martes, 4 de xullo de 2017

Libros que son novidade



Hilario e os tres medos. Xoán Babarro. Oqueleo. Obradoiro Santillana.
En primeira persoa, conta unha nena adoptada o seu día a día, os seus medos e como a vella veciña lle axuda a superalos, a través dunha tatuaxe que lle coloca no brazo para eliminarllos.
Tenlle medo aos médicos, aos compañeiros, a ela mesma... debido á diferenza de cor non é doado. Abeba, que semella comezar a historia defendéndose moi ben das burlas dos compañeiros, logo semella caer en todos os temores. 
Lola, a vella que vive na porta do lado do seu piso, ten un bastón con nome que lle vaticina o tempo. Ás veces perde a memoria, e case sempre hai que axudala, pero ela tamén bota unha man sempre que pode. 
A relación entre os avós e os netos (aínda que non o sexan de certo) é rica e intensa, ata o punto de que nos dá pena cando se evita. Esta nena, sálvase grazas ao apoio incondicional de Lola, que ademais a xungue coa súa cultura de orixe ao colocarlle o seu nome en árabe na tatuaxe. Diferenzas de etnia e de idade, momentos difíciles na vida das persoas nas que caen en dificultades moi doadas de superar noutros intres. Unha vella e unha nena, mulleres co coidado entre as mans.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario