domingo, 24 de novembro de 2024

Teranga ou hospitalidade

Teranga de Beatriz Maceda é unha novela xuvenil de Beatriz Maceda publicada na colección Fóra de Xogo de Xerais.

Da sinopse:"Vencerse é cousa de se tratar." Este verso da escritora Xela Arias é o xermolo da historia dun grupo de rapazas que son quen de superar todos os atrancos que xorden na súa vida persoal e no instituto grazas á «Teranga» e á riqueza de compartir as palabras que nos definen nas distintas culturas. Aquel fora un curso escolar inesquecible para todas, porque o amor, o compañeirismo e o traballo en equipo lograran vencer fronte ás persoas que non entenden que na diversidade está a mellor das riquezas. E tamén porque formaran un grupo musical, Seneregue, que as unira para sempre." 

Seneregue, unha palabra composta de Senegal e regueifa, de alá e de aquí, dun país de orixe en África e dunha forma de canto improvisada neste que recibe.  Diferentes voces contan a historia dun grupo de rapazas e rapaces dun instituto que se supón da Coruña. Conforme avanza a historia vanse unindo dúas rapazas africanas á que acaba de chegar, esta á compañeira de pupitre que é unha adoptada, en familia monoparental, coa nai mestra responsable e comprometida con todos os valores democráticos. Xa son tres, pero amigo de la é Iván, un rapaz que supera o acoso por homosexualidade grazas ao grupo, igual que o fai as rapazas por diferentes etnia.

"Teranga" é unha palabra en wolof que significa hospitalidade ou acollida. Así se sinten as persoas deste grupo e as que se unirán a elas: ben acollidas. Iván e o seu mozo, Maimouna e Xandra que poden mostrar a súa homosexualidade de forma natural; Maimouna, Fatou e Adama que son de fóra e han de loitar fronte ao grupo de presión dun rapaz que as odia por inmigrantes, seguindo a ideoloxía paterna; Uxía que asiste aos malos tratos por parte de seu pai tanto á nai como a ela. Diversidade sexual e étnica, unha sociedade na que abundan as persoas que están dispostas non só a recibir senón tamén a integrarse nesas outras culturas que chegan para que non sexan sempre os mesmos os que han de adaptarse. Profesorado consciente e disposto a traballar a favor dos valores educativos,a  abrir os currículos aos novoa contidos que nacen dese encontro de culturas e seguir ao alumnado disposto a traballar. Familias que teñen pasado ou están pasando pola violencia de xénero e van saír de aí coa axuda dos demais. Nais e avoas que aceptan sen gretas situacións que non son tan convencionais. Un grupo de música con isntrumentos e ritmos de aquí e de alá. Todo vai ben, de vez en cando a pandilla do "matón" fai acto de presenza pero será quen neutralizado que está pensando en cambiar de instituto.

Tal vez sexa un mundo demasiado bo no que a bondade pesa moito máis que a maldade e se nos faga moi difícil crer nel porque se isto fose así non habería extrema dereita nin votos que a avalaran, non habería acoso escolar nin violencia de xénero porque as persoas e as institucións estarían prestas a intervir. Tal vez sexa case un mundo ao revés onde as relacións homosexuais son maioritarias (as dúas parellas que aparecen), as familias monoparentais (as das dúas protagonistas), todo o mundo disposto a botar unha man e facer posibles os soños da rapazada (facendo música, querendo visitar á avoa africana...) e a presenza da intelixencia feminina coas mulleres que contan, cantan e curan no centro da escena. Ogallá sexa posible, ogallá teña que retirar esa visión negativa, ogallá podamos axudarnos e acabar coas discriminacións,sexan do tipo que sexan... se esta é a maneira de logralo benvida sexa!

Ningún comentario:

Publicar un comentario