venres, 29 de setembro de 2017

Novo cartel de bibliotecas escolares


Como todos os anos, as bibliotecas escolares de Galicia estrean novo cartel. O deste ano correspondeulle a Xosé Tomás e xira arredor da Filosofía. "Aprender a pensar na biblioteca escolar" é o seu lema.
Os anteriores: "Biblioteca escolar. Servidor Central", "Biblioteca escolar. Espazo de lecturas", "Biblioteca escolar. Un mundo de oportunidades", "Biblioteca escolar. Última xeración", "Biblioteca escolar. Acelerador de Innovación",  "Ler ciencia na biblioteca escolar", "Biblioteca escolar. Matemático!", "Biblioteca escolar. Base de exploracións", "Biblioteca escolar. Territorio das Artes" foran realizados por Manuel Lariño, Miguelanxo Prado, Marina Seoane, Enma Ríos, Andrés Meixide, Patricia Castelao, David Pintor, Fran Bueno e Minia Regos. Unha boa morea de profesionais que demostra o bo facer dos nosos ilustradores e ilustradoras.
Así se presenta:
"Unha biblioteca  escolar actualizada no seu modelo, nos seus recursos e equipamentos, nas súas propostas; atendida con profesionalidade e integrada no día a día do centro educativo, supón unha oportunidade única para axudar a nenas e nenos a desenvolver o seu pensamento crítico, a "aprender a pensar".
Aprender a pensar a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións. Aprender a pensar co cine e coa música. Aprender a pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades compartidas. Aprender a pensar baixo a guía e orientación dun profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e, tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos  para desenvolver o pensamento complexo. Aprender a pensar nas clases de filosofía, pero tamén fóra das aulas regladas, onde a vida flúe en todo o seu misterio. A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir."
NON SE PODE DICIR MELLOR!

Ningún comentario:

Publicar un comentario