xoves, 8 de novembro de 2018

Varios libros varios

 


















O primeiro deles é O trapecista da malla de rombos de Alberto Canal, un xornalista que xa publicara Conexión Tubinga (unha viaxe iniciática á cidade de Tubinga, onde perdura a historia do tradicional enfrontamento entre a Igrexa tradicionalista de Ratzinger e a vangardista de Künge) e O amor nos días escuros de Birkenai (situado na fábrica de munición dos campos de exterminio de Auschwitz). Agora, nesta novela pon pé na experiencia da Ciudad de los Muchachos do padre Silva, en Ourense, e na figura dun inocente rapaz de dez anos, ao que a vida pouco lle ten ofrecido. Nun ton lírico relátanse os últimos días desa experiencia que ía moito máis alá dun circo: unha escola de democracia para a rapazada do mundo. Comezan os dous primeiros capítulos lembrando Cen anos de soidade  "Pouco antes de pechar os ollos e ficar profundamente durmido, Iupanki habería de recordar aquel día de neboeiro orballoso en que a tita Amadora o levou a ver por primeira vez o gran Circo de los Muchachos" e "Iupanki tamén habería de lembrar fugazmente aquel frío serán de outono en que fuxiu da casa para ir visitar a Residencia de Cabaleiros, onde súa nai Palmira traballaba." A inxenuidade ao servizo dunha causa. A maldade, con todas as súas armas dispostas para derrubar o que estorba aos seus intereses.
Algo diso hai tamén en Mamá, quero ser Ziggy Stardust, cando o amigo invisible que relata a historia, nos fai pensar nun neno un tanto máis inocente do que corresponde á súa idade, pero aínda así, está ao servizo dun rapaz transexual que quere ser quen realmente se sinte e para iso se apoia nunha das personalidades creadas por David Bowie. Aine quere vestirse coma un neno, levar coma un neno o pelo, cantar e bailar como Ziggy Stardust. Súa nai, súa tía e seu tío, a mestra... van a apoialo de todas as maneiras posibles, porque é un dereito que lle corresponde; seu pai irase, porque ás veces a realidade está máis alá das convencións para as que moitas persoas están preparadas. 
Outro libro, este para adolescentes, que tamén trata o tema da transexualidade, de novo unha moza que se sente mozo e neste caso se apoia nos superhéroes, nun supermán ou batman, no home araña ou no grupo enteiro porque se dá conta de que o que vale é contar cunha patrulla da que forman parte a súa amiga Mucha das Anzas (unha rapaza disposta a todo e cunha seguridade en si mesma que abraia), Martín (o que foi inimigo para pasar a formar parte do grupo porque tamén el tiña moito do que queixarse) e Xela (unha moza de cartel que se descobre homosexual). Fóra do normal é de María Reimóndez; con el ganou o premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2017, quedando finalista o libro antes citado, da autoría de Iria Misa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario