A raíña galega de Xosé Durán é a historia da lingua galega contada en primeira persoa. Publicada en Fóra de Xogo de Xerais. Nada mellor que reproducir a contracuberta:
"Nacín hai xa moitos séculos. Son a lingua galega, filla dunha poderosa raíña e duns belicosos reis que moraban no noroeste da Península Ibérica. Fun admirada en Europa e cortexada por reis, nobres e bispos. Os trobadores tanxían os seus instrumentos cantándome nos pazos e castelos, mentres os xograres alegraban as festas comigo. Mesmo os poetas de Castela, Andalucía e a Provenza devecían por min. Cos Irmandiños fun derrubar castelos de nobres opresores e coas xentes do común escorrentei os franceses cando ousaron pisar Galicia. Pero cando me deixaron de escribir, só o alento do pobo conseguiu manterme viva. Agardo contigo, que me les, recuperar os esplendorosos momentos de gloria e vivir orgullosa mil primaveras máis."
Xosé Durán (químico, xornalista e escritor) realizou un traballo novelesco memorialístico para contar a historia de Galicia e a súa cultura a partir da lingua galega. Faino a través de dez capítulos: Quen son eu, Quen son os meus devanceiros, Como nacín eu, A miña infancia, A princesa da Gallaecia, A raíña das linguas romances, Os Séculos Escuros, O Rexurdimento, A Real Academia Galega e a Xeración Nós e Do ermo á resurrección.
Ningún comentario:
Publicar un comentario