mércores, 9 de agosto de 2017

Libros e lecturas



















Kibuko de Xavier Estévez na colección Oqueleo de Obradoiro.
Dous mudos contactando entre si:  real e un de ficción,no medio unha nena deprimida pola morte do pai e un tesouro que abre portas, unha cámara de fotos, e o encargo de facer cinco fotos: o edificio máis bonito da cidade, as figuriñas do xardín do veciño, a súa irmá, a súa nai e ela mesma. Do outro lado, o universo de Kibuko está a desaparecer a pasos axigantados e el debe facer algo por impedilo. Farao e conseguirá que a filla continúe a soñar co imaxinario do pai.mentres observa como as demais van soportando a dor da perda de maneira digna e solidaria.
Da mesma colección pero, neste caso, para lectores a partir do doce anos, é O Bosque Pálido de Jaureguizar. Con humor, cóntanos Lidia a súa historia.Filla de Adam e Eva, anda bailan dun a outro extremo, do músico case marxinal á muller convencional,cada un buscando o mellor para a filla e discutindo entre eles. Decidín enviala a unha illa a aprender inglés. Na costa recóllea un mariñeiro que semella pirata e lévaa a un lugar sinistro. Alí todos e todas visten á moda de hai séculos, viven de noite, dedícanse á rapiña facendo naufragar os barcos ou despistándoos por medio dos radares e internet. Sobrevive así un grupo de albinos, chupándolles a enerxía -a base de abrazos- a aqueles que conseguen levar á illa... pero, no medio de todo iso, Lidia namórase dun destes rapaces e consegue fuxir con el levándoo á súa casa. E si, hai un bosque pálido con sepulturas...
Haberá que ler e entrar na mellor narrativa de Jaureguizar. 
O segredo da casa de Formoso de Héctor Cajaraville. Así o presenta o autor no seu blogue:
"David acaba de facer dezaoito anos e é o único fillo dunha parella de emigrantes galegos en Nova Jersey. No verán previo ao seu ingreso na universidade viaxa a Galicia, onde só estivera ao pouco de nacer, co fin de asinar os documentos para a venda da casa que os Formoso, a súa familia materna, herdaron na localidade costeira de Faramontáns.
A súa intención inicial é regresar de inmediato, pero axiña van aparecendo razóns polas que prolongar a visita: unha Galicia que pouco ten que ver coa idea que el traía na cabeza, unha familia coa que nunca ata entón tivera contacto, un misterio arredor da «casa de Formoso» que enterra as súas raíces na guerra civil... E o amor, que xorde de súpeto polo lado máis imprevisible.
Unha historia de sentimentos, pescudas, confidencias e revelacións que desemboca no achado máis transcendental: o que nos dá as claves para descubrirnos a nós mesmos".
Ese pé en New Jersey con todos os nosos emigrantes, en Newark ou Bayonne. Os pais traballando no que poden, o rapaz entrando na universidade pública, a máis barata pero non  mellor, os seus amigos nunha mostra de diversidade, o seu tempo coincidindo coa presidencia de Obama...
O outro pé en Galicia, Santiago e o concello de Céltigos, o tío rico e ostentoso, as tías da aldea tranquilas e familiares, a prima avogada empoderada e a adolescente buscando sr foco de atención; a outra rama familiar cun avó que debe ser un dos personaxes máis duros e breves da nosa literatura,  unha avoa que resiste e unha tía enferma... unha casa fráxil e cruel da que sae fuxindo... pero é na outra póla onde vai descubrir a cara do horror, un avó con fama de exemplar que denunciara a un veciño nos tempos do Golpe de Estado e se queda coas súas propiedades deixándoo morrer na cadea. Non ten problema Cajaraville en mostrar o mellor e peor da condición humana e facelo cunha narración áxil, con diálogos engaiolantes... xogando a mostrar  e suxerir.
Un bo relato para a mocidade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario