Labirinto de Ramón Trigo subtitúlase Diario de viaxe dun artista monocromo e está publicado por Kalandraka na colección MareMar.
Así se presenta:"Unha viaxe ao corazón de África, cuxas paisaxes, cores, sabores e segredos axudaron ao autor a descifrar o seu propio labirinto creativo"
O artista traballa unicamente co gris escuro e o negro intenso ata que emprende unha longa viaxe que lle descobre o labirinto dun continente e as súas cores: o azul do océano, o verde da selva, o amarelo das terras ou as mil tonalidades das froitas. Ao tempo que se abren para el as cores, tamén o fan os olores e sabores descoñecidos, as voces nunca escoitadas, as texturas ocultas, rituais, tradicións e símbolos propios deses mundos, as xentes que o fan posible... Nos seus rostros estaba o segredo do labirinto, eles como Ariadna, poden guialo pola brétema cor azafrán que o define. Á volta, todo iso forma parte del, do propio labirinto pero tamén da imaxe que o espello reflicte.
Un libro de artista que descobre un novo mundo fronte ao seu, que pasa do gris ao multicolor e da liña ao labirinto. Porque a calor ten cor, sen dúbida!
...Un mundo verde con espirais estivo sempre aquí dando cobixo e misterio a unha terra de ríos e mares, de rías e mansedume aprendido do animal totémico: a vaca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario