luns, 7 de marzo de 2022

Un libro de coñecemento: Guía definitiva dos peixes de Galicia

 

Guía definitiva dos peixes da Galiza de Nacho Munilla (nos textos) e Pancho Lapeña (nas ilustracións), publicado grazas a unha manda de mecenas que responden a unha subscrición popular, editado por Soriano Ourensana de Libros (constituída polos seus autores, que confesan ter por obxectivo principal a produción de libros platónicos sobre aspectos diversos da Historia Natural). O libro é tan natural que declara: "Parte ningunha deste libro pode ser reproducida sen o consentimento escrito dos autores, cousa que eles adoitan dar". 

Comeza o libro co apartado "Á procura dos nomes dos peixes do mar" onde na súa pescuda atopan co traballo realizado hai tempo por Mª do Carme Ríos Panisse para a súa tese, realizada na década dos setenta. A continuación, unha introdución: "Esta guía que tes diante dos teus ollos describe 51 peixes dos mares da Galiza, dá conta dos seus múltiples nomes e recolle algúns dos ditos, contos e fantasías que eles protagonizan." A descrición de cada peixe (dous en cada páxina) está referida ás seguintes categorías: dimensións ou lonxitude en centímetros, dificultade de observación, hábitats principais e profundidade á que adoita atoparse; na páxina enfrontada ao texto atopamos unha ilustración coas dúas especies correspondentes representadas a escala e conformando un conxunto compositivo clásico. Esta desrición complétase cunha simboloxía.

sábado, 5 de marzo de 2022

Toupiciencia. A xanela do maxín

Toupiciencia. A xanela do maxín á unha miniserie audiovisual de divulgación científica en galego dirixida á infancia, con 8 episodios de 3 minutos de duración cada un. Neles, Toupiña e outros monicreques, descubrirán o mundo da ciencia a través de curiosidades sobre a astronomía, a física, a bioloxía, a química ou as matemáticas.

O proxecto conta coa colaboración de persoeiros do ámbito científico de Galicia, como Ángel Carracedo, Minia Manteiga, Elena Vázquez ou Jorge Mira, entre outros. No enlace poden verse todos os capítulos...