Queres xogar comigo? de Eric Carle traducido por Ballesteros aparece da man de Kalandraka como o están facendo todfos estes clásicos infantís. Volvemos a narración encadeada, un ratiño que quere xogar e busca con quen, é pequerrecho e vai seguindo rabos (que nos obrigan a adiviñar de que animal se trata) -Ol, amigo, queres xogar comigo? pregunta ao cabao, ao crocodilo, ao león, ao hipopótamo, á foca, ao mono, ao pavo real, ao raposo, ao canguro, á xirafa... ata chegar a xunta unha ratiña que por fin acepta xogar sen poñer ningunha desculpa, póñense a xogar ás agachadas e daquela descubrimos que esa tira verde que viramos na parte baixa das páxinas ao longo de todo o percorrido era unha serpe que queda sen merenda cando os dous ratiños se agachan no tobo.
Na primeira versión o título en inglés equivalía a algo así como "Queres ser o meu amigo?" pero tal vez o xogo se preste máis a compartir ese tempo necesario para facerse amigos. E a amizade, xa vedes, salva de perigos, ademais de divertir e envolvernos en afectos. Queremos xogar, todos os animaliños queren xogar e han de buscar o tepo para facelo porque se pode compartir xogo e traballo, xogo e outras tarefas.
Un libro que vai permitir continuar o xogo coas crianzas porque poden ser moitos outros animais (dos que debuxar rabos) e podemos buscar outros finais, pero, sobre todo, podemos repetir a lectura con eles unha e outra vez ata recoñecer cada animal e as palabras que se repiten.
Ningún comentario:
Publicar un comentario