luns, 28 de outubro de 2024

Álbums ilustrados

En álbum ilustrado atopamos produtos en galego en diferentes editoriais, moitas delas foráneas. Esta é unha pequena mostra...

Os libros non son para os osos de Mark Barry e Katy Halford, traducido por Vanesa López e publicado por Miau. Escrito en letras maiúsculas.

Da presentación editorial: " Oso atopa un libro en metade do bosque. Correndo, vai ver ao seu aimigo Bufo para que lle ensine a ler. A partir de aí... Oso dáse conta de que quere máis e máis libros. Sen pensarllo moito, colle unha bici que atopa e diríxese á cidade a por máis, pero a xente da cidade o único que lle di é que os libros non son para os osos." 

Oso aprendera a ler con Bufo, o sabio, e na lectura atopa a cousa que máis lle gusta no mundo, por iso busca libros por todas partes sen atopar ningún máis ata que viaxa a cidade. Na escola hai libros pero non o deixan entrar porque os libros non son para os osos, na libraría dinlle o mesmo... ata que chega a unha biblioteca, case non se atreve a entrar pero a bibliotecaria que o ve pregúntalle: -"Apetéceche entrar, meu rei?" e lévao da man e dille iso que el quere oír "Os libros son para todos", así que ademais de ler alí, fanlle o carné e pode levar un lote de libros para o bosque "teño que devolvelos dentro de tres semanas pero podo traer moitos máis". Unha felicidade!, si, unha felicidade tan grande que lles le aso seus amigos "Había unha vez un oso moi feliz..." O libro ten máis do que se ve, cando oso atopa, de novo, a bicicleta pensa "Igual é que está destinada a ser miña" e volve nela ao bosque, pero tamén podemos observar que só os nenos e as nenas quedan irando para o oso que vai en bicicleta no meido do tráfico, os adultos non se se dan conta. 

Max & Mía cos dragóns de Roser Calafell e Vita Dickinson, traducido por Ramón García Mallo e publicado por La Galera.

Así se presenta: "Somos Max e Mía e dentro da Yellow Van vivimos. / Cada noite viaxamos cando durmimos. / Despois de almorzar imos explorar. / Veña, pasa páxina xa e empeza a xogar."

Cuns debuxos moi expresivos nos que cada personaxe mostra a través da imaxe o seu carácter. Max e Mía (a súa irmá pequena), Irmán (o máis vellos que gusta ler e o fai a todas horas), a nai que baila a todas horas e o pai que é un "manitas". Unha historia rimada (bastante mal, por certo). Nesta aventura a pequena está empañada en aprender a xutar, aparecen nun lugar con animais imaxinarios e tres dragóns; os dous pequenos montan nun deles que lles queima a torre facendo unha broma, mentres tanto os pais e o irmá máis vello que permanecen na camioneta son invadidos por unha praga de volvoretas e outros insectos ata que os outros dragóns lles botan unha bocanada de vento, aparece un cabaleiro repartidos de pizza que aproveita para enfrontarse ao dragón lanzalumes para defender á princesa pero é Lía quen o golpea xutando co balón e o desixa aparvado, así que todos se poñen a comer a pizza. Remata a historia cando na noite se van na camioneta deixando atrás dragóns, castelo e princesa. Daquela comezan as curiosidades e os xogos coa solución ao final. 

Terra tómase un descanso de Emily House, traducido por Silvia Obelleiro e publicado por Picarona. Preséntase así: " Terra atópase mal polo que vai ao médico. O que lle receita o médico parece imposible ata que, ao día seguinte, esperta cun cambio sorprendente. Unha fábula moderna inspirada no confinamento de 2020, Terra tómase un descanso é un conmovedor álbum ilustrado repleto de divertidas ilustracións e cuxa trama leva consigo unha mensaxe esperanzadora." A receita era descanso, ela considera que non pode facelo porque todo o mundo precisa dela, pero cando esperta ao día seguinte non hai coches nas estradas nin avións no ceo, todo está en calma, non había ninguén en ningures e así varios días. Dille un paxariños que os humanos están enfermos e teñen que quedar na casa un mes enteiro. A Terra tamén descansa e todo vai a mellor, incluso os humanos prometen portarse ben e coidar da Terra pois saben que foron eles quen a enfermaron... 

Un par de faltas de ortografía, imaxinamos que erratas, ensucian o texto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario