Amosando publicacións coa etiqueta Carolina Nickelle Lois. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Carolina Nickelle Lois. Amosar todas as publicacións

luns, 16 de xuño de 2025

VII PREMIO DE LITERATURA INFANTIL CARLOS MOSTEIRO 2024

 

Cando o mundo é azul de Óscar Reboiras acadou o VII PREMIO DE LITERATURA INFANTIL CARLOS MOSTEIRO 2024. Aparece publicado por Galaxia e  ilustrado por Carolina Nickelle Lois.

Unha obra moi interesante polo que se nos conta e como se fai.

Unha historia de semellanza sinxela ata o punto de traballar co mínimo de recursos, de limitala na mesma forma na que o neno protagonista só utiliza a cor azul. O núcleo familiar é monoparental e non se fala de máis familia agás ese avó que aparece cando el ten oito anos. Só lle coñecemos a un amigo e non se citan compañeiros ou amigos da nai nin do avó tampouco. O pai é un silencio, algo do que non se fala porque semella non ser necesario. 

Un relato con varias lecturas, no que non é evidente a historia, que en ningún momento se nos explica, simplemente déixase que avance a narración con novos sucesos que achegan información ao paso.  

Recolle a diversidade, nas características de Nuno (con síndrome do espectro autista)no  amigo que vai en cadeira de rodas ou no tipo de familia. O neno  ten tan asimilada a súa situación que lle di ao avó: “Non es raro. Es especial, coma min.”

Hai unha poesía interna, nas conversas, na maneira de entender a realidade, nese azul co que pinta todos os debuxos (o azul do ceo e do mar), no misterio dese astrolabio, nas ensinanzas do avó (como só se ven as luces do ceo cando non as hai na terra)

Porque Nuno é un neno especial que non aguanta os ruídos nin o barullo de xente nin que o toquen. Vive coa nai. Un día chega o avó, mariñeiro que vai botar unha man coidándoo. Lévao á escola asubiando (a Nuno seméllalle que vai chamando a atención), chéiralle... pero acostúmase a el ata o punto de ofrecerlle que compartan cama porque o sofá élle moi incómodo. Resulta dicertida a maneira na que explican cada un deles o problema que lle crea o outro á hora de dumir pero como non dersisten de facelo xuntos. "Os avós traen agasallos", dille o amigo a Nuno, e cando lle pregunta ao avó, este dálle un astrolabio que converte nun tesouro que pode transformar en mil cousas e a historia segue. Un final inesperado.