coello, como é moi larpeiro come moito mel e leite condensado ata o punto de non poder saír polo burato, daquela han de chamar a Christopher e todos os animais que tentan sacalo, ata que se dan conta de que teñen que agardar a que adelgace mentes o neno lle le contos e o coello uso as súas pernas dentro da casa de toalleiro. Todo é así de natural, cada un é como é, e a vida vai sucedendo no medio desa harmonía que se crea entre a diferenza.

Dous libros traducidos, cada un deles con dez capítulos. Non se pode relatar a maxia dunha idade se non se conserva, se non se volve a ela grazas a ser testemuña dun pequeno que a habita, por iso, se o primeiro dos libros comeza e remata con Christopher baixando e subindo as escaleiras batendo con Winnie en cada banzo bum bum bum, a segunda entrega A casa do recuncho de Pooh unha despedida, porque o rapaz medra. Comeza así: "As introducións son para presentar a xente, pero Christopheer Robin e os seus amigos, que xa che foron presentados, agora van despedirse. Así que isto é o contrario. Cando lle preguntamos a Pooh que era o contrario dunha Introdución, dixo: "O que dunha que?", o cal non nos axudou  todo o que agardaramos, pero por fortuna Bufo mantivo a cabeza e díxonos que o Contrario dunha Introdución, meu querido Pooh, eraunha Contradición: e, como se lle dan moi ben as palabras longas, estou seguro de que é así.

O motivo de que haxa unha Contradición é que a semana pasada, cando C.Robin me dixo: "Que hai dese conto que me ías contar sobre o que llepasou a Pooh cando...", eu apresureime a dicirlle: "Canto son nove por cento sete?" E cando xa resolveramos esa cuestión metémonos noutra de vacas pasando por unha cancela a razón de dúas por minuto, e se hai trescentas no prado, cantas quedan despois dunha hora e media? Estas cuestións parecéronnos moi emocionantes, e cando xa nos emocionaramos dabondo aniñamonos para durmir... e Pooh, que queda esperto un pouco máis na súa cadeira, xunto á nosa almofada, ponse a pensar os seus Grandes Pensamentos acerca de Nada, ata que tamén el pecha os ollos, cabecea e nos segue ata o Bosque andando na punta dos pés. Alí seguimos vivindo aventuras máxicas, máis marabillosas que ningunha outra que che contase; pero cando espertamos esta mañá, desapareceran antes de que puidésemos retelas. Como comenzaba a última? "Un día que Pooh paseaba polo Bosque, había cento sete vacas nunha cancela..." Non, xa vedes, perdémola. Era a mellor, creo eu. Ben, velaquí algunha dasoutras, todas as que lembramos agora. Pero, por suposto, isto non é realmente un Adeus, prque o Bosque sempre estará aí... e calquera que sexa Amigable cos Osos pode atopalo."

Remata así "E fóronse xuntos. Pero onde queira que fosen, e fose o que fose o que lles pasase polo cmaiño, naquel lugar encantado da parte máis afastada do Bosque estarán sempre xogando un neno e o seu Oso".

A maxia das pequenas historias que son grandiosas, a volta ao Bosque da infancia, a ese mundo propio que ten as sáus propias regras e linguaxe. Ás veces, moi poucas, algúns adultos poden internarse nela e traernos pequenos obxectos do tesouro, como as crebas que aparecen nas praias para falarnos de algo que existe pero non está.

 

luns, 22 de marzo de 2021

21 de marzo, día internacional de poesía

 https://cadernodacritica.files.wordpress.com/2020/12/cuberta-definitiva-nos-outras-1-416x573-1.jpg

O calendario do Libro e da Lectura asume esta conmemoración seguindo o ditado da UNESCO que declarou o 21 de marzo, de cada ano, Día Mundial da Poesía, dende 1999.vNa súa declaración di que a poesía é unha das formas máis prezadas da expresión e identidade lingüística da humanidade. A poesía, practicada ao longo da Hª, en todas as culturas e en todos os continentes, fala da nosa humanidade común e dos nosos valores compartidos, transformando o poema máis simple nun poderoso catalizador do diálogo e a paz. Considera a UNESCO que celebrar este día é unha maneira de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética fomentando a visibilización daquelas linguas que se atopan en perigo. Unha ocasión para honrar os poetas e as poetas, para revivir tradicións orais, promover a lectura, a escritura e aumentar a presenza da poesía nos medios de comunicación.

Esta vez queremos presentar un libro...

A editorial Chan daPólvora, dirixida polo poeta e xornalista Antón Lopo, puxo en marcha a colección Udra de poesía infantil. Só ten dous libros, pero moi ben escollidos. O primeiro, Tinta de luz  foi unha colaboración entre os irmáns Álvarez Cáccamo: Pepe nos poemas e Berta Cáccamo (a artista contemporánea con exposicións nos nosos mellores museos) nas ilustracións. Hai un par de meses sacou á luz un libro de Marica Campo ilustrado por outra artista contemporánea, Menchu Lamas. O seu título é Nos outras. Escollín este libro polo que supón esta colaboración entre dúas mulleres que proveñen de campos diferentes e nos entregan un produto moi actual, cheo de oficio e calidade, a todos os niveis. Ramón Nicolás, escribe en Caderno da crítica acerca das imaxes: “ese estoupido cromático e esa enerxía innata que arrastran as imaxes de Menchu Lamas coas súas recorrentes mans abertas como símbolo de unión colectiva que, dalgún xeito, articulan un convite á integración e á confluencia nos valores do respecto á igualdade do ser humano” E continúa... “O libro abeirase a unha temática moi concreta que dirixe a súa ollada cara á diversidade, algo máis necesario que nunca nestes tempos de confusión. Velaí como as composicións de Marica Campo percorren, con claridade expositiva e ritmo propio, a cerna de asuntos como son a paz, a solidariedade, o cultivo da liberdade persoal e o amentado respecto ás persoas que posúen as súas propias características: un camiño operativo para combater, por extensión, os prexuízos sociais, os estereotipos ou o acoso escolar e non só. Un libro, ademais, editado requintadamente. Oxalá sexa moi lido.”

Un bocadiño:

Auriga sen cabalo

Vai en cadeira de rodas

a soñar que é un auriga.

Hai festa grande e o pobo

acode a velo na liza.

O circo estala en aplausos 

e os aplausos en cantigas,

as cantigas en historias

que contan cousas moi lindas,

como aquela dun rapaz

que está tolleito e camiña

polo carreiro dos soños.

Leva as rédeas ben sostidas

e o cabalo que non hai

ten orballadas as crinas.