sábado, 19 de outubro de 2024

Novela infantil, finalista do Merlín

Liliam Strawerry e o paxaro da morte foi finalista do Merlín 2022, está escrita por Abel Tomé e ilustrada por Blanca Vila.

Así se presenta: "Cando Liliam Strawberry contaba con catro anos faleceu e, tres días despois, no medio dunha treboada, apareceu viva diante da súa casa. Por este feito excepcional é coñecida en toda Tanzana e máis alá. Agora, con dez anos, volve ser protagonista doutro suceso: ela, Franz Apple e Gloria a Musaraña atoparon un cadáver con roupas doutro século na lagoa dos Colonos. Este non será o único corpo sen vida que aparecerá na vila. Liliam, atraída polos enigmáticos cadáveres, incitará a Franz e a Gloria a investigar pola súa conta sen sospeitar que ela vai ser unha peza clave no curso dos acontecementos. Unha fascinante novela de intriga e misterio, con doses de fantasía, medo e humor, dirixida a ese lectorado infantil que xa camiña cara á adolescencia".

Certamente, trátase dunha novela para bos lectores, para lectorado experto que gusta de ver acompañadas as boas historias de ilustracións pero que contan cunha boa competencia lectora e gustan de novidades na maneira de contar, como esta de introducir despois de cada capítulo un titulado "O que debes saber" no que se achegan diferentes datos sobre os protagonistas, os lugares, a historia da comunidade... O autor non só crea unha historia senón tamén unha certa civilización, un ambiente que nos afasta do noso presente e doutros pasados coñecidos. Nenas que volven da morte, nenos traumatizados polo que lles pasou cando se perderon varios días e nunca contan... Tres personaxes, cada un deles máis estraño, os compañeiros que queren acosar e levan nos dentes porque Liliam é como a nena do exorcista, alguén empeñado en erguer os vellos mortos... e os pais, uns personaxes entrañables de tan vulnerables. Nenas valentes e nenos que non o son tanto, que poden mexarse ou quedar coa boca aberta pero a este trío non lles importa, eles quérense e están dispostos a todo por non separarse.  

Os capítulos titúlanse coa frase que lles dá comezo. As ilusrracións magníficas de Blanca Vila, danlle ocontrapunto como se lles pillara a alma aos personaxes, non pretende que se lle vexa a ela senón a eses nenos marabillosos cunha personalidade física e psicolóxica tan especial que desborda. Demostra tanto afecto por eles que sempre os deixa quedar ben, tal vez se centre demasiado nos tres nenos sen mostrarnos a ningún dos pais porque o estudo que fai de cada un deles é inmenso...

Ningún comentario:

Publicar un comentario