luns, 17 de xuño de 2019

Álbumes ilustrados (III)


Morriña, un libro de Paula Ventimiglia sobre a emigración, publicado por Hércules de Edicións. 
A dor de ter que marchar do lugar no que vives, a adaptación a unha nova realidade e a morriña que sentes cando te acordas do que deixastes atrás. Non fan falla palabras para contalo, vese ben. Vese esa nena que vai de roxo como Carapuchiña Vermella, o lugar no que vive (tamén perto do bosque), a aldea con esas catro casas, a calceta na que traballa na casa... e como cando, de novo, calceta xa maior noutra casa, noutra aldea, lembra a primeira e sente morriña. Un libro sen palabras que coloca nas gardas finais as fotos desa antiga familia en branco e negro, que seguramente sexa da avoa á que dedica o libro. Un libro circular como as lembranzas e a morriña. Medramos, pero nunca deixamos de ser as nenas que un día fomos.
O peixe arcodavella de Marcus Pfister, traducido por Iago Nicolás Ballesteros e publicado por Kalandraka. O peixe máis fermoso ten escamas de todas as cores (pintadas e tamén algunhas plateadas). Todos o admiran. Un día un peixe pequeniño, que o segue a todas partes, pídelle unha das súas escamas brillantes, el négase a agasallarlla e todos lle dan as costas. Séntese só, tan só que decide preguntar como pode resolver o problema, daquela, o polvo dille que se entrega unha escama a cada peixe faranse amigos seus. Terá amigos pero deixará de ser fermoso... que fará o peixe arcodavella? As ilustraciuóns son magníficas pero conseguen a máis alta cota nos azuis, eses cores mar dunha profundide manifesta. Non se pode ter todo.


1 comentario: