domingo, 6 de agosto de 2017

Paula e os animais: "Bruxa e familia"



En primeira persoa, unha moza, que se considera bruxa, vainos contando onde e como vive, e cal é a súa relación cos animais cos que comparte a casa de pedra preto do río. Estas mascotas -ás que ela lles fai compañía- son Isis e Nefertiti -dúas gatas-, un caracol de baño de nome Prisciliano, unha araña con sete patas á que chama Sétima e a pequena Catrovecesdúas, a mosca inmortal Cornucopia, un milpés bailarín chamado Pérfida Escolopendra, o rato Caruso, a curuxa Carmila e a toupa Altamira. Non vive con ela, pero visítaa, cada día, o merlo Tristán que se estampa contra o cristal, e non só o fai por rimar. Vén de visita, tamén, o Monstro do Tellado que debe ser seu irmán, un lobishome, digno descendente do pai, que é o sétimo fillo dun sétimo fillo. O pai,  grazas aos medicamentos que lle dosifica súa nai, nunca chega a transformarse en animal de todo.
Ademais deses animais que sempre están con ela, ten máis compañía. Neste caso, trátase daqueles que van e veñen, sen quedarse. Por un lado a nena Rosaura que desconfía dela,  porque ser bruxa é o que ten... hai demasiados contos falando de que comen nenos ou envelenan mazáns. Por outro, está o lobishome que se sube ao seu tellado... e que igual é da familia.  
Onomástica, que é o nome desta moza bruxa, cando celebra o aniversario faino con tres festas, por que será?
Paula co seu rexistro de narradora, co seu humor sempre presente, cos seus pensamentos... acompaña a nosas lecturas, agora con esta Bruxa e familia, que se publica na colección Oqueleo
Un bocadiño:
“Desde que Rosaura marchou aprendín que hai dúas clases de soidade: a que sempre está e a que vai e ven. A que sempre esa é unha soidade doce, amable. Cando consegues vivir con ela, descobres os nomes propios dos animais e das plantas que te acompañan. A soidade que vai e vén é peor, porque se agocha detrás das persoas e soamente no momento en que esas persoas marchan, a soidade asoma, e ti sentes que o peito se afunde co peso da tristeza. Ese é o momento de cantar alto e forte”
Miremos en detalle as ilustracións de Lucía Cobo.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario