sábado, 17 de novembro de 2018

Teatro clásico para a infancia

As aventuras de Odiseo de Xosé Luna, aparece co subtítulo de Dramaturxia clásica grega para os pereiriños galegos. Ao final do libro atopamos, a modo de vocabulario, a explicación dos personaxes destas obras, explicando quen é quen.
As aventuras de Odiseo son seis pequenas pezas nas que se vai debullando a Odisea, esa viaxe de volta de Ulises cara a Ítaca.  Comeza coa trampa que os gregos lle tenden aos troianos cando introducen dentro das súas murallas o cabalo do que sairá o seu exército pola noite para vencelos, segue contando as diferentes etapas da viaxe, o desembarco na illa do cíclope, o encontro co deus do vento Eolo, o problema coas sereas e os seus cantos, a situación de Penélope tecendo e destecendo mentres o agarda e o regreso ao fogar do héroe. 
"O cabalo de Troia" co subtítulo de "O poder da imaxinación", "O ciclope Polifemo", Eolo", As sereas", Penélope" e "A volta a Ítaca". En todas as pezas, actúa Sátiro como narrador oficial que fai correr a historia e poñela na man dos personaxes. 
Cita, o autor, como fonte bibliográfica o libro de Neira Vilas e Anisia Miranda Mitos e lendas da vella Grecia.
Unha gran idea, esta de pasar a teatro a Odisea,  facelo por medio de bocadiños dramáticos, acompañados das ilustracións de Eva Seoane en edicións Embora. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario