venres, 7 de xullo de 2017

De árbores e escolas


A árbore da escola é un álbum ilustrado, escrito por Antonio Sandoval e ilustrado por Emilio Urberuaga.
Hai que coidar o medio, o ambiente e o cultural. Hai que coidar a lingua de noso, hai que coidar da natureza. Non se debe defender o patrimonio da colonia desde a metrópole pero tampouco se pode falar de conservar como quen escolle no xogo da roda: ti si, ti non.
E despois desta reflexión imprescindible, desde o meu punto de vista, o comentario a este libro que nos gusta e defendemos.
Moitas veces atopamos escolas nas que o cemento o cubre todo... houbo un tempo (e non hai tanto diso) no que alguén falaba de asaltar a alameda de Compostela para que a xente non manchara os zapatos ao camiñar. Un cemento que volve gris o mundo e no que o único vivo somos os humanos convertidos en profesorado e alumnado. Igual que aqueles que collían o cal das paredes en tempos nos que se necesitaba incluso ese alimento, hai lugares nos que dan ganas de ir mirar e tocar as plantas que se empeñan en nacer e resistir nas xuntas da masa deste país no que a humidade fai medrar bosques verticais. 
Só hai unha árbore no patio da escola, é pequeniña, e prohiben tocala para non mancala. Menos mal que un neno se empeña en mirala, falarlle, regala, abrazala... e a árbore responde medrando, botando novas follas e pólas ata facerse enorme e converterse nun fenómeno digno de estudio. A rapazada tomará a árbore ata colgar dela unha randeeira ou facer nela unha biblioteca. A cambio, a árbore dá unha semente e esta enviada a outro centro dará lugar a unha nova historia na que unha nena obviará a valla que a rodea e prestaralle atención para que medre... e continúa a historia e a natureza. E a lingua de noso. 
As ilustracións no estilo propio do ilustrador, dicindo o máximo co mínimo de recursos, expresándoo todo e engadindo datos o texto, datos fundamentais, porque os animais tamén acompañan a vida, incluso na escola. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario